As iniciativas están lideradas por Pío González, Fernando Aguado e Felipe Gil

A Universidade de Vigo acada tres dos sete proxectos seleccionados na primeira edición do Programa Ignicia

Outros tres proxectos da USC e un de Gradiant foron elixidos na fase de maduración e investimento

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/03/2017

Como “unha mostra da calidade dos proxectos presentados e do compromiso da nosa universidade e as nosas investigadoras e investigadores coa transferencias do coñecemento, a xeración de riqueza e o desenvolvemento de resultados de investigación con potencia de explotación comercial”, valora a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo, a selección de tres iniciativas da institución académica viguesa entre as sete elixidas na 2ª fase da primeira edición do Programa Ignicia. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, e coa colaboración da Fundación Barrié, convocou este ano por primeira vez o Programa Ignicia, dirixido a universidades, centros de investigación e tecnolóxicos e fundacións hospitalarias, co obxectivo de avanzar nas etapas de maduración dos resultados de investigación para chegar a súa comercialización. Tras unha primeira fase á que concorreron máis dunha trintena de proxectos, dos que só 25, sete deles da Universidade de Vigo, foron seleccionados, na segunda fase, denominada vía maduración e investimento, o xurado elixiu sete iniciativas: tres das universidades de Vigo e Santiago e unha de Gradiant.

Os proxectos seleccionados foron presentados hoxe nun acto celebrado en Santiago de Compostela, presidido polo titular deste departamento, Francisco Conde e por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, entidade que colabora nesta iniciativa, que Conde prevé que permita “vincular uns 50 empregos, cun investimento de dous millóns de euros”. A intensidade da axuda que recibirá cada proxecto, que será fixada de xeito individual polo Comité de Investimentos, financiará gastos precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos: estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio, ou formulación de propostas a empresas ou investidores que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización. Ademais a Xunta comparte o risco de cada proxecto, ao tempo que garante a súa participación nos posibles beneficios.

Biofast, liderado polos investigadores Pío González, Julia Sierra e Stefano Chiussi; XHS Platform de Fernando Aguado, Arno Formella, Ricardo Tubío, Alberto González e Diego Nodar e UbiSmart, promovido por Felipe Gil, Francisco Javier González, Raja Bose, Jaime Loureiro, Carlos Pérez e Jorge Fontenla, son os tres proxectos da Universidade de Vigo que, tras ser sometidos a unha avaliación exhaustiva, tanto dos seus aspectos técnicos, como de viabilidade económica e comercial, foron seleccionados nun proceso no que participaron expertos de Oxford University Innovation, referente mundial no ámbito da transferencia de tecnoloxía, e que lles permite pasar á fase de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización para a súa proposta á fase de investimento. “Paréceme moi importante que exista en Galicia un programa de maduración de resultados de investigación, pero é necesario máis esforzo nesta liña”, asegura Longo, que considera que cómpre contemplar todo o proceso de maduración de resultados de investigación, con todas as súas fases “e proporcionar algo de apoio profesional na selección das ideas con potencial e no desenvolvemento das mesmas, cando proceda”. A vicerreitora lembra que desde a Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación, Otri, da Universidade de Vigo deuse o máximo apoio posible aos equipos participantes no enfoque e na preparación de solicitudes.

Biofast, próximo obxectivo: ensaios preclínicos para saúde humana

Pío González, Julia Sierra e Stefano Chiussi, integran o grupo promotor dun biomaterial para a rexeneración ósea, Biofast, cunhas características fisicoquímicas que os seus autores considera óptimas e unha similitude co tecido óseo que a converten nun produto de aplicación clínica en traumatoloxía, odontoloxía e maxilofacial, entre outros. “Para nós é unha satisfacción que o noso proxecto fose seleccionado nunha convocatoria tan competitiva, con avaliadores externos que gozan dun gran prestixio, como son os de Oxford University Innovation”, sinala Pío González, que asegura que confiaban na calidade do seu proxecto, que xa participara con anterioridade noutros programas de emprendemento, como Incuvi ou VíaVigo, o que lle permitiu pulir e madurar a súa proposta.

Tras concluír todos os estudos científicos e dispor de mostras deste biomaterial para a rexeneración ósea que poden utilizarse en probas de concepto para aplicacións en odontoloxía e traumatoloxía, o docente e investigador do Departamento de Física Aplicada confirma que “comezamos a introducir este produto no mercado veterinario e o seguinte obxectivo sería avanzar en aspectos regulatorios e ensaios preclínicos para saúde humana. Sen dúbida a concesión deste proxecto será o impulso definitivo para transferir esta tecnoloxía e chegar ao mercado biomédico, acadando que os resultados da investigación redunden en beneficio da sociedade”, asegura González.

XHS Platform, un premio aos esforzo desenvolvido na última década

Fernando Aguado, Arno Formella, Ricardo Tubío, Alberto González e Diego Nodar, conforman o grupo promotor de XHS Platform, un proxecto de valorización e industrialización da plataforma multimisión de pequenos satélites da Universidade de Vigo para a provisión de servizos comerciais de acceso ao espazo rápido, frecuente, fiable e con custo eficiente. “Estamos moi contentos pola selección do proxecto, que premia o esforzo realizado durante os últimos dez anos e o lanzamento con éxito dos tres satélites da Universidade de Vigo: Xatcobeo, Humsat-D e Serpens, que se verán completados polos próximos lanzamentos nos que participa a Agrupación Estratéxica Aeroespacial, tanto desde a Universidade de Vigo, como dos proxectos que apoia”, asegura Fernando Aguado.

O investigador e docente do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións considera o Programa Ignicia un mecanismo moi interesante para apoiar a transferencia de solucións inicialmente desenvolvidas como proxectos de investigación e confirma que no caso concreto de XHS Platform “permitiranos realizar unha análise de mercado detallado, identificando necesidades que ten e terá o mercado e que permitirá orientar os futuros desenvolvementos do grupo de investigación”, explica Aguado.

UbiSmart, creación en Galicia de aplicacións globais

Felipe Gil, Francisco Javier González, Raja Bose, Jaime Loureiro, Carlos Pérez e Jorge Fontenla promoven UbiSmart, un sistema que fai posible executar unha aplicación nos móbiles persoais e que cando esteamos preto dun dispositivo cunha gran pantalla e un teclado convencional se poda enviar a interfaz da aplicación á pantalla externa, para utilizar o seu teclado para interaccionar coa aplicación, que se segue a executar no móbil. Gil, que recoñece a súa satisfacción por estar entre os proxectos elixidos, considera que “a valoración inicial dos expertos axúdanos a enfocar mellor o noso proxecto e dános confianza para traballar con máis ansia para facer que sexa un éxito”.

O docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática destaca que Ignicia esta moi enfocada a conseguir que a ciencia e a tecnoloxía que se desenvolve nas universidades e centros de investigación non quede nun caixón, senón que chegue á sociedade e xere riqueza e isto “coincide coa nosa filosofía, xa que estamos convencidos de que en Galicia podemos crear tecnoloxía que teña aplicación global, o que redundará na creación dun ecosistema que reteña e atraia talento, abra novas posibilidades e xere valor”, sinala Gil.