Ciencias da Educación e do Deporte acolle unha xornada sobre a preservación dos océanos

Por unha “nova cultura do uso do mar”

O británico David Uzzell abordou a necesidade de achegar á cidadanía aos efectos do cambio climático

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 26/10/2015

Concienciar a aqueles e aquelas que o día de mañá se dedicarán a formar ás novas xeracións da importancia dos océanos na sustentabilidade do planeta é o propósito central das xornadas Bo uso e mal uso do mar, que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte promove este luns xunto co Campus do Mar e o Consello da Cultura Galega. A través de diferentes relatorios e obradoiros, esta iniciativa busca afondar na necesidade de promover unha “nova cultura do uso do mar”, como salientou na súa inauguración o coordinador da sección Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, quen defendeu a importancia dun labor educativo que permita facer que todo o coñecemento científico xerado arredor dos océanos “tamén sexa participado polo que son os protagonistas do seu uso”.

“Para Galicia o mar ten unha importancia vital”, engadiu nese mesmo a profesora María Álvárez Lires, coordinadora dunhas xornadas que tratan de amosar “cales son as boas e malas prácticas”, co propósito de que os profesores e profesoras do día de mañá "actúen en favor do medio ambiente”. Para iso, este seminario, que está ser retransmitido por UVigo-TV, combinou os relatorios da catedrática da Universidade de Umeå (Suecia) Nora Rhätzell, da investigadora do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas de Cabo Verde Elisia Silva e do catedrático da Universidade de Surrey (Reino Unido) David Uzzell, coa instalación na facultade dos obradoiros do programa Mergúllate no Océano, do Campus do Mar. De aí que o vicerreitor Juan Manuel Corbacho fixese énfase no carácter transversal e internacional desta xornada, “dous dos grandes eixos do noso proxecto de especialización Campus CREA”, nun acto inaugural no que tamén estiveron presentes o director do Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar, Emilio Fernández, e o decano, Vicente Romo.

Como achegar o cambio climático á realidade local

Xunto coas diferentes actividades que tiveron lugar na facultade, esta xornada completase co relatorio que esta tarde imparte na Casa das Campás o catedrático de Psicoloxía Ambiental David Uzzell, quen tratará de dar resposta á pregunta de por que coñecer as consecuencias do cambio climático non provoca cambios no comportamento da cidadanía. “Temos que facer o cambio climático real para a xente, comunicarlle os seus serios efectos dunha forma persoal, inmediata, local e concreta”, salienta este investigador, para quen “a xente tende a pensar que o cambio climático si terá un grande efecto a nivel global, pero non uns efectos significativos localmente”. De aí que este investigador británico poña o acento na necesidade de desenvolver “políticas e accións que conciencien á cidadanía de que temos que actuar nos nosos propios barrios ou nos nosos centros de traballo”, para o que considera preciso un labor de comunicación co que facer chegar á xente como “vai afectar as súas vidas ou aos seus traballos”.

“Estamos a falar todo o tempo sobre o que pasará dentro de 40 anos e a xente que non sabe se vai estar no paro a vindeira semana non pensa a 40 anos vista”, engadiu este profesor, quen no seu relatorio proporá exemplos concretos, como os lumes forestais ou as inundacións, coa idea de amosar como os “episodios climatolóxicos extremos, que están a suceder dunha forma máis frecuente e intensa, teñen unhas consecuencias” directas na vida das persoas. Nesa mesma liña, Uzzell avoga tamén por concienciar á cidadanía de que as actuacións que poden realizar para combater o cambio climático non teñen porque ser vistas como “un cambio no seu estilo de vida polo que terán que deixar de facer cousas”, senón como un cambio “que pode levalos a unha vida mellor e máis saudable”.

A importancia de promover un desenvolvemento sostible centrou así mesmo o relatorio de Nora Rhätzell, centrado en afondar nas relacións entre a natureza e o mundo do traballo a partires das entrevistas que realizou a 120 responsables sindicais de diferentes países. Nese senso, esta catedrática de Socioloxía defendeu que “os seres humanos teñen que pensarse como parte da natureza, non como algo alleo” e o traballo como un proceso que implica “unha transformación constante da natureza”. Partindo destas ideas, Rhätzell presentou ao alumnado tres formas de entender esa relación entre traballo e medio ambiente; a tecnolóxica, que ve a natureza “como unha fonte de recursos” e que é máis frecuente cando “non existe ningunha forma de relación entre o traballo e os recursos naturais que se están a utilizar"; a antropocéntrica, que aborda esa relación “desde o punto de vista das necesidades humanas”; e a holística, que promove “unha alianza de traballo e natureza”, pola que é preciso “cambiar as relacións sociais de produción”.

O mar con perspectiva de xénero

Outro dos obxectivos da segunda edición de Bo uso e mal uso do mar era abordar a conservación dos océanos desde unha perspectiva de xénero, grazas á participación da investigadora caboverdiana Elisia Silva, que afondou nos efectos que tivo no seu país non ter en conta a realidade das mulleres nas políticas pesqueiras. “É moi importante concienciar de que todos temos o mesmo dereito de acceso a eses recursos”, salientou Silva da Cruz, que incidiu en que, a pesares diso, homes e mulleres xogan neste eido roles diferenciados. “Por exemplo, a muller ten un papel máis relacionado coa comercialización ou máis vinculado coa recollida de marisco”, salientou a investigadora, que incidiu neste senso, en que, se ben a muller xoga “un papel importante no mundo da pesca, este non é visible”.

Nese senso, Silva relatou experiencia vivida no seu país, onde “políticas que non contemplaban á muller causáronnos danos a nivel ambiental”. Segundo apuntou, o feito de que non se tivese en conta a realidade das mulleres nas comunidades pesqueiras motivou “que para ter unha actividade económica, debido ao problema de pobreza que existe no noso país, tivesen moitas veces que recoller e vender especies en veda”. Faltaban, engadiu, “tanto o coñecemento das especies como alternativas de emprego”, motivo polo que o labor de formación e sensibilización realizado posteriormente, así como “a integración da muller en diferentes ámbitos”, trouxeron consigo “un impacto positivo no medio ambiente e na calidade de vida da comunidade”.