DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada técnica da RUEPEP organizada pola UVigo

120 representantes de 50 universidades analizan o impacto que terá o real decreto 822/2021 nos títulos propios

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
M. Del Río DUVI 18/01/2022

O Real Decreto 822/2021, que entrou en vigor no mes de outubro, establece a organización das ensinanzas universitarias e o procedemento de aseguramento da súa calidade. Pero esta nova lexislación aínda ten moitos aspectos que compre clarificar, un proceso no que as universidades españolas están implicadas xunto coa Secretaría General de Universidades. Un dos eidos nos que ten un impacto destacado este real decreto é o da formación permanente e os títulos propios e, precisamente, para avanzar na análise das súas implicacións, 120 representantes de 50 universidades de todo o Estado están a participar esta semana nunha xornada técnica da RUEPEP, a Red Universitaria de Estudios de Postgrado y Educación Permanente.

A xuntanza, organizada pola Universidade de Vigo, tiña previsto celebrarse de xeito presencial, pero o avance da sexta onda da pandemia obrigou a optar por un formato mixto, con parte dos poñentes intervindo dende o edificio Redeiras e os asistentes de xeito telemático. A finalidade desta xornada, que arrancou onte luns pola tarde, é avaliar o impacto do novo RD-822/2021. Este real decreto avanza, por unha banda, establecendo a organización e a estrutura das ensinanzas universitarias e ordenando a oferta académica oficial e a oferta doutros títulos, especificamente a referida á formación permanente e, por outra banda, fixando as directrices, condicións e procedementos de aseguramento da calidade dos plans de estudo.

Temas preocupantes e “de rabiosa actualidade”

O encargado de inaugurar a xornada foi o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acompañado por Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado; María José Moure, directora da Escola Aberta de Formación Permanente e Cristina Sanz, presidenta de RUEPEP, que foi tamén a responsable do relatorio de apertura. Reigosa destacou que para as universidades na actualidade hai “dous temas especialmente preocupantes, ademais da LOSU, a Ley Orgánica del Sistema Universitario”, como son a ordenación das titulacións e o impacto da nova regulación dos contratos temporais no eido da I+D. O primeiro destes aspectos é o que se está a analizar nesta xornada técnica, pero sobre o segundo quixo destacar que a aplicación desta normativa laboral implica “a imposibilidade de levar a cabo moitas tarefas de investigación que se facían a través de contratos por obra e servizo ou de corta duración”. Entende que “dentro dunha situación que seguramente para o país é moi boa, para a investigación tería que haber un recoñecemento especial”. Respecto a ambos temas, explicou o reitor da UVigo, “a CRUE está traballando e agardamos que se poidan solucionar” e animou aos participantes na xornada a trasladas as súas conclusións á conferencia de reitores para “que sexan tomadas como recomendacións de cara ás conversas co Ministerio”.

Pola súa banda, a presidenta de RUEPEP, Cristina Sanz, destacaba no acto de apertura a boa acollida desta xornada técnica, “a que máis inscricións tivo” de todas que ten organizado a rede, debido, sen dúbida, a que o desenvolvemento do RD-822/2021 “é un tema de rabiosa actualidade” no eido da formación permanente. Precisamente, sobre o seu impacto nos títulos propios das universidades falou a directora da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, María José Moure. Lembrou que o “espírito de flexibilidade e autonomía” ao que referira o secretario general de Universidades, José Manuel Pingarrón, na anterior xuntanza de RUEPEP en 2021, “non quedou ben plasmado neste real decreto”. Así, existen cuestións que parecen establecerse “de xeito moi estrito” no texto, como por exemplo, “a necesidade de contar cunha planificación anual ou determinar o número de prazas, que ao final, segundo as aclaracións do secretario general, non é tan rigoroso como figura do texto”.

Para Moure, un dos aspectos máis importantes da aplicación do decreto é o que se refire ao aceso aos títulos de posgrao, “que non está permitido para persoas non tituladas, e non sabemos se esa transición nos afecta xa directamente e sentimos certa inseguridade xurídica á hora de aprobar novos títulos propios”. Considera que esta cuestión é “un pouco anacrónica”, xa que nese mesmo decreto “si que permite a continuidade de estudos para máster universitario cando o estudante non ten o TFG supero ou ten algúns créditos por finalizar”.

Outro punto clave é o límite de créditos ECTS para os programas propios para non titulados. No caso da UVigo, segundo explica Moure, repercute no Programa de Maiores e nos programas inclusivos para estudantes con discapacidade intelectual, é dicir, “afecta directamente á responsabilidade social da Universidade e, non obstante, ten pouco efecto noutros títulos”. Unha terceira vertente do impacto do real decreto é a da calidade, en concreto, o Sistema Interno de Garantía de Calidade, tema central da xuntanza na sesión de hoxe martes. A este respecto, Moure recalca que se vai ter que buscar “un equilibrio difícil entre tres puntos: a calidade propiamente dita, a flexibilidade dos títulos e a oportunidade que marca o mercado laboral”. 

Aclaracións da Secretaría General de Universidades

Na xornada de onte luns a presidenta de RUEPEP reflexionou sobre a interpretación do Real Decreto 822/2021 e achegou diversas aclaracións que lles trasladou a Secretaría General de Universidades ante as cuestións remitidas pola RUEPEP. Por exemplo, púidose clarificar que as universidades teñen dous anos para adaptarse á nova normativa a partir do 19 de outubro de 2021. Outro dos aspectos que se abordan neste real decreto é a denominación dos títulos propios. Así, as persoas tituladas poderán obter o título de máster de formación permanente, o diploma de especialización ou o de experto, mentres que as non tituladas obterán un certificado. Os MBA poderán conservar a marca sempre que se indique que se trata de másters formación permanente.

Respecto das modalidades, a Secretaría General confirmou que se poden considerar presenciais os títulos que se impartan presencialmente en remoto. Outros moitos aspectos, recalcaba Sanz, están aínda pendentes de ser clarificados polo Ministerio para que as universidades poidan avanzar na aplicación do real decreto.

A garantía de calidade

O segundo eido central que aborda o novo real decreto é calidade dos estudos. Este foi o tema no que se centrou a xornada de hoxe martes, que contou cunha mesa redonda sobre o Sistema Interno de Garantía de Calidad (SIGC) para títulos propios, na que participaron Jon Altuna, vicerreitor académico da Universidade de Mondragón e coordinador do subgrupo de SIGC do grupo de traballo de títulos propios de CRUE Docencia; Esther Huertas, xefa da Área de Avaliación da Calidade de AQU Catalunya e membro do Comité de Revisión de Agencias de ENQA; José Gutiérrez, responsable da Área de Acreditación Institucional de DEVA; Montserrat Maritxalar, vicerreitora de Postgrado y Formación Continua da Universidade do País Vasco;  Marisol Morales, vicerreitora de Gestión de la Calidad da Universidad de Alcalá e Roberto Romero, responsable da xestión da formación permanente do Centro de Formación Permanente da Universidad Politécnica de Valencia. A xuntanza completouse coa celebración da xunta de RUEPE.