O festival VertixeVigo’13 volveu ao campus co espectáculo ‘O gran cabrón’

Entre prato e prato, música de vangarda

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 14/11/2013
A hora de xantar volveu estar amenizada este xoves polo colectivo Vertixe Sonora Ensemble, que achegou ao Centro Comercial de Cidade Universitaria o espectáculo O Gran Cabrón. Neste improvisado escenario Pablo Coello, ao saxofón, David Durán ao teclado e Ramón Souto, electrónica e difusión de son, interpretaron pezas do compositor belga Stefan Prins e do español Germán Alonso nunha aposta pola vangarda sonora e a creatividade multidisciplinar.

Na procura de novas propostas

O colectivo Vertixe Sonora Ensemble naceu para converterse nunha plataforma de creación e divulgación da música contemporánea internacional, a través da cal estrear en Galicia obras de compositores de todo o mundo e fornecendo unha rede de vangarda musical no noroeste peninsular. Unha das actividades que deseñaron para espallar estas novas apostas creativas é o festival VertixeVigo’13, no que se enmarca a actuación deste xoves no campus. Trátase dun programa de concertos e actividades que ofrece unha panorámica ampla e desprexuizada da creación sonora internacional. Agrupada en diferentes bloques a programación abrangue concertos de música contemporánea, música electrónica, música improvisada, instalacións sonoras, obradoiros etc. Deste xeito serve como plataforma de presentación dos novos creadores internacionais e permite establecer vínculos culturais que reforcen a identidade propia nun marco globalizado, dando mostra en tempo real da rica diversidade que está a renovar o discurso das artes sonoras na época actual.

A programación cultural do primeiro cuadrimestre retomarase o vindeiro 20 de novembro ás 18.30 horas coa teatro da compañía Voadora, que chegan ao campus con Waltz, un espectáculo musical con máis de 20 temas orixinais interpretados polos actores, que comprenden diferentes estilos e épocas.