O galego é un dos dous últimos picosatélites do proxecto que continúan en órbita un ano despois

XaTcobeo, misión cumprida

A ESA seleccionou á Universidade de Vigo para participar nun novo microsatélite, ESEO

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/02/2013
Eran as 12.10 h, hora española, do 13 de febreiro de 2012 cando o XaTcobeo saíu ao espazo. Dúas horas despois comezaba a emitir un sinal que aínda hoxe, un ano despois, segue informando de que o picosatélite permanece operativo. Isto é moito máis do que se agardaba do primeiro CubeSat 1U construído por unha universidade europea cos estándares da Axencia Espacial Europea. O grupo de traballo multidisciplinar que participa neste proxecto falaba de entre tres e seis meses de vida útil, pero o XaTcobeo continúa dando alegrías sendo un dos dous superviventes de entre os sete picosatélites postos en órbita pola lanzadeira Vega.

O equipo de traballo, que inicialmente estaba composto por 60 alumnos e alumnas e 32 investigadores das escolas de enxeñería de Telecomunicación, Informática e Industriais, recolle agora os froitos de cinco anos de traballo previo e un de seguimento en terra. Ao seu fronte están o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, e o profesor Fernando Aguado. Para ambos, esta experiencia foi inesquecible e sumamente enriquecedora, tanto profesional como persoalmente. “Ter colaborado no lanzamento do XaTcobeo é unha das vivencias máis impactantes da miña vida, ademais dun salto espectacular no tipo de proxectos que estabamos realizando”, explica Vilán. A isto, Aguado engade que, ademais de ser un punto de inflexión na súa carreira, o máis salientable é a vertente educativa do XaTcobeo. “Puidemos combinar proxectos tecnoloxicamente moi complexos con outros de carácter educativo, integrando grupos de investigación de tres escolas e acadando un nivel de implicación do alumnado poucas veces visto ata agora”, apunta.
Ambos valoran o XaTcobeo como un éxito rotundo, “pero xa dende o momento do seu lanzamento porque que todo saia segundo o previsto no eido aeroespacial non é moi habitual”, destaca o vicerreitor. E é que o primeiro satélite galego actuou como un pulo tanto para os grupos de investigación como para a propia Universidade de Vigo, pero tamén para Galicia, abrindo a porta a unha futura liña estratéxica de traballo que sitúe á comunidade no mapa aeroespacial.

5200 órbitas arredor da terra

Nos 12 meses que o XaTcobeo leva no espazo realizou xa 5200 órbitas arredor da terra, 14 ao día. Nestes intres é o único dos picosatélites que saíron da lanzadeira Vega que permanecen emitindo, xunto co húngaro MaSat. A súa vida útil pode chegar aos tres anos, cando entraría en contacto coa atmosfera e se desintegraría, e os investigadores principais non descartan que ata ese momento poida seguir en funcionamento e enviando información. De feito o equipo segue a traballar nos tres experimentos que o satélite leva abordo: unha radio-software, denominada SRAD, reconfigurable en voo; un medidor de radiación, denominado RDS, que aproveita a órbita do XaTcobeo para realizar medicións de como a radiación dos aneis de Van Allen afectan á electrónica embarcada; e finalmente un novo mecanismo de despregue de paneis solares.

O feito de que continúe en órbita cando cinco dos sete picosatélites do proxecto xa deixaron de emitir constata que a firme aposta por este grupo de traballo interdisciplinar era acertada, a pesar da falta de experiencia previa. Fernando Aguado explica que “había proxectos na Universidade de diferentes grupos de investigación no campo aeroespacial, pero centrábanse en subsistemas, esta foi a primeira vez que se realizou un deseño completo, integrándoo todo e da man principalmente de alumnos e alumnas”. Tanto Vilán como Aguado destacan as importantes achegas do INTA e o financiamento compartido entre a Universidade de Vigo, o Ministerio de Ciencia e Innovación, o de Economía e Competitividade e Retegal e subliñan que ”chegar aos tres meses era un soño, pero seguir recibindo o sinal ratifica o excelente traballo realizado”.

Un futuro en clave aeroespacial

A pesar de que é “unha mala época”, como subliña o vicerreitor José Antonio Vilán, dende a Universidade estase apostando por converter a enxeñaría aeroespacial nunha liña estratéxica de futuro, posicionando a Vigo e a Galicia neste sector. Os primeiros froitos xa se están a recoller, non só nos éxitos do XaTcobeo, senón tamén no recoñecemento da formación dos estudantes que participaron neste proxecto, demandados xa por universidades punteiras, empresas internacionais deste eido e axencias como a ESA.

De cara ao futuro, e para seguir desenvolvendo esta liña de investigación, a Universidade ten en marcha varios novos proxectos. O último deles vén de ser confirmado pola ESA e consiste na participación da Universidade de Vigo, xunto con outras nove europeas e un consorcio italiano, na misión espacial ESEO, un microsatélite educativo que operará dende unha órbita de baixa altitude. Os investigadores e estudantes vigueses serán responsables do segmento terreo, é dicir, de controlar o satélite e recibir a información unha vez posto en órbita. O satélite terá unha masa de 40 kg e unhas dimensións de 33x33x63 centímetros. A previsión é que sexa lanzado entre 2015 e 2016 e levará a cabo a súa misión durante un mínimo de seis meses.

Máis inminente será o lanzamento de HumsatD, o satélite vigués que forma parte de Humsat, unha constelación de satélites, sensores e estacións de terra, que será posto en órbita polo foguete Dnepr previsiblemente en maio ou xuño deste ano. Esta iniciativa inclúe nove satélites que serán enviados ao espazo en tres lanzamentos, con tres satélites en cada un, xa que teñen que estar en órbitas complementarias para cubrir o maior tempo a maior superficie posible da Terra. Ao abeiro tamén do proxecto Humsat o equipo vigués está a traballar no Femtosat, un satélite máis simple que ten a funcionalidade de repetidor para aumentar a cobertura local dos sensores cando pase o satélite por riba. O lanzamento será previsiblemente en 2014.

Por outra banda, e dentro do plan estratéxico da Universidade estase a traballar nunha iniciativa pioneira para a que se está a buscar financiamento. A proposta é evolucionar a satélites máis grandes, con ata 100 kg de masa, de acordo coas previsións de mercado, que indican que ata o 2020 terán un importante desenvolvemento. A idea é integrar un satélite galego, G-Xat, na constelación xaponesa Uniform, embarcando nel sensores de infravermellos que permitisen, entre outras aplicacións, a detección temperá de lume, o seguimento da superficie queimadas, monitorizar a temperatura da superficie do mar ou obter imaxes de perdas ou consumos enerxéticos. Aguado explica que estes datos son interesantes para definir políticas de aforro enerxético, unha das aplicacións máis interesantes deste tipo de satélites no futuro”. Neste caso trataríase dun satélite de 75 kg pero cun determinante efecto multiplicador xa que coa inversión dun satélite, Galicia contaría coa información proporcionada por todos os que forman parte da constelación cando estes pasen por riba da comunidade. Do mesmo xeito, o G-Xat tamén cedería os datos recabados en zonas de interese para outros socios.

Con estes catro proxectos, algúns en cernes e outros en fase final, a Universidade vai construíndo un novo camiño investigador e académico pero en estreita relación coa industria do país fornecendo un potencial tecido produtivo no eido aeroespacial.