Durante dúas semanas traballou nel o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio

A intervención arqueolóxica no Castelo de Malpaso remata localizando o seu torreón

Atopouse gran cantidade de restos óseos, cerámicos e de metal

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 22/09/2017

Este venres a intervención arqueolóxica que durante as dúas últimas semanas realizou o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) no xacemento de San Salvador dos Penedos, no Concello de Allariz, pechouse facendo un balance moi positivo dos seus resultados. As sondaxes realizadas permitiron localizar o seu torreón e descubrir a torre da súa porta norte. O numeroso material atopado, entre o que destacan restos óseos de animais empregados na alimentación, permitirán aos investigadores avanzar no coñecemento e datación deste enclave altomedieval, que foi abandonado na segunda metade do século XIII.

A iniciativa enmárcase na estreita colaboración que desde hai varios anos une ao concello ourensán coa Universidade de Vigo en temas de investigación arqueolóxica, contando neste caso con financiamento da convocatoria INOU-17 do campus de Ourense e a Deputación Provincial e a colaboración do propio Concello de Allariz. Esta cooperación, o traballo de transferencia realizado polo Geaat e a implicación dos veciños foron subliñados este venres na súa visita ao xacemento por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Cristina Cid, tenente de alcalde do Concello de Allariz. Polos bos resultados acadados, os representantes das dúas entidades amosaron o seu desexo de que a intervención, da que destacaron "o seu potencial", teña continuidade en vindeiras campañas co obxectivo de avanzar no coñecemento e valorización deste patrimonio.

Catro sondaxes

A intervención arqueolóxica en San Salvador dos Penedos contou cun equipo formado por sete persoas baixo a dirección científica de Patricia Valle e Adolfo Fernández, estando Alba Antía Rodríguez como responsable do traballo de campo. En total, sinalan os responsables do proxecto, leváronse a cabo catro sondaxes arqueolóxicas, dúas na plataforma inferior, xunto á necrópole do xacemento, e outras dúas na plataforma superior, na zona do Castelo de Malpaso ou Castelo de Mouresiños. “As dúas realizadas na plataforma inferior, destinadas a contextualizar as dúas tumbas escavadas na rocha que localizamos o pasado ano e ou localizar estruturas anexas, resultaron negativas, recuperándose escaso material moble, principalmente cerámica”, explican os arqueólogos.

Os traballos realizados na zona do castelo, á que se habilitou un camiño de subida, centráronse na coñecida como porta norte e unha estrutura anexa á mesma xa localizada en 2016. “Nesta zona recuperouse gran cantidade de material (ósos, metais, cerámica, carbóns, etc.) así como información relativa á distribución e funcionamento do castelo”, sinalan os responsables da intervención. Entre este material, Adolfo Fernández destaca unha gran cantidade de restos de madeira “moi ben conservada”, útiles como coitelos e fouces e sobre todo unha gran colección de ósos de animais como cabras, ovellas, porcos e vacas, que formaron parte da dieta alimenticia das persoas que habitaban o castelo na época altomedieval. A segunda sondaxe na zona do castelo realizouse no segundo nivel, o máis elevado, onde se puxeron ao descuberto novos rebaixes nas rochas e restos de muros que conformarían unha estrutura cadrada e que correspondería cos cimentos do torreón do castelo. Este torreón, de catro por catro metros, contaría cunha estancia anterior e unha porta de entrada da que foron localizados os rebaixes na rocha.

“A intervención de 2017 achegou importante información e materiais relativos ao funcionamento da fortaleza, así como dos costumes, ferramentas e alimentación dos seus habitantes. Os traballos centraranse a partir de agora no procesado e estudo dos materiais exhumados, para o que se contará coa colaboración de especialistas en distintas materias”, indica Patricia Valle. Ademais do traballo de laboratorio levaranse a cabo tarefas de restauración leves, de reforzo de zonas e de recheo, para facilitar a conservación do xacemento e se instalarán paneis que informarán aos visitantes deste enclave dos primeiros datos obtidos dun castelo que ata o pasado ano non fora estudado nin escavado.

O xacemento, comentan os responsables da intervención arqueolóxica, trataríase dunha especie de “castellum”, fortalezas pequenas non habitacionais cunha función militar, non relixiosa, e de control do territorio, neste caso da vía de paso entre o val do Limia e o de Arnoia. Feitas en lugares de altura e fortificadas, estas construcións responderían a un momento de inestabilidade no territorio. A localización do Castelo de Mouresiños ou Castelo de Malpaso en San Salvador dos Penedos, engaden, non é casual, xa que nas ladeiras do val de Arnoia, lembran, “concéntrase a maior cantidade de restos da época altamedieval de Galicia”. A datación do castelo obxecto deste estudo indican que estaría entre os séculos VIII e XI, período de "séculos escuros", agardando poder concretar esta datación co estudo dos materiais atopados nesta segunda intervención.