O deseñador Diego Vainesman impartiu unha conferencia en Ciencias Sociais e da Comunicación
Da Vinci e o primeiro logotipo de historia
No seu relatorio realizou un percorrido humorístico pola historia das imaxes corporativas
O home de Vitruvio, o recoñecible debuxo que Leonardo da Vinci realizara nun dos seus diarios, é para o deseñador Diego Vainesman “o primeiro isotipo (icona que representa a unha marca) da historia, aínda que nunca se rexistrase”. Con esta idea puxo inicio o que fora director do Type Directors Club de Nova York ao relatorio que este xoves impartiu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e no que realizou un percorrido pola historia da creación de logotipos e imaxes corporativas tomando como punto de partida as formas xeométricas básicas, como o círculo e cadrado que envolven ao home debuxado por Leonardo nese estudo das proporcións anatómicas.
“Esta é unha presentación humorística, ou sexa que non hai que tomalo todo moi en serio”, advertiu ao inicio da charla o director do estudo 40N47 Design de Nova York, que nestes días es atopa no campus impartindo un seminario ao alumnado do máster en Dirección de Arte en Publicidade e que nesta xornada presentou ao alumnado un relatorio titulado Logos, identidade e o xenio da República de Florencia. Nel o debuxo de Leonardo da Vinci serviulle como “escusa” para afondar no proceso de creación de logotipos e isotipos. “Non quería facer unha presentación seria explicándolles a historia dos logotipos, porque xa hai moitos libros nos que está todo iso escrito”, salientou este deseñador, que empregou as figuras xeométricas como nexo central da súa conferencia, “para a partires de aí irnos de paseo a outras cousas máis divertidas”. Así, nun relatorio “didáctico pero divertido”, Vainesman abordou cuestións como “que acontece cando lle quitamos a cor a todo”, amosando unha serie de produtos que seguen a ser recoñecibles a pesares de estar completamente pintados de branco, como unha botella de Coca-Cola, acción coa que tratou de pór de relevo que “o deseño industrial é tamén moi importante” na creación da identidade dunha marca.
A base está na xeometría
“O meu punto de partida é que todo parte de Leonardo”, apuntou Vainesman, que incidiu en que dúas das figuras xeométricas máis básicas, o círculo e o cadrado, forman parte dun deseño, “que en bosquexos previos tamén incluía un triángulo”. E un triángulo de cor vermella é precisamente a base dun dos logotipos máis antigos, o da cervexeira británica Bass, “o primeiro que se rexistrou en Inglaterra, a finais do século XIX”, salientou este director de arte, que ao longo da súa traxectoria ten traballado para firmas como American Express, Canon ou IBM, como lembrou o director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, Pedro Pablo Gutiérrez, na presentación do conferenciante.Partindo desas figuras presentes no Home de Vitruvio, Vainesman foi presentando o alumnado unha serie de isotipos creados a partires de círculos, cadrados e triángulos, nun relatorio no que puxo de relevo a importancia da xeometría no deseño de identidades corporativas. “Cando ves un logotipo, hai un proceso de coñecemento polo cal o primeiro que vai recoñecer o cerebro é unha forma, despois veñen a cor e o nome”, sinalou o conferenciante, que incidiu na importancia de “partir do básico” para crear a imaxe gráfica dunha empresa ou entidade. Exemplos como a Cruz Vermella, Xbox ou Xerox serviron neste relatorio para afondar nas moitas maneiras nas que unha identidade corporativa ten como base a xeometría. “Iso non quere dicir que estea mal facer outro tipo de logotipos, pero penso que os estudantes teñen que aprender partindo da base, que para min é a xeometría, que é o máis fácil de ver”, engadiu.