A profesora María Álvarez Lires foi galardoada co Premio 'uviguala' no acto do Día Internacional das

A Universidade reivindica a educación como a chave para unha igualdade real

A comunidade universitaria sumouse ao paro convocado para este mediodía con concentracións nos tres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 08/03/2017

Reivindicar a educación como a chave para acadar unha igualdade real e efectiva. Esta foi a mensaxe que a Universidade de Vigo quixo lanzar neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, no que a institución recoñeceu o labor da profesora de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires co quinto Premio de compromiso coa igualdade de xénero uviguala 2017. No acto celebrado nesta facultade do campus de Pontevedra, o reitor, Salustiano Mato, puxo de relevo a “traxectoria profesional e vital” de Álvarez Lires, marcada polo seu compromiso coa “transmisión de valores igualitarios que xeren o cambio necesario para acadar unha sociedade máis xusta e democrática”, coa visibilización das mulleres nas ciencias e co feminismo, como recolle no seu fallo a Comisión de Igualdade, ao que a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, deu lectura no inicio dun acto que se pechou cunha conferencia da catedrática do Departamento de Economía Aplicada Coral del Río e a lectura dun manifesto por parte de representantes do alumnado.

“Preocúpanos enormemente que neste momento existan síntomas de regresión, de involución no eido da igualdade”, denunciou o reitor nun acto no que puxo de relevo a importancia da educación neste eido e no que manifestou o apoio da institución académica aos paros convocados para este mediodía e que deron pé a concentracións nos tres campus. “Non temos que esquecer que este é un problema dos homes que sofren as mulleres, nós somos os culpables da existencia da desigualdade de xénero”, engadiu Mato, que denunciou a persistencia de “estereotipos e comportamentos” que provocan unha involución que “fai cada vez máis necesario visibilizar” o traballo de persoas como Álvarez Lires.

Un premio que é de moitas

“Considero que con esta distinción se premia tamén a un conxunto de mulleres coas que aprendín e aprendo case todo o que sei”, salientou tras recoller este “recoñecemento inesperado” esta catedrática de Física e Química de Ensino Secundario e profesora do Deprtamento de Didácticas Especiais da Universidade desde 1999. Xénero, ciencia e educación constitúen os tres piares nos que se asentou o seu labor docente e investigador de Álvarez Lires, recoñecido previamente cun Premio Nacional en Investigación e Innovación Educativa MEC-CIDE, dous premios Educación y Sociedad MEC-CIDE e un de Innovación Educativa da Xunta de Galicia. Cofundadora da Secretaría da Muller da Unión Conferederal do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino (UCSTE) e do sindicato confederado de Galicia STEG e ex-directora do Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, o fallo deste premio uviguala 2017 destaca tamén a súa “intensa labor como organizadora de ciclos de conferencias e actividades formativas” en temas de xénero.

No seu discurso, Lires reivindicou o movemento feminista como “a revolución máis importante dos tempos contemporáneos”, que busca a equidade “en todos os ámbitos e para todas as persoas”, ao tempo que puxo en valor a aplicación da perspectiva de xénero na investigación como unha “lectura crítica que cuestiona a realidade para analizar e transformar a situación social” e crear “novos marcos de pensamento”. Así mesmo, a co-directora do grupo de investigación CIES e vicepresidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero da Universidade reclamou tamén maiores recursos públicos para acabar coa violencia machista, tras lembrar que no que vai de 2017 foron 20 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex-parellas en España. Mais ao mesmo tempo, avogou por un “optimismo transformador” fronte as “ameazas que nubran o horizonte”, como as “guerras pola auga e os recursos enerxéticos, que as mulleres padecemos en maior medida porque nos relacionamos co medio e cos recursos de maneira diferente aos homes, pero tamén porque podemos e debemos ser motor do cambio social”.

A realidade tralas estatísticas

A existencia de “diferentes fendas de xénero” no mercado laboral foron o eixo da conferencia na que Coral del Río puxo cifras a unha problemática que se perpetúa a través de “condicións laborais precarias, elevados niveis de desigualdade salarial e segregación”, da non aplicación da perspectiva de xénero nos convenios colectivos ou do “escaso desenvolvemento” da lexislación protectora contra prácticas discriminatorias. Cifras como o 18,3% no que os datos de Eurostat situaban en 2013 a fenda salarial entre mulleres e homes en España, unha cifra un 3% superior a media da UE que se agrava en sectores como a industria manufactureira (24,3), o comercio (26,1) ou as actividades sanitarias e de servizos sociais (25,4). Fenda que, como lembrou a coordinadora do grupo Ecosot (Economía, Sociedade e Territorio), se reducira nos anos previos á crise para logo volver aumentar e que é de “moita maior contía nos traballos a tempo parcial”, que ocupan máis do 25% das mulleres que figuran nas estatísticas do mercado laboral, nas que, como lembrou “non está apenas recollido” o traballo non remunerado que desenvolven nos fogares moitas mulleres, cualificadas nestas estatísticas como “inactivas”.

Del Río quixo así mesmo deterse nas “consecuencias distributivas perversas” que xera a segregación ocupacional, a que se atribúen “en torno a un terzo destas diferencias salariais”. A pesares de que, “desde principios de século a proporción de mulleres con título universitario é maior que a de homes”, estas continúan a ser maioría nas “ocupacións con baixos salarios”. A catedrática alertou nese senso dos “efectos negativos” que esta segregación ten para as futuras xeracións, ao favorecer “procesos de devaluación salarial”, fomentar a “polarización social” e traer consigo tamén unha perda de eficiencia no mercado laboral por supor un “desaproveitamento do capital humano existente”.

A educación, ferramenta de futuro

María Lorenzo, alumna do programa de doutoramento en Equidade e Innovación en Educación, e Elías Álvarez, estudante do grao en Educación Infantil, foron os últimos en tomar a palabra neste acto e fixérono para reivindicar tamén o papel da educación na loita pola igualdade. “Sabemos que como futuras docentes temos nas nosas mans esas ferramentas necesarias para educar en e para a igualdade, aínda que non sexan poucas as ocasións nas que tiñamos que loitar contra os prexuízos”, salienta o manifesto ao que deron lectura, que tamén pon o foco “na desvalorización e invisibilización das mulleres, mesmo nun ámbito no que somos maioría mais que absoluta, como é o da educación”. Lorenzo e Álvarez, que leron tamén un poema de Jhoana Patiño, incidiron neste senso na necesidade de apoiar ”empoderamento das mulleres, pois compre non esquecer que a igualdade redundará en melloras para toda a sociedade”.

Así mesmo, neste 8 de marzo, a Red de Unidades de Igualdad de Género para la Excelencia Universitaria (Ruigeu) fixo público un manifesto no que reclaman “políticas e medidas valentes” a prol da igualdade e que pon en valor o papel dos estudos de xénero na “comprensión e loita contra as desigualdades”, ao tempo que denuncia a anulación da convocatoria de subvencións para a realización de posgraos de estudos de xénero e actividades relacionadas coa igualdade no ámbito universitario do Instituto de la Mujer y para la Igualdad. “A Universidade debe cumprir un papel fundamental na transmisión dos valores que unha sociedade quere alcanzar”, salienta a Ruigeu neste texto, no que lembra que naquelas contornas nas que se logrou maior igualdade, “conseguiuse tamén maior calidade e excelencia”.

Manifesto 8 de Marzo