Ademais de España e Portugal, entre as e os 76 asistentes, hai participantes de Xapón, Estados Unido

Os avances en acuicultura centran as presentacións do congreso ibérico de Endocrinoloxía Comparada

O encontro arrancou este xoves na Facultade de Bioloxía e prolongarase ata o sábado

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/07/2017

Afondar nos diferentes sistemas endocrinos dun animal permite coñecer os procesos que ocorren no mesmo e optimizar o seu cultivo ou produción e, consecuentemente, mellorar tamén os procedementos que se empregan na industria acuícola. Nisto traballan centos de investigadoras e investigadores en todo o mundo e unha parte deles participan esta semana no campus na undécima edición do congreso da Asociación Ibérica de Endocrinoloxía Comparada, marco no que se van presentar as investigacións máis recentes relacionadas co mundo da acuicultura de peixes (metabolismo, crecemento, reprodución, resposta ao estrés…). Participan 76 investigadores e investigadoras, fundamentalmente de España e Portugal, pero tamén chegados desde países como Xapón, Estados Unidos, Reino Unido, China ou Polonia.

O encontro, dirixido polo catedrático José Luis Soengas, director do Laboratorio de Fisioloxía Animal da Universidade de Vigo, arrancou esta tarde na Facultade de Bioloxía e a súa inauguración contou coa participación do director do Campus do Mar, Emilio Fernández; a vicepresidenta da Asociación Ibérica de Endocrinoloxía Comparada, Isabel Serrano; o decano da Facultade de Bioloxía, Jesús Míguez, e Antonio Villanueva, do Centro Singular de Investigación Mariña Ecimat, como co-organizador do congreso.

Máis de medio cento de comunicacións en tres días de intenso programa

Nos tres días que dura a xuntanza levaranse a cabo tres sesións plenarias, cinco conferencias invitadas state of the art, 28 comunicacións orais e 32 comunicacións en formato póster. A primeira das conferencias plenarias correu a cargo da profesora da Universidad Complutense, María Jesús Delgado, que falou da ritmicidade dos sistemas endocrinos. A segunda será mañá venres e correrá a cargo de Xavier Bellés, do Instituto de Bioloxía Evolutiva, centro dependente do CSIC e a Universitat Pompeu Fabra, e versará sobre o control endocrino da metamorfose en insectos e a última, coa que se dará por pechado o congreso o sábado, correrá a cargo de Jaume Pérez Sánchez, do Instituto de Acuicultura Torre de la Sal-CSIC, centrarase no uso de tecnoloxías ómicas para a mellora da nutrición en acuicultura.

“No caso das invitacións state of the art o que facemos é convidar a recoñecidos especialistas para pór ao día aos asistentes en temáticas concretas”, explica José Luis Soengas. As persoas elixidas nesta ocasión son, segundo explica o propio Soengas, Miguel López, da Universidade de Santiago de Compostela, que falará sobre o papel de AMPK -formado do inglés: AMP (Activated Protein Kinase)-, na regulación do balance enerxético; Hayato Yokoi, da Tokohu University, que falará sobre a duplicación do xenoma en peixes; Laia Ribas, do Instituto de Ciencias del Mar de Barcelona-CSIC, que falará sobre os procesos de diferenciación sexual en peixes; José Miguel Cerdá Reverter, do Instituto de Acuicultura Torre de la Sal-CSIC, que se centrará no sistema de melanocortinas, e Francisco Javier Sánchez Vázquez, da Universidad de Murcia, que achegará aos asistentes diferentes cuestións relacionadas cos reloxos biolóxicos en peixes.

A metade do peixe consumido na península ibérica procede da acuicultura

Desde o Laboratorio de Fisioloxía Animal, explican que a acuicultura é hoxe en día a actividade económica con maior proxección no eido da produción animal, contribuíndo a xerar produtos de gran valor comercial e respondendo a novos retos da sociedade, como son a mellora na sostibilidade dos recursos naturais e a obtención de alimentos sans e seguros. “Como prevé a FAO, debido á progresiva redución da pesca extractiva tradicional, a acuicultura é a única posibilidade de proporcionar, dun modo sostible, peixe para alimentación humana e actualmente supón aproximadamente a metade do pescado para consumo humano”, explicaba Soengas cando se anunciou a realización en Vigo da xuntanza, intre no que tamén salientaba que os distintos grupos de animais obxecto de estudo na fisioloxía comparada son moi importantes no eido da produción animal, sobre todo na acuicultura, e dentro da mesma a produción de peixes -tanto de auga doce como a troita, a carpa ou a tilapia, como de auga de mar, caso do rodaballo, a dourada, a robaliza, etc. -; moluscos (ameixa, ostra, etc); crustáceos (lagostino, lagosta, etc), e tamén na avicultura (diferentes aves como galiñas, patos, pavos...), etc.