Un grupo de alumnas e tituladas vence na competición 'Talento and Co', organizada pola empresa Trend

Esdemga proclámase gañadora dun concurso estatal de escolas de moda

Logran un premio de 50.000 euros e a fabricación dunha colección cápsula cos seus deseños

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 30/01/2015

Meses de traballo deseñando e confeccionando as prendas da súa colección Human 2.0 tiveron na noite deste xoves a mellor das recompensas para o grupo de alumnas e tituladas co que os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) participaron na primeira Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co. Centros de todo o estado concorreron a este concurso organizado pola firma Trendipia coa colaboración de Inditex, que onte celebraba en Madrid a súa gran final, na que o xurado tiña que decidir cal dos seis proxectos finalistas sería o merecedor dun premio de 50.000 euros. Un galardón ao que se suma a fabricación dunha colección cápsula cos deseños seleccionados, que non son outros que os que realizaron as alumnas Paula Sobrino, Tatiana Rico, Raquel Chapela e as tituladas Pilar Ullod e Carlota Pérez

“A verdade é que aínda estamos moi emocionadas e moi nerviosas, non só polo premio, senón por todo o que implica”, apuntaba Sobrino poucas horas despois de saber que Human 2.0 foi a colección que máis convenceu a un xurado composto polos deseñadores Miguel Palacio e María Fisherman, a estilista Blanca Unzueta, a redactora da revista Elle Laura Somoza e o director de produto de Trendipia, Antonio Pernas. “Competíamos con proxectos moi bos, polo que foi unha gran sorpresa”, salienta esta alumna, que incide na importancia que para elas ten este premio “non só polo diñeiro, senón tamén polo recoñecemento” e pola posibilidade de ver como algunhas das súas prendas serán fabricadas e comercializadas pola empresa organizadora. A esta estudante correspondeulle defender diante do xurado as virtudes dunha colección pensada “para vestir á muller do futuro” na final celebrada nas instalacións de Zara da rúa Serrano, á que tamén concorreron o Instituto Europeo de Deseño (IED), a Escola Universitaria de Deseño, Innovación e Tecnoloxía (Esne) de Madrid, a Escola Superior de Deseño (Esdi) de Sabadell, o Centro Universitario de Deseño Bau de Barcelona e a EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Importante proxección para a titulación

Xunto ás deseñadoras de Human 2.0 viaxou a Madrid Lola Dopico, directora de Esdemga e coordinadora do grupo de traballo co que a titulación participou nunha competición á que as escolas podían concorrer cun equipo de cinco persoas, integrado por estudantes de último curso e un máximo de dous titulados e tituladas. “A verdade é que competías coas mellores escolas de España, con centros con moita visibilidade e moita tradición detrás, polo que o premio é moi importante”, recoñece Dopico, que destaca a proxección que suporá para Esdemga terse proclamado gañadora dun “concurso que non buscaba o mellor estudante, senón a mellor escola, a través dunha colección que, traballando en equipos, fose creada ex profeso só para este evento”. Neste senso, a directora de Esdemga fixo énfase tamén no feito de que “a calidade da túa colección fose ratificada por un xurado do que formaban parte representantes dos medios especializados máis importantes de España, porque iso significa que nos identifican como unha escola de referencia”.

Un día de “moitos nervios” que pecha meses de traballo

Crear unha colección desde cero era o reto ao que se enfrontaron nos últimos meses os diferentes equipos participantes nunha competición que en outubro seleccionaba os seus doce semifinalistas, que previamente presentaran os seus anteproxectos ao concurso. Esdemga formou parte desa primeira selección e, tras deseñar xa tanto os bocexos das diferentes prendas como un proxecto de marca, imaxe corporativa e espazo de venda, o grupo responsable de Human 2.0 lograba en novembro converterse nun dos seis finalistas que, ao longo das últimas semanas, traballaron por converter en realidade o trazado no papel.

“A verdade é que supuxo moito traballo, pero sempre tes en conta que pensaron en ti para este proxecto e a quen llo vas presentar, polo que dedicáslle todas as horas que tes”, apunta Sobrino do proceso no que confeccionaron os oito estilismos que na tarde do xoves presentaron ao xurado, xunto con outras cinco prendas dunha segunda liña e unha serie de complementos como calzado, xoiería ou mesmo un “bolso que fixemos coa colaboración de Blusens e que incluía elementos para a carga do móbil e un motor de vibración e luz que fai que o bolso che avise das chamadas”. Segundo explica este estudante, o proceso de levar a práctica os deseños, no que puideron “ver feito aquilo no que levabamos pensando tantos meses”, motivou tamén “que a idea inicial evolucionase moito”, mantendo, iso si, esa inspiración "dunha xeración global e da conectividade entre os seres humanos”.

Con todo rematado, houbo que engadir ao proxecto un editorial de moda e unha fashion film que axudasen a presentar a colección ao xurado nunha exposición que as integrantes deste grupo ultimaron ao longo da xornada de onte. “A final comezaba ás seis polo que estivemos todo o día preparándoa”, relata esta estudante, que lembra como “unhas horas de moitos nervios” aqueles instantes previos á coñecer o veredito que fixo "que tantos meses de traballo non puidesen acabar mellor”.