Ciencias da Educación e do Deporte acolle a xornada ‘Bo uso e mal uso do mar’

A sustentabilidade do mar require da achega silenciada das mulleres

Os efectos do cambio climático no marisqueo centraron o primeiro dos debates desta actividade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 14/11/2016

Recoñecer e dar a coñecer as achegas, “invisibles e silenciadas”, das mulleres a sustentabilidade do mar constitúe o obxectivo principal da terceira edición das xornadas Bo uso e mal uso do mar, que ao longo deste luns promoven no campus un achegamento á sustentabilidade en feminino. Promovidas pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xunto con Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar e o Consello da Cultura Galega, a terceira edición destas xornadas constitúe así mesmo o punto de partida dun proxecto que, coa colaboración destas institucións xunto coa Deputación de Pontevedra e a Unidade de Igualdade da Universidade, tratará de dar voz a esas achegas das mulleres a través dunha exposición itinerante e da publicación dun libro.

Así o anunciou a coordinadora do proxecto e das xornadas, a profesora María Álvarez Lires, na inauguración dun evento dirixido a “contribuír á mellora dos coñecementos precisos para a comprensión, o uso sustentable e a protección do medio mariño, de importancia estratéxica para Galicia”. Un evento que se abriu cun debate sobre os retos e problemáticas dun sector, o marisqueiro, “con nome, mans e rostro de muller”, como lembrou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. “No mar, as mulleres son protagonistas absolutas”, engadiu o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, quen se felicitou polo “poder de convocatoria” dunhas xornadas que responden tamén a un dos eixos do proxecto de especialización Campus CREA S2i, “que ten como bandeira a innovación e a sustentabilidade”. Xunto a eles, o acto contou coa participación do vicepresidente do Consello da Cultura Galega Francisco Díaz-Fierros, quen lembrou como os referentes clásicos da cultura galega, especialmente da literatura, “foron practicamente alleos” nas súas obras o papel da muller no mundo do mar, “historia que felizmente está a cambiar”.

Os efectos do cambio climático fanse patentes no marisqueo

Moderada pola profesora Azucena Arias, a xornada arrincou cunha mesa sobre os retos e problemáticas do sector marisqueo, no que a catedrática de Zooloxía da Universidade Elsa Vázquez sinalou que os efectos do cambio climático están a ter xa un impacto directo sobre os bancos marisqueiros. “Todas as proxeccións”, lembrou, apuntan a que este derivará en “vagas de calor moito máis recorrentes e nun incremento da intensidade das precipitacións”, que derivará en “eventos meteorolóxicos extremos”. Neste punto, Vázquez lembrou como estes eventos provocaron xa nos últimos anos episodios de “mortalidade masiva de bivalvos”, ao tempo que provocan tamén “alteracións a curto e longo prazo da distribución das especies”. Non en van, os moluscos “estrésanse, como facemos nós”, e isto deriva nun menor crecemento, en que “invistan menos enerxía en reproducirse e tamén en que sexan máis vulnerables” tanto a enfermidades como á converterse en presas doutas especies.

Os efectos do cambio climático, desta volta, no conxunto dos sistemas pesqueiros, constitúen tamén o eixo do traballo que, como beneficiaria dunha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) desenvolverá ao longo dos próximos cinco anos Elena Ojea, que vén de incorporarse como investigadora á Universidade de Vigo. “O cambio climático vai mudar as regras de xogo e temos que ir deseñando as medidas que fagan que, no futuro, ese impacto sexa menor”, salientou Ojea nunha mesa na que subliñou que “os estudos apuntan a que eses cambios van a ser bastante drásticos en 50 ou 60 anos”. De aí que puxese de relevo a importancia de “pensar na xestión sostible a longo prazo”, promovendo investigacións que conxuguen os ámbitos biolóxico e oceanográfico “coa parte social e económica”, xa que serán eses “estudos integradores os que nos van a dar as mellores ferramentas”.

Esta mesa contou tamén coa participación da directora do Centro Oceanográfico de Vigo, Victoria Besada, quen abordou o traballo que desde o Instituto Español de Oceanografía veñen facendo do seguimento da contaminación química nas rías de Pontevedra o Vivo. Máis aló de que a aparición de toxinas constitúe “un proceso natural, está claro que a actividade humana afecta ao seu desenvolvemento”, salientou esta investigadora, que incidiu na necesidade de controlar “as achegas de todo tipo de substancias” que chegan a auga desde múltiples vías. “O mar non é un vertedoiro”, lembrou Besada, quen incidiu na importancia de “cambiar a mentalidade de que o mar pode con todo, que non é verdade”.

Un ano por diante para afondar na achega das mulleres

Unha conferencia de Azucena Arias e a instalación na facultade dos obradoiros do programa do Campus do Mar Mergúllate no Océano, que permitiron ao alumnado achegarse ao labor divulgativo realizado sobre acidificación oceánica, a presenza de microplásticos ou especies invasoras, completaron o programa matinal dunha xornada que se clausura pola tarde na Casa das Campás coa participación da asociación de mariscadoras de Cambados Guimatur. Unhas xornadas que, como lembrou Lires, supuxeron tamén o arranque de Sustentabilidade do mar en feminino, un proxecto que ao longo do vindeiro ano buscará recoller esas achegas das mulleres ao medio mariño e que dará pé a unha exposición itinerante que trasladarán aos diferentes campus da Universidade, centros educativos e concellos, na que se amose, tanto de xeito físico como a través de vídeos, as achegas tanto de investigadoras como das traballadoras do mar.