O profesor Enrique Varela participou na elaboración dun modelo de certificación de competencias dire
Como debe ser o persoal directivo das administracións?
A iniciativa da Fundación para los Compromisos de Calidad trata de impulsar unha avaliación independ
Cando unha crise “vai máis aló das cuestións económicas” para traducirse “nunha perda crecente de lexitimidade institucional, faise necesario abordar novas estratexias que reforcen a credibilidade dos directivos e técnicos públicos”, e con ela, a das administracións que representan. Así o entende o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Enrique Varela, un dos expertos que participan no deseño dun modelo de certificación de competencias directivas, impulsado pola Fundación para los Compromisos de Calidad, que trata de definir un marco de acreditación de competencias, formación e habilidades que contribúa a outorgar “maiores garantías aos cidadáns” respecto daquelas persoas que se van a encargar de dirixir e xestionar os programas e recursos públicos.
“En esencia, trataríase de que os directivos públicos profesionais puideran ser seleccionados a partires de procesos obxectivos e que certificasen as súas competencias de forma periódica e independente, deixando atrás o modelo ‘dedocrático’ da libre designación sen xustificación de mérito, capacidade e idoneidade”, engade Varela dunha iniciativa iniciada hai tres anos e que vén de concluír a súa “fase teórica” coa definición dun modelo de certificación de competencias. Un modelo no que se propoñen unha serie de fórmulas para acreditar aspectos como os coñecementos en materia de xestión administrativa, orzamentaria ou de recursos humanos, as capacidades de planificación estratéxica, responsabilidade social ou avaliación de resultados, a responsabilidade na toma de decisións ou as habilidades para a negociación ou o liderado.
Un modelo asentado en sete eixos
Este profesor da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 foi un dos 28 expertos e expertas que formou parte dos comités encargados de definir eses esquemas de certificación que, explica, son o resultados de preto de tres anos de “traballo colaborativo”. Xunto á Miguel Hernández, Vigo foi a única universidade que contou cun representante nunha iniciativa na que tamén tomaron parte expertos de diferentes institucións públicas e organizacións de formación, así como profesionais de diferentes administracións.Entre todos eles, deseñaron dunha serie de esquemas en función do número de integrantes dos equipos de traballo e das contías orzamentarias que cada directivo ten a responsabilidade de xestionar, que teñen como denominador común o chamado "modelo HEAD" (Habilidades Esenciais da Alta Dirección), un compendio de requisitos en materia de formación, habilidades, experiencia ou competencias que ao seu xuízo deberían esixirse aos directivos e directivas públicas. Conduta ética, gobernanza e estratexia, liderado e innovación, creación e xestión de equipos, comunicación e transparencia, orientación a resultados e xestión de recursos públicos son os sete eixos deste método de avaliación “innovador e baseado en certificacións externas”, salienta Varela.




