O equipo do XaTcobeo recibiu o galardón que outorga a cidade co gallo da Reconquista

Un Vigués Distinguido xa orbita no espazo

Os autores do picosatélite inciden na necesidade de investigar e innovar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e D. Besadío DUVI 27/03/2012

Agradecidos por un galardón que recoñece o froito dun esforzo colectivo que permitiu a estudantes, docentes e investigadores da Universidade de Vigo deseñar e desenvolver o primeiro CubeSat 1U dunha institución académica europea que se constrúe con estándares da Axencia Espacial Europea. Así se manifestaron os integrantes do proxecto XaTcobeo e os responsables institucionais da Universidade de Vigo tras recibir este martes o galardón que os acredita como Vigués Distinguido neste ano 2012. Na súa intervención en nome das case 100 persoas que durante catro anos deseñaron e desenvolveron o XaTcobeo, o enxeñeiro técnico de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Alberto González incidiu na gala celebrada no Centro Cultural Novacaixagalicia, por unha banda na “oportunidade única” que esta experiencia supuxo para todas as persoas que traballaron nela e, pola outra, na necesidade de “seguir facendo ciencia, investigación e innovación desde a Universidade e desde Vigo para o mundo”.

Alberto González agradeceu o galardón que cualificou de “honra que agardamos manter como un compromiso vital que nos obrigará a levar a Vigo sempre no corazón”, e moi especialmente o respaldo de institucións e persoas “que apostaron por nós. A Universidade de Vigo, as entidades financiadoras, a Axencia Espacial Europea, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, a todos os seus profesionais, compañeiros nesta marabillosa aventura, e como non, as nosas familias”. Un apoio que sumado ao traballo en equipo, a profesionalidade e o esforzo “trouxéronnos ata aquí”, asegurou González Muiño que reiterou o carácter colectivo dun proxecto participado por estudantes, profesores e investigadores con procedencias moi distintas, “aos que Vigo e a súa universidade acolleron durante este anos de carreira e traballo”. Neste punto, Alberto González, bromeou sobre a súa procedencia coruñesa, circunstancia pola cal, dixo “quen me ía dicir a min que un día sería nomeado Vigués Distinguido. Espero que esta fin de semana me deixen volver a casa!”.

En nome dos 60 estudantes e máis de 30 profesores que materializaron a posta en órbita do primeiro CubeSat 1U dunha universidade europea que se constrúe con estándares da Axencia Espacial Europea, o enxeñeiro técnico de Telecomunicación expresou na súa intervención o desexo de que “esta experiencia non se perda e no futuro sigamos atraendo, creando e retendo o talento”. Para González o XaTcobeo permitiu deixar unha modesta pegada que “confiamos que permita aos estudantes que agora están nas aulas de escolas e institutos ver que é posible innovar e avanzar en sectores punteiros”.

Un importante paso adiante no achegamento entre Universidade e cidade

Xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, unha importante representación do equipo responsable do deseño e construción do XaTcobeo, viviu desde o patio de butacas do Centro Cultural Novacaixagalicia a entrega do galardón de Vigués Distinguido. Unha vez finalizado o acto o reitor referiuse ao galardón como un recoñecemento da cidade "cara á capacidade da Universidade de crear futuro e ao que a mocidade formada en Vigo é quen de facer". Para Mato o proxecto XaTcobeo é o froito "non dun ocorrencia que de casualidade sae na Universidade, senón que é a conclusión da maneira de traballar entre profesores, alumnos e investigadores".

Pola súa banda o director do equipo, Fernando Aguado, mostrou o seu agradecemento á cidade de Vigo por este galardón que asegura “pon de manifesto a existencia de proxectos que establecen pontes entre a Universidade e a cidade. XaTcobeo amosa que na Universidade hai proxectos que nos achegan e identifican coa vida cotiá”.

Desde a súa posta en órbita o 13 de febreiro o picosatélite XaTcobeo segue a confirmar a súa viabilidade nas condicións máis esixentes nas que nunca ten operado un cubesat . Cuberto o obxectivo fundamental do proxecto, o educativo, nestas semanas na contorna espacial máis esixente en canto a niveis de radiación, vibración e temperatura, foi posible cualificar a parte fundamental dun deseño que implica segundo os responsables do proxecto que o sistema funcionará de forma inmellorable en órbitas comerciais, xa que foi validado en condicións moito máis esixentes respecto das que ten operado ningún cubesat ata hoxe.

Persoas e institucións que recuperan os valores dos heroes da Reconquista

No acto conmemorativo previo á celebración este mércores 28 de marzo da Reconquista, o Museo Quiñones León recibiu, no ano no que cumpre o seu 75 aniversario, a Medalla de Ouro da Cidade. Pola súa banda a relación de Vigueses Distinguidos complétana este ano a Escola Rosalía Castro; a asociación cidadá de loita contra a droga Alborada; a precursora da asistencia domiciliara en Galicia e promotora do diálogo entre país, nais, docentes e administracións, Bertila Fernández; o dirixente veciñal Enrique Landesa; a Escola Rosalía Castro; o fundador da Misión del Silencio, pai Carlos Olivares e o fundador da Orde dos Cabaleiros das Cunchas e impulsor da Ruta Marítima O Cabaleiro das Cunchas, Paulino Freire Gestoso.

A necesidade de recuperar os valores do sacrificio, a superación e a solidariedade dos heroes da Reconquista para enfrontar con eles a crise económica que tamén afecta a Vigo, centraron o bando redactado e lido polo capitán do Real Club Celta, Borja Oubiña. “A nosa causa é reconquistar o emprego e asegurar a cohesión social de todos os cidadáns. Necesitamos altura de miras e perspectiva”, dixo Oubiña que tamén asegurou que “temos que esixirnos o máximo para recuperar o esplendor da cidade económica e industrial que somos, vencer e convencer quen dubida de que a automoción viguesa será novamente líder en Europa, gañar a batalla que nos permita dotar de carga de traballo aos nosos estaleiros. Liderar e reconquistar o noso porvir con valentía e ilusión”.

No discurso co que se pechou o acto de entrega da Medalla da Cidade e dos galardóns de Vigueses Distinguidos, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, apelou aos valores dos que os heroes da Reconquista e a cidade teñen feito gala durante moitos anos como antídoto para enfrontar a crise. “É tempo dunha nova reconquista que aune os esforzos de todos. A reconquista da saída da crise”, dixo Caballero que demandou apoio para os sectores produtivos da cidade e que amosou o seu convencemento en que Vigo sairá da crise.