A nave de cargo que porta o Serpens partiu desde Xapón cara a Estación Espacial Internacional

O terceiro satélite con selo vigués xa está no espazo

Deseñado pola Axencia Espacial Brasileira coa colaboración da UVigo forma parte da constelación Hum

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 19/08/2015

Despois de que a climatoloxía adiase o seu lanzamento en dúas ocasións, ás 13.50 horas deste mércores despegou da base xaponesa de Tanegashima a nave de cargo Kounotori5, con destino á Espación Espacial Internacional. No seu interior viaxa o que é o terceiro picosatélite con selo vigués, o Serpens, deseñado pola Axencia Espacial Brasileira coa participación da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo, o que o converte no terceiro nanosatélite con selo vigués que sae ao espazo, despois do Xatcobeo e o Humsat, ambos deseñados integramente na Universidade. Apenas 15 minutos despois do lanzamento, a nave de cargo desprendíase xa das últimas partes do foguete co que foi lanzado ao espazo pola Axencia Espacial Xaponesa (JAXA), para continuar o seu rumbo cara a Estación Internacional, á que está previsto que se acople o vindeiro luns 24.

Tras comprobar xunto cos investigadores da agrupación e o comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán, que o lanzamento do Kounotori5 saíu segundo o previsto, o director da agrupación aeroespacial, Fernando Aguado, destacaba que o satélite que é froito da colaboración da UVigo co proxecto Serpens, da Axencia Espacial Brasileira, “converterase no segundo satélite da constelación Humsat”. Este proxecto liderado pola institución viguesa e auspiciado pola ONU e pola Axencia Espacial Europea está dirixido a coñecer se unha constelación de pequenos satélites podería permitir o fomento das capacidades do sector espacial en países emerxentes.

“Nestes días, a nave irá facendo todas as manobras precisas para o seu acoplamento final, e unha vez alí, os astronautas recollerán o satélite para incorporalo a un brazo robótico no que, aproximadamente dentro dun mes e medio, lanzarase ao espazo”, apunta Aguado. Será entón cando se poña en órbita o resultado final dun proxecto no que participaron as universidades brasileiras de Minas Gerais, Federal de Santa Catarina e Federal do ABC, así como o Instituto Federal Fluminese, a Morehead State University e a California State Politechnic dos Estados Unidos, xunto coa universidade italiana da Sapienza e a Universidade de Vigo. Neste senso, o responsable da Agrupación Aeroespacial destacou a “forte experiencia” que proxectos como este achegan á institución viguesa nun campo, o do deseño de nanosatélites, no que “a Universidade se atopa nunha posición moi boa” e no que “as predicións do mercado apuntan a que vai a ser un sector punteiro nos próximos anos”.

Un novo paso no proxecto Humsat

Tres investigadores da Universidade, Diego Nodar, Alberto González e Antón Vázquez desprazáronse hai uns meses a Brasil para participar na integración e na proba do Serpens, un cubesat dividido en dous sectores, un sector A dirixido a probar en órbita unha plataforma de baixo custo; e un sector B, deseñado polos enxeñeiros vigueses, que inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada do Humsat. “O obxectivo deste segundo sector é recoller datos de diferentes sensores na terra”, apunta González, que explica que desde a Universidade colaborouse con este proxecto “desde o principio, dándolles soporte de enxeñaría e axudándoos en todo o proceso”. Do mesmo xeito, a Universidade de Vigo seguirá a xogar un papel activo unha vez o Serpens sexa posto en órbita, momento no que se converterá nun novo paso adiante do proxecto Humsat, ao implicar unha evolución dos sistemas de comunicacións empregados no satélite demostrador que permitirá comprobar se as comunicacións con este tipo de nanosatélites poden realizarse tamén en presenza de interferencias pulsadas. “Incorporamos mecanismos para que, en presenza desas interferencias, as comunicacións entre os sensores e satélite, sigan funcionando”, apunta Aguado, que incide en que a experiencia vivida co Humsat permitiu comprobar que “existían máis dificultades” para esa comunicación en determinadas zonas do hemisferio norte, polo que o Serpens podería contribuír ao desenvolvemento “dun sistema máis fiable en situacións afectadas por altos niveis de interfencias”.

Mes e medio de agarda

Segundo explica Aguado, unha vez a carga da nave sexa almacenada na Estación Espacial Internacional, haberá que agardar a súa exección, momento no que dará comezo unha “fase de posta en marcha do satélite”, chamada LEOP (Launch&Early Operations Phase), na que se realizan “as probas de comprobación de que a plataforma e a carga útil do satélite están en perfecto funcionamento”.

Tras esta fase de probas, que duraría aproximadamente tres semanas, pasaríase xa á de funcionamento ordinario, na que o Serpens comezaría a recoller información de sensores de baixo custo instalados en diferentes zonas do planeta, que transmitiría tanto a Brasil como a Vigo e cos que se poderían comprobar as melloras realizadas ao sistema de comunicacións deseñado para o Humsat. Nese senso, Aguado explicou que “ao ser unha colaboración con Brasil, a nosa idea é facer probas para poder monitorizar, por exemplo, parámetros da conca hidrográfica do Amazonas”. Mais ao mesmo tempo, o nanosatélite ofrece tamén a posibilidade de “parámetros climáticos ou industriais en calquera parte do mundo”, como engadiu o coordinador da agrupación. Con ese obxectivo, explica González, o proxecto Serpens contempla a instalación de 15 terminais en diferentes puntos do Brasil, ás que sumarán tamén os existentes en Vigo ou en Pontevedra, froito do convenio asinado entre a Universidade e o Concello.