Representantes da asociación de enfermas de cancro Adicam mantiveron un coloquio co alumnado

Experiencias vitais que amplían a formación dos futuros fisioterapeutas

A facultade promove unha serie de actividades con colectivos sociais e asociacións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 29/04/2015

No seu futuro profesional, os titulados e tituladas en Fisioterapia terán que facer fronte a patoloxías e problemáticas que, máis aló dos aspectos puramente clínicos, teñen tamén unhas consecuencias na vida diaria das persoas que as padecen, dos seus futuros e futuras pacientes. Por ese motivo, na facultade do campus pontevedrés desenvólvense unha serie de coloquios con representantes de diferentes asociacións e colectivos, “que moitas veces lles achegan unhas experiencias vitais que resultan moi enriquecedoras na súa formación”, como salienta o profesor Lois González. Experiencias como as que na tarde do martes centraron o coloquio que achegou ata Fisioterapia a representantes da Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama Adicam.

“Para nós é unha experiencia moi importante, cremos que achegarnos á xente que se está formando é o mellor camiño para conseguir que os futuros profesionais teñan unha visión máis ampla do que é unha paciente cun cancro de mama”, salienta Loli González, psicóloga de Adicam, respecto do coloquio que este colectivo con sede en Cangas protagonizou no marco das actividades promovidas pola Comisión de Actividades Culturais da facultade. A actividade levouse a cabo dentro da materia de terceiro curso Linfedema, xa que esta é unha patoloxía frecuente entre aquelas persoas, que por mor dun cancro de mama, son sometidas á extirpación dos ganglios linfáticos na súa axila, o que converte á drenaxe linfática nun dos tratamentos cos que os e fisioterapeutas poden axudar a mellorar a súa calidade de vida. “Poder facer partícipes aos futuros profesionais da fisioterapia das vivencias que ten unha muller, antes, durante e despois de padecer un cancro de mama é algo moi valioso”, engade esta piscóloga, que incide en que un dos propósitos de Adicam nesta actividade era precisamente amosar aos futuros titulados e tituladas “como poden axudar a mellorar a súa calidade de vida, xa que os fisioterapeutas teñen un labor moi importante” á hora de abordar as secuelas que produce o linfedema ou a amputación dunha mama.

Ana María Romero, Duly Lagoa, Esperanza Gil, Marta Marchena e Fina Acuña, integrantes da xunta directiva desta asociación fundada en Cangas no ano 2000, foron as encargadas de achegar o relato de como é o día a día das mulleres operadas dun cancro de mama neste coloquio, no que tamén informaron ao alumnado do labor que vén realizando esta asociación. Integrada por preto dun milleiro de socios e socias de toda a provincia, Adicam desenvolve un labor de “apoio emocional e atención psicolóxica ás persoas que pasan por un cancro de mama e as súas familias”, ao tempo que leva a cabo outra serie de iniciativas “dirixidas a poboación en xeral, coas que tratamos de promover hábitos saudables e informar do importante que é a detección precoz”, relata González.

Un achegamento á realidade social que se integra no plan de estudos

O coloquio promovido pola comisión que preside González Dopazo, e aberto tanto ao alumnado como ao profesorado do centro, levouse a cabo no marco da materia Linfedema, posto que un dos eixos á hora de promover este tipo de actividades é “que teñan unha relación coa docencia que se lles imparte”. Neste senso, González Dopazo incide en que “a drenaxe linfática é unha das actividades específicas máis relevantes dentro da fisioterapia, ao igual que o é o tratamento de enfermidades neuromusculares”. Precisamente por iso, o alumnado que cursa Especialidades Clínicas I recibe este mércores a visita de Graciela Cortizo e César Maquieira, representantes da Asociación de Enfermidades Neuromusculares de Pontevedra Asem, “que falarán do que é o día a día dunha persoas que padece unha doenza deste tipo, das dificultades de diagnóstico, do seu tratamento...”, explica este docente.

“Cremos que é un complemento formativo interesante para o alumnado, que tamén lles permite achegarse á realidade do voluntariado e o asociacionismo”, engade González Dopazo, que incide en que poder intercambiar impresións con persoas que “lles contan a súa experiencia vital é moi enriquecedor para o alumnado”.

Con eses mesmos propósitos, este ciclo de coloquios continuará o vindeiro mércores 6 de maio co relatorio dun representante do Banco de Alimentos de Pontevedra, “que lles falará duns temas moi relacionados cos contidos da materia Saúde Pública”.