Investigadores lusos e galegos crean un sistema para estudar o comportamento nestas plataformas

O estrés do alumnado de 'e-learning', analizado a golpe de clic

A súa aplicación permite ao docente intervir para mellorar a aprendizaxe e motivación

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 25/06/2014

Para conseguir unha aprendizaxe axeitada, o papel do docente e a súa interacción directa co alumnado é fundamental. Porén, nas contornas de ensino virtual esta comunicación dilúese e xorden diferentes riscos, como a desmotivación ou a falla de concentración. Un equipo de investigadores lusos e galegos está a analizar o comportamento das persoas en contornas de e-learning e froito do seu traballo veñen de desenvolver unha ferramenta que permite analizar o estrés dos estudantes nestas plataformas e as consecuencias que ten no seu rendemento incrementar o diminuír este estrés con actuacións concretas na avaliación do alumno.

O estudo, cuxos resultados serán publicados proximamente na revista Educación Mediática y Aplicación Didáctica de las TIC, está realizado por Florentino Fernández-Riverola e Sérgio Gonçalves, do Departamento de Informática da Universidade de Vigo, e por Davide Carneiro e Paulo Novais, do Departamento de Informática da Universidade de Minho, en Portugal. “Cando a aprendizaxe ten lugar fisicamente na aula, o docente recibe de forma inmediata a reacción dos alumnos, do seu comportamento e actitudes e pode actuar en consecuencia. Este modo tradicional de relación está cambiando debido á aparición de novas plataformas de comunicación, en particular das contornas virtuais que xorden na área da educación e que están tendo bastante éxito”, explica Fernández-Riverola.

Nesta aprendizaxe, apuntan os investigadores, a avaliación xoga un papel decisivo. Nun contexto presencial, indican, o docente pode observar o comportamento do alumnado e identificar diferentes vías que faciliten a avaliación sen inducir ao estrés. Porén, nas contornas e-learning o contacto directo é imposible e, polo tanto, deben existir formas alternativas que faciliten a detección destas situacións de tensión. “Neste traballo propóñese un módulo de análise do estrés para a súa aplicación durante a avaliación virtual do alumnado que é capaz de indicar ao docente os instantes de tempo máis propicios para intervir así como os contidos que causan maiores dificultades”, destaca o docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

Máis estrés, máis concentración pero peores resultados

O desenvolvemento desta ferramenta electrónica permitiulle aos investigadores lusos e galegos realizar un primeiro estudo dos efectos do estrés na avaliación nas plataformas de e-learning. Nel, analizaron os cambios de comportamento e patróns de interacción na plataforma Moodle, recollendo todo tipo de datos de uso do rato e do teclado, como o tempo de presión de tecla, a velocidade, a aceleración ou o tempo entre clics. No estudo participaron 74 estudantes de 13 e 17 anos, divididos en seis grupos, aos que se lle pediu que realizaran unha determinada actividade en dous escenarios diferentes na plataforma. Nun escenario A, sen estrés, os estudantes realizaron unha actividade de consolidación de coñecementos, sen que o docente establecera ningún tipo de condicionante para a súa realización. Nun escenario B, de estrés, o profesor, despois de explicar aos alumnos o tipo de avaliación ao que ían ser sometidos, comentoulles as características desta nova proba e informoulles do tempo límite para realizala, condicións que se lle repetían constantemente aos participantes na proba.

Os resultados obtidos apuntan que en situacións de estrés os alumnos tenden a comportarse de forma máis eficiente, estando máis centrados no seu obxectivo e realizando movementos máis estables e precisos para optimizar o seu desempeño. Porén, tenden a obter resultados algo peores, cometendo confusións ou malas interpretacións, algo que no escenario sen estrés non sucede. Ademais deste patrón xeral, na investigación detectouse un segundo comportamento-tipo que estaría formado por alumnos que presentan un comportamento oposto ao maioritario, presentando unha menor eficiencia en situacións de estrés. “Isto lévanos a pensar que se ben se poden desenvolver modelos xenéricos para conseguir modelar a resposta dos alumnos ao estrés, os modelos personalizados non deben ser esquecidos, posto que o estrés é un fenómeno ante o cal cada persoa reacciona dunha forma individualizada”, comenta Fernández-Riverola.

O próximo paso, o estudo da fatiga

Os investigadores continúan traballando nesta liña de estudo centrando o seu interese nos efectos da fatiga no e-learning e na interacción co teclado. Deste modo, apuntan, abrirase o camiño para o desenvolvemento de clasificadores non invasivos capaces de actuar en tempo real para proporcionar ao docente unha descrición precisa do estado dos estudantes. Tal e como salientan os investigadores, “o docente terá información útil á súa disposición e poderá axustar as súas estratexias de aprendizaxe e metodoloxías segundo as dificultades dos seus alumnos”.