Nova convocatoria do programa de apoio aos grupos musicais universitarios

Ensaiamos?

A Universidade pon ao seu dispor un local, equipamento básico e asesoramento

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 30/09/2015

Que a falta dun local de ensaio non sexa un freo para a creatividade musical universitaria. Ese é o obxectivo do programa Ensaiamos, unha iniciativa de Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais que ofrece un espazo gratuíto e equipamento básico aos grupos formados en parte ou na súa totalidade por membros da comunidade universitaria. O local que se pon a disposición dos grupos ou solistas é o Teatro Vidal Bolaño, situado na Cidade Universitaria, e todos os interesados e interesadas en participar no programa teñen ata o 7 de outubro para tramitar as súas solicitudes.

Ademais do local, os músicos poderán dispor dun equipo que consta dunha batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, un amplificador de baixo de 150w, unha mesa de mesturas, dous altofalantes e catro micrófonos. Entre os participantes establecerase un horario de uso do local e do equipo, podendo elixir de 12.00 hora a 15.00 horas e de 17.00 a 21 horas tres días ás semana. O vindeiro 8 de outubro terá lugar unha primeira xuntanza para definir os horarios. O requisito imprescindible é que, polo menos, dous integrantes do grupo sexan membros da comunidade universitaria, se ben deben ser tres se a banda ten cinco ou máis compoñentes. Tamén se aceptan solistas ben para formar un grupo entre solicitantes dunha nova banda, ben para integrarse nalgún grupo que precise completarse.

14 grupos e solistas na pasada edición

Na pasada edición participaron en Ensaiamos 14 grupos e solistas. E é que esta é a segunda edición do programa na que se poden inscribir tanto bandas como solistas que busquen integrarse nun grupo xa formando ou que queiran fundar un novo entre eles. Todos eles poderán practicar e adestrar as súas habilidades musicais durante os vindeiros meses pero tamén terán a oportunidade de subirse a un escenario, xa que o programa culmina na primavera co Festival Ensaiamos-Colleita. Esta iniciativa inclúe un concerto que ofrece unha selección dos grupos do programa no Teatro Vidal Bolaño e unha serie de microconcertos que teñen lugar no Centro Comercial de Cidade Universitaria en diferentes datas. Ademais, a pasada edición de Ensaiamos engadiu un novo aliciente para os grupos, a posibilidade de gravar unha maqueta. Os votos dun xurado profesional e do público elixirán a banda gañadora, que poderá gravar unha maqueta que lle dará pulo ao inicio da súa carreira musical.

Na pasada edición do festival subiron ás táboas do Vidal Bolaño Los Turbis, Kas Limón, IGN, Thelema e Cool Cucumbers e foron precisamente estes últimos os que se impuxeron. No mes de xuño entraron a gravar no estudio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co reputado produtor Javier Abreu. Nuns meses será a quenda dos gañadores da edición 2015-2016.