Almudena Poza e Ester Gandía foron recoñecidas cos II Premios Ernestina Otero

Loitando pola igualdade a través da educación e da arte

Hoxe mércores entréganse estas distincións aos traballos de fin de grao e máster con perspectiva de

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 02/12/2015

Deseñar estratexias para promover a igualdade entre os nenos e nenas de educación infantil e abordar desde a creación artística a violencia machista constitúen os eixos cos que Almudena Otero e Ester Gandía veñen de converterse nas gañadoras dos II Premios Ernestina Otero, que a Concellería de Igualdade promove co propósito de recoñecer as investigacións con perspectiva de xénero realizadas polo alumnado do campus. Por iso, ambas coinciden á hora de sinalar a dobre satisfacción que lles produciu a concesión destes galardóns, que hoxe mércores ás 20.00 horas se entregan na Casa da Luz, polo recoñecemento que implican ao traballo realizado e polo valor que achegan á investigación que se realiza “en favor da igualdade, que, por desgraza, é moi necesario fomentar na nosa sociedade”, como apunta Otero.

“Para min supuxo unha reafirmación do que veño traballando na miña práctica artística, demostra que o que facemos importa e se necesita”, engade Ester Gandía, quen, por atoparse residindo en México, non poderá acudir esta tarde ao acto de entrega duns galardóns dos que destaca a súa vontade de ofrecer “un recoñecemento social a aquelas que traballamos coa perspectiva de xénero e nos interesa aplicar nos nosos estudos a igualdade entre mulleres e homes”.

Desmontando estereotipos nas aulas

A aprendizaxe cooperativa como ferramenta para fomentar a igualdade entre sexos os sexos na escola infantil é o título do traballo realizado por Poza, coa profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Azucena Arias como titora, e polo que nesta xornada será recoñecida cun premio económico de 2000 euros, que recibe “con moita alegría e emoción”. Promover “tarefas, recursos e estratexias con perspectiva de xénero” para desenvolver nas aulas de educación infantil un traballo cooperativo que contribúa a promover valores de igualdade é o propósito dun proxecto que esta egresada desenvolveu no marco das prácticas que realizou como estudante do grao en Educación Infantil no colexio Sagrado Corazón de Pontevedra.

“O proxecto amosa como se pode traballar co alumnado desde idades temperás desmontando estereotipos de xénero e roles que a sociedade fai que interioricemos desde moi pequenas e pequenos”, salienta Poza dun traballo que, ademais do estudo de bibliografía sobre aprendizaxe cooperativa e igualdade, implicou tamén a propia posta en práctica dunha serie de actividades dirixidas a traballar no fomento da igualdade entre nenos e nenas de 3 a 6 anos. Actividades que, recoñece, permitíronlle comprobar como as reflexións que promovían contribuían a un “cambio de perspectiva” nos cativos respecto destes roles e estereotipos.

Arte contra unha violencia estrutural

Oito obras artísticas que, “a través de diversos recursos e medios”, materializan un discurso conectado cunha realidade social “baseada no patriarcado” e na violencia contra as mulleres, “exercida estrutural, simbólica e directamente” convertéronse no resultado material do proxecto desenvolvido por Ester Gandía para o seu traballo final no máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación. Un traballo que realizou co profesor da Facultade de Belas Artes Xosé Manuel Buxán como titor e polo que foi recoñecida cun premio de 1000 euros, nunha categoría, a de traballos de fin de máster, na que o xurado decidiu deixar deserto o segundo premio.

“Entendendo a creación artística como estratexia reflexiva, desde unha incursión teórico-práctica”, Gandía abordou no seu proxecto a lacra da violencia machista a partires de “tres elementos formais; texto, corpo e espazo”, tomando “como punto de partida unha experiencia autobiográfica” co propósito de conectala realidade social a través dunha “constante incursión conceptual do testemuño e da memoria”, como acontece, por exemplo, no caso da instalación Resiliencia, que realizou partindo dunha denuncia por agresión sexual e de datos sobre violacións no estado mexicano de Jalisco. O persoal é político: a creación artística como estratexia reflexiva acerca do papel da muller na sociedade patriarcal é o título deste proxecto que, como sinala, parte “do traballo realizado historicamente desde a teoría e a creación artística feminista e da premisa de que o persoal é político que estas abandeiraron”, para xerar unha serie de obras que, aínda que parten das súas propias experiencias vitais en España e México, “aluden a un contexto socio-cultural universal”.