Tres docentes da USC e membros de IDEGA son os autores do estudo

O estudo das dinámicas laborais en Galicia e o Norte de Portugal acada o IV Premio de Investigación Eurorrexión

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e D. Besadío DUVI 15/05/2012

As dinámicas dos mercados laborais de Galicia e a Rexión Norte de Portugal centran o traballo que se alzou co IV Premio Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal convocado pola Universidade de Vigo ao abeiro da Cátedra da Eurorrexión. María Dolores Riveiro García, María del Carmen Vilariño López e Melchor Fernández Fernández impuxéronse coa súa Dinámica dos mercados de traballo de Galicia e a Rexión Norte de Portugal no contexto da integración eurorrexional aos outros tres estudos dos ámbitos xurídico e social e da saúde presentados a esta edición do premio que outorga 6000 euros aos gañadores. O interese da temática; o deseño metodolóxico axeitado; a acertada selección de fontes de información e a relevancia das conclusións para a interpretación da evolución da integración da Eurorrexión, son os aspectos que destacou o xurado do traballo galardoado que segundo explicou Rivero no acto de entrega do galardón forma parte dun proxecto máis amplo sobre integración e reflicte que “existe unha aproximación nos mercados, resultado de dinámicas diverxentes” ao tempo que se confirma que “a integración transfronteiriza non levou a un crecemento harmónico da renda per cápita en Galicia e o Norte de Portugal” .

No acto de entrega do cuarto premio de investigación eurorrexional no que tamén se presentou o libro La innovación en el sector agroalimentario eurorregional, galardoado na anterior edición do certame, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, lembrou o firme compromiso da institución académica coa cooperación interrexional citando como exemplo, non só este certame, senón tamén iniciativas como a CRUSOE, Conferencia de Reitores do Suroeste Europeo, que traballa na actualidade nun plan estratéxico que negociará coa Comisión Europea coa finalidade de acadar “o maior éxito na convocatoria Horizonte 2020 e penetrar no programa das rexións intelixentes”. Mato sinalou á cooperación como fundamental para “furar o túnel da crise no que nos atopamos” e aludiu ao “gasto produtivo fronte ás políticas de austeridade” como determinante para non sucumbir ao desalento na situación de crise estrutural actual. Confiado en que se superará o complexo momento presente, tamén se amosou o director da Cátedra Eurorrexión, Luis Domínguez que puxo o acento na innovación e na vinculación entre universidades e sectores empresariais para impulsar esa saída.

Pola súa banda o director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea destacou o papel da entidade como dinamizador da economía galega e do Norte de Portugal, asegurando que “cremos na potenciación do desenvolvemento e na cohesión transfronteiriza”. Brea que non dubidou en cualificar de “crítica” a situación actual do mercado laboral asegurou que “é imprescindible reforzar os lazos que nos unen para atopar sinerxías que nos permitan extraer o potencial da Eurorrexión”.

Análise da integración no mercado laboral

Os profesores da Universidade de Santiago de Compostela e membros do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, IDEGA, María Dolores Riveiro García, María del Carmen Vilariño López e Melchor Fernández Fernández, afondan no seu traballo na análise da integración no mercado laboral da Eurorrexión no que segundo confirmou Rivero na súa exposición se producen converxencias e diverxencia ao longo das dúas últimas décadas. “Desde 2008 as consecuencias da crise teñen sido moi negativas para os territorios analizados pero de maneira destacada para España”, explicou unha das autoras do estudo premiado que asegurou que “son necesarios cambios no mercado laboral e na economía en xeral pero os cambios non deben ir só dirixidos á regulación do mercado de traballo”.

Riveiro na súa intervención denunciou a inexistencia de estratexias conxuntas polo que asegurou que o reto nos próximos anos é “un maior compromiso institucional e unha planificación estratéxica de desenvolvemento conxunto no que as vías de comunicación interna cara ao exterior aínda terán un papel importante que xogar”.
O xurado nesta cuarta edición do premio estivo composto por Elvira Pacheco, directora do Instituto Politécnico de Viana do Castelo; Pilar Blanco, membro da xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia; Luis Manuel Leite, profesor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; Emilio Fernández, comisionado de Campus do Mar e Eduardo García, director da Escola de Negocios Novacaixagalicia.

Publicado o traballo galardoado na anterior edición

No mesmo acto no que se deu a coñecer o traballo gañador do IV Premio de Investigación, presentouse o libro La innovación en el sector agroalimentario eurorregional, galardoado na anterior edición do certame e que foi elaborado por un equipo de investigación multidisciplinar no que economistas, informáticos, enxeñeiros e químicos traballaron man a man dende as universidades de Vigo, Minho, Tras-Os-Montes e o Alto Douro, e o Instituto Politécnico Superior de Viana do Castelo. Beatriz González en nome do equipo de investigadores agradeceu o galardón obtido na terceira edición do premio por este traballo que recompila e analiza o sector agroalimentario en Galicia e o Norte de Portugal e no que se pon de manifesto, por exemplo, a atomización do sector e a baixa porcentaxe de alta propensión a innovar que resulta básica para o desenvolvemento de empresas e institucións.