O profesor Antonio Ferriz é un dos membros do equipo internacional que realizou a investigación

'Nature' faise eco da hipótese sobre a posible influencia dos planetas na actividade magnética solar

A revista é unha das máis antigas e relevantes publicacións científicas a nivel mundial

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 01/02/2013

O pasado mes de decembro a revista de referencia internacional Astronomy & Astrophysics publicou un artigo titulado Is there a planetary influence on solar activity? no que o docente da Universidade de Vigo Antonio Ferriz, xunto a un equipo de investigación internacional, propoñía a hipótese da posible influencia das forzas de marea dos planetas sobre a actividade magnética solar a longa escala temporal, en contra da tendencia a considerar ao astro rei á marxe de calquera influencia exterior. Nature, unha das máis antigas e relevantes revistas científicas internacionais, vén de recoller no seu último número, o volume 493, este traballo.

Paul Charbonneau, do Departamento de Física da Universidade de Montreal (Canadá) e considerado un dos maiores expertos mundiais sobre o campo magnético solar, é o encargado de presentar e facer unha primeira valoración aos lectores de Nature do traballo de José Ángel Abreu, Jürg Beer, Antonio Ferriz , Keith G. McCracken e Friedhelm Steinhilber. “O feito de que a nosa investigación saia en Nature é un espaldarazo a un traballo que levamos facendo desde o ano 2007 e ao que se lle dedicou moito tempo e esforzo, e que persoalmente me supuxo realizar moitas estadías en Zúrich”, destaca Antonio Ferriz. “Gustoume o enfoque do profesor Charbonneau no artigo e estou de acordo con el en que isto é só un primeiro paso, un primeiro paso para entender se verdadeiramente os planetas inflúen no magnetismo solar. Non é un tema pechado”, subliña o físico ourensán.

Un escenario físico de explicación

O artigo da revista Nature faise eco dos primeiros resultados da investigación iniciada en 2007 na Escola Politécnica Federal de Zúrich, cando Ferriz Mas comezou a colaborar co grupo de Beer para reconstruír a historia do magnetismo solar nos últimos 10.000 anos a partir da concentración dos isótopos cosmoxénicos berilio-10 e carbono-14 en testemuños de xeo da Antártida e Groenlandia. Na serie temporal reconstruída os investigadores atoparon unha sorprendente correlación en frecuencias coas forzas de marea que exercen os planetas sobre o interior do sol, e máis concretamente sobre unha delgada capa do interior do sol chamada tacoclina, de non máis de 10.000 quilómetros de espesor e situada a uns 200.000 quilómetros por debaixo da superficie visible do astro.

Charbonneau salienta no seu artigo a solidez dos datos da investigación e das técnicas de análise empregadas no estudo no que participaron Ferriz e o científico galego José Ángel Abreu, que traballa na citada escola de Zúrich. Do mesmo xeito, destaca que no espectro de Fourier da serie temporal reconstruída do xeo aparecen unhas frecuencias moi precisas de 88, 104, 150, 208 e 506 anos para as cales non existía ata o de agora ningunha explicación e para ás que estes investigadores propoñen un hipotético escenario físico de explicación que en algún momento poderá ser contrastado polas observacións.