No que vai de ano rexistrou xa máis dun millón douscentos mil usuarios de preto de 200 países

O Atlas Histolóxico Virtual da Universidade cumpre 10 anos celebrando o seu éxito internacional

Creouse para ofrecer unha ferramenta útil e fácil de usar no estudo da célula e os tecidos animais e

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/09/2017

A idea inicial coa que se publicaron as primeiras páxinas do Atlas Histolóxico Virtual da Universidade de Vigo era crear un sitio web relacionado con diferentes materias da licenciatura en Bioloxía para axudar ao alumnado. Co tempo foi medrando en contidos e apartados, á vez que se ampliou o número, tipo e a nacionalidade dos usuarios e usuarias. Este mes cumpre dez anos e celébrao convertido nunha ferramenta moito máis completa dirixida a calquera persoa interesada en estudar a célula e os tecidos animais e vexetais, con seguidores en preto de 200 países, sobre todo en Hispanoamérica, pero tamén en lugares como Estados Unidos ou a India. No que vai de ano o atlas rexistrou xa máis dun millón douscentos mil usuarios, unha media duns 9000 usuarios por día.

“A idea inicial era tratar só a histoloxía animal e vexetal e o obxectivo eran os nosos propios estudantes, agora traballamos para unha audiencia moito máis ampla e diversa e o foco ampliouse e abrangue outros aspectos relacionados coa bioloxía celular, os órganos animais e vexetais e as técnicas de laboratorio”, explican os profesores Manuel Ángel Pombal, Pilar Molist e Manuel Megías, investigadores principais do grupo de investigación Neurolam da Universidade de Vigo en cuxo seo xurdiu esta iniciativa da que, dez anos despois, se seguen encargando. “O tamaño do sitio medrou enormemente, pero, tanto no deseño como nos contidos, tentamos primar sempre a utilidade da información por encima doutras consideracións. Seguindo este principio, na nosa opinión, o atlas foi mellorando cos anos, tanto na cantidade e variedade de contidos como esteticamente ou en facilidade de uso”, apuntou Pombal.

México encabeza o ránking de países de procedencia dos usuarios e usuarias

O conxunto de seguidores do atlas proceden de 184 países, encabezando a lista de visitas México, de onde proceden o 24% dos usuarios e usuarias, seguido de Colombia (16%), España (9%) e, xa en menor medida, outros países tamén de fala hispana. Pola súa banda, o ránking de lugares non hispanos dos que proceden máis visitantes son Estados Unidos, Brasil e India. “Agora, a medida que imos avanzando na tradución ao inglés dos distintos apartados, medran tamén as porcentaxes de acceso non só desde países como Estados Unidos, senón tamén de Canadá, Malaisia, Indonesia ou Filipinas”, recalcan desde Neurolam.

Aínda que non se pode especificar un perfil de usuario típico, os responsables do atlas entenden que está sendo unha ferramenta empregada maioritariamente por estudantes, non só universitarios, senón tamén do ensino medio, así como gran número de profesionais e persoas interesadas no ámbito da citoloxía e a histoloxía. “Algúns destes perfís coñecémolos a través de mensaxes de correo electrónico dalgúns usuarios e usuarias, que nos comentan aspectos concretos do atlas”, comentan os responsables.

10 anos de crecemento continuo

O atlas tivo un crecemento continuo e máis ou menos constante ao longo destes anos. Conforme foi medrando engadíronse novos apartados sobre os tecidos (histoloxía) tanto animais como vexetais, tales como as seccións dedicadas ás células, aos órganos animais e vexetais, ou ás técnicas histolóxicas; actualmente tamén conta cunha sección de microscopía virtual e outra de descargas, na que ofrecen os contidos en formato mp3 e pdf, e engadíronse algúns vídeos. “Por outra parte cada vez estamos dando máis importancia aos exercicios de autoavaliación de cada un dos apartados para que os estudantes poidan comprobar os coñecementos adquiridos”, recalcan os docentes.

Outra das novidades foi iniciar a versión en inglés da web. Xa está dispoñible unha primeira versión dos apartados da célula e dos tecidos animais e vexetais e na actualidade traballan na sección dos órganos animais. “É un proceso lento pero sen pausa. Curiosamente, este curso académico que vimos de comezar, a materia Citoloxía e Histoloxía I está no programa de internacionalización promovido pola Universidade dentro da Facultade de Bioloxía, impartindo a súa docencia en inglés; polo tanto, a versión inglesa do noso atlas vai ser unha boa ferramenta de apoio para todos os estudantes que decidiron cursar esta materia en inglés”, recalca Pombal.

Todos os contidos son de licenza libre

A difusión que está tendo o atlas é para os integrantes de Neurolam, unha responsabilidade e “á vez” un estímulo para continuar desenvolvéndoo. “Co paso do tempo o sitio converteuse nunha especie de monstro que cada vez demanda máis e máis atención pola nosa parte”, subliña Pombal, ao tempo que explica que a web medrou tanto e ten tantos frontes abertos que as novas achegas dilúense no “maremágnum” de páxinas e seccións. A pesar disto, a súa intención é “seguir alimentando ao monstro na medida das nosas posibilidades. Non hai que esquecer que, como calquera outro profesor, temos as nosas obrigas docentes e investigadoras como actividades prioritárias”, subliñan Pombal, Molist e Megías.

Detrás do nacemento do atlas está tamén a firme crenza dos seus impulsores de que o coñecemento e as ferramentas docentes, sexan as que sexan, deben estar dispoñibles para toda persoa que as precise, independentemente da súa nacionalidade ou status social e sen restrición algunha. “O que coñecemos hoxe en día acerca de nós mesmos e de todo o que nos rodea é o resultado dun esforzo colectivo ao longo do tempo. Por iso, todo o contido deste sitio atópase baixo unha licencia Creative commons by-nc-sa”, explican os docentes.