A Sala X acolleu a presentación do documental 'Contraaluz' de Teo Manuel Abad

Un filme para concienciar da “guerra silenciosa” que sofren as mulleres

O ciclo de cine 'Ollar de Mulleres' buscaba promover unha reflexión sobre a igualdade a través do au

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 06/03/2014

Como “unha guerra silenciosa, que se cobrou máis vítimas que calquera outra”, define Teo Manuel Abad a violencia de xénero, a lacra social que este director retrata en Contraaluz, o documental no que actualmente traballa e que este xoves presentou na Sala X na última sesión de Ollar de Mulleres. Non en van, o eixo central deste ciclo de cinema documental coordinado polo profesor Ángel Rodríguez Gallardo é contribuír á concienciación de que aínda queda moito por facer para a consecución dunha igualdade real e efectiva e o obxectivo que persegue o filme de Abad non é outro que “xerar preguntas no espectador sobre esta batalla silenciosa”.

Despois de tres anos de gravación, o filme co que Abad tenta formular unha reflexión “sobre como nace e se desenvolve a violencia de xénero”, atópase nestes intres en fase de montaxe. Por iso, a diferenza das tres sesións anteriores, a última xornada de Ollar de Mulleres non consistiu na proxección dunha peza xa rematada, senón no visionado dunha primeira montaxe do proxecto, complementada posteriormente cun coloquio co seu director, que previamente explicou aos asistentes como xurdiu un filme que toma o nome de Contraaluz, "porque as vítimas sempre apareceron en televisión a contraluz para que non se lles identifique, por medo aos seus agresores”, o que levou ao director a manter esa estética neste proxecto a pesares de que, neste caso, as protagonistas do documental si amosan o seu rostro.

Un proxecto nacido dunhas clases de defensa persoal

Na presentación do audiovisual, Abad explicou tamén como este proxecto nacera inicialmente como un documental sobre o boxeo feminino en Galicia, temática que se mantén no filme a través dos testemuños de boxeadoras “que chegaron a este mundo como un sistema de autoprotección e unha vía de escape”. Mais a súa idea inicial mudou cando asistiu a unhas clases de autodefensa para vítimas de violencia de xénero organizadas polo Sindicato Unificado de Policía (SUP). “Cando comecei a asistir cambiou totalmente a miña idea do documental”, recoñece o director, que no coloquio que sucedeu á proxección estivo acompañado por Alejandro Gómez, profesor deste cursos de autodefensa.

Así pois, o filme pasou a ser unha “unha reflexión sobre a violencia e autodefensa”, que reflicte os cambios que experimentan as mulleres nun cursos que Abad define como “un proceso curador da alma, máis que físico, xa que todas chegan coa autoestima baixísima”. O proceso de recuperación psicolóxica das mulleres que se leva a cabo nestas clases combínase co testemuño de vítimas, psicólogos ou xuíces nun filme que “non é un documental ao uso”, recoñece o seu director. De feito, Contraaluz non conta cunha voz en off, senón que o relato se estrutura a través dunha “montaxe en paralelo”, na que as diferentes tramas se combinan a través do ballet, co que Abad busca representar dalgún xeito “esa especie de baile tráxico” que constitúe “a aprendizaxe de como teñen que retroceder fronte ao agresor e tentar escapar, que é o primeiro que lles ensinan”.

A cultura como un medio para a transformación social

“Os documentais, como produtos culturais, funcionan como medios de concienciación e, xa que logo, de transformación social”, salienta Rodríguez Gallardo, coordinador dun ciclo que tiña como obxectivo abordar a igualdade lonxe “das perspectivas tradicionais, de ideas como que a igualdade é un feito conseguido en democracia ou que as mulleres están totalmente incorporadas á sociedade”. Por iso, para esta iniciativa foron seleccionados catro filmes que “propoñen que hai moito que facer, que non nos podemos descoidar se queremos conseguir unha igualdade real”, como salienta o seu coordinador. Doli doli... coas conserveiras, de Uqui Permui; Dez centímetros máis preto do ceo, de Raquel Rei; Digna Rabia, un documental elaborado pola investigadora da Universidade Victoria Martins e o propio Rodríguez Gallardo; e a presentación de Contraaluz compuxeron o programa desta actividade enmarcada dentro dos actos promovidos na Sala X con motivo do festival Miradas de Mujeres 2014.

A pesares de que “o documental é un medio minoritario e relegado”, proxectos como os exhibidos neste ciclo “van pouco a pouco distribuíndose e conseguen influír en pequenos ámbitos, como por exemplo, nos estudantes que os viron estes días”, apunta Rodríguez Gallardo, que valora a “significativa presenza de público” coa que contaron as catro sesións de Ollar de Mulleres. Por iso, conclúe que existe na actualidade “unha necesidade social de novos relatos audiovisuais, explicados desde novas perspectivas” e ao mesmo tempo pregúntase “cal sería a verdadeira influencia social destes documentais se se emitisen en prime time”.

Así mesmo, con este ciclo tamén se buscaba dar visibilidade aos traballos realizado polas mulleres no campo do audiovisual. “Só o 8% dos filmes producidos en España están dirixidos por mulleres”, salienta Rodríguez Gallardo, que incide en que “a mirada cinematográfica é basicamente masculina”, e de aí a necesidade destes “novos discursos visuais en feminino”.