Este xoves entregáronse no campus os galardóns da doceava edición deste certame

O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos premia o teclado VirtualTEC e un sistema de xestión de cámpings

Dous estudantes da Universidade de Vigo acadaron os galardóns máis destacados

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/12/2012
Un teclado virtual para móbiles Android destinado a persoas que teñan unha elevada discapacidade motora, deseñado para por Jonathan Juncal, estudante de Enxeñaría de Telecomunicación, e unha aplicación para o control e a xestión dun cámping, de Antonio Martínez, alumno da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, veñen de ser escollidos como os mellores proxectos do 12º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos. Os dous estudantes da Universidade de Vigo foron os gañadores dunha edición que este ano destacou pola gran cantidade de traballos presentados e pola súa calidade.

Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense; Celso Barbosa, presidente do Comité Executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, e Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, foron este xoves os encargados de entregar os premios aos galardoados. “Este ano estamos especialmente satisfeitos porque creo que acadamos o nivel máis alto de participación, con 17 traballos presentados, e elixir aos gañadores foi especialmente difícil pola calidade dos proxectos presentados”, salientou Enrique Barreiro. Unha calidade tamén destacada por Rosendo Fernández, que advertiu de “que o compromiso co talento e a innovación” deben ser unha constante das institucións. “Agora agardamos que todo este esforzo non quede en papel mollado e as empresas se impliquen na realización destes proxecto”, apuntou Celso Barbosa.

Premios fin de grao

Na modalidade de traballos de fin grao, ao que podían concorrer estudantes de Telecomunicación e Informática de Galicia e o norte de Portugal, entregáronse dous galardóns. O primeiro premio foi para o teclado de Jonathan Juncal VirtualTEC, que xa anteriormente acadou o accésit ao Mellor proxecto fin de carreira da Fundación Universia e Vodafone. O seu proxecto consiste nunha aplicación para tablets que lle permite interactuar coa contorna ás persoas que viven case ailladas polas súas dificultades motoras. O segundo premio desta categoría foi para un sistema de xestión de contidos para medios dixitais deseñado por Ramón Antonio Parada, da Universidade da Coruña.

Premios fin de mestrado

Na segunda modalidade do premio entregáronse catro galardóns. O primeiro premio foi o recibido por Antonio Martínez pola súa aplicación para o control e xestión dunha instalación de cámping. O estudante da Universidade de Vigo deseñou unha aplicación, destinada a empregados e clientes dun negocio deste tipo, que contempla a xestión de clientes, de persoal, de prazas e de reservas e módulos de facturación, ganancias, incidencias e informes. O segundo e o terceiro premio foron para os seus compañeiros da Escola Superior de Enxeñaría Informática José Manuel Pintor, que presentou unha ferramenta para mellorar a calidade no cálculo dos parámetros reprodutivos en peixes, e para Juan José Ferreño, que creou un sistema de captación e integración de datos clínicos no contexto de vixilancia da infección nosocomial, infección contraída por pacientes ingresados en recintos de atención á saúde.

Tamén foi premiado nesta categorías o estudante da Universidade da Coruña Juan Font, polo seu traballo de análise, deseño e implementación dun sistema de audio especializado para plataformas de vídeo sintético. Por último, o premio para o proxecto con máis éxito en Facebook foi para Pablo Puig, tamén da UDC, por un proxecto de estudo e integración de sistemas sensoriais para a navegación de robots móbiles en contornas complexas.