DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da súa participación na I edición do programa Colmea de Ideas

14 empresas retan ao alumnado da UVigo a resolver nos seus TFG e TFM 15 retos reais de innovación

Natalia Caparrini destaca que se trata dunha iniciativa que lles abrirá aos estudantes “moitas porta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 26/01/2022

Son 14 empresas e poñen sobre a mesa 15 retos reais de innovación, 15 desafíos que só poden resolver, de xeito individual ou colectivo, aquelas alumnas e alumnos da UVigo que estean dispostos a colaborar con estas firmas e dedicarlles á resolución destes retos os seus traballos fin de grao e traballos fin de mestrado . Serán os protagonistas da primeira edición do programa Colmea de Ideas, unha iniciativa posta en marcha polas vicerreitorías de Estudantes e Investigación co obxectivo de canalizar os desafíos que empresas e institucións lle propoñen á Universidade e facilitar que o alumnado desenvolva proxectos que poidan ofrecer solucións innovadoras adaptadas ás necesidades do mercado.

O programa presentouse este mércores nun acto en liña no que se contou coa participación da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, así como representantes de todas as empresas coas que bota a andar o programa e numerosos docentes,  “dos que agardamos nos axuden a difundir o programa e animar a todo o alumnado a que lle bote un ollo a todos os retos que se formulen e se animen a participar”, salientou a vicerreitora, ao tempo que fixo fincapé en que “para un estudante poder levar a cabo o seu TFG ou TFM nunha contorna real de traballo, que é a que se van atopar en canto acaben os seus estudos, é unha oportunidade moi enriquecedora e que estou segura lle vai abrir moitas portas a nivel laboral”.

Os perfís máis demandados son os tecnolóxicos

As propostas de traballos son moi variadas, “dende o sector da saúde e a biotecnoloxía, ao eido da automatización, industrialización ou aplicación da axenda 2030”, explicou a directora da Área de Emprego, quen destacou que algunhas entidades propoñen incluso a creación de novos modelos de negocio. Os perfís máis demandados son os das titulacións tecnolóxicas, sobre todo as enxeñarías,  pero os retos relacionados con ámbito científico tamén teñen un lugar destacado. Bótase en falta nesta primeira edición do programa os desafíos relacionados co ámbito humanístico e da comunicación, algo sobre o que fixo fincapé a profesora Inmaculada Anaya, vicedecana da Facultade de Filoloxía e Tradución, algo que se espera poida resolverse noutras convocatorias. “Os retos chegan de maneira directa desde as empresas e, nesta ocasión, non se formularon cuestións deste tipo, pero agardamos que a medida se vaian incorporando novas firmas aparezan tamén retos relacionados con estes ámbitos”, subliñou Álvarez.

15 retos: da biotecnoloxía ao lanzamento dun Rural Lab

Zendal, Spica Sistemas audiovisuales, PanelShip, HTA High Tech Auto Incubadora, Davmac, ZZinKLab, Welgood, Somos Terra, Kauman, Montajes Fiver SL, CZ Vaccines, Fidelia e as fundacións Roberto Rivas e Ronsel completan a listaxe de empresas participantes nesta primeira edición do programa.

A única empresa que formula dous retos é CZ Vaccines. O primeiro busca mellorar a mobilidade dos traballadores do polígono de Torneiros, nas Gándaras de  Porriño e, o segundo, que o alumno ou alumna sexa capaz de crear o seu propio sistema de detección do nivel máximo de liberación de toxinas e de avaliación a súa unha evolución ou tendencia. 

Desde a Fundación Roberto Rivas retan a algún alumno  ou alumna a que se lance a realizar no seu TFG o TFM un estudo de viabilidade para a creación dun Rural Lab nas comarcas do interior de Galicia que resulte atractiva para a mocidade, en especial, para aquelas mozas e mozos con espírito emprendedor e que agora residen na cidade. E desde a spin-off da Universidade de Vigo Somos Terra buscan candidatos a deseñar un plan de acción que permita pór en marcha iniciativas encamiñadas ao cumprimento dalgún/s dos 17 ODS da Axenda 2030 nun concello ou nunha entidade concreta. No caso da Fundación Ronsel orientan o seu reto á creación dunha aplicación que, baseándose nunha metodoloxía propia, sirva para que as persoas emprendedoras poidan validar unha idea de negocio, introducindo unha serie de datos sobre a mesma.

Por parte de Spica Sistemas Audivisuais, tratarán de localizar a algún alumno disposto a desenvolver unha plataforma de votación hibrida, remota/presencial, con acceso securizado e, no caso de Panelship, buscan unha proposta de optimización dalgún dos materiais usados na fabricación de produtos da empresa. Pensando especificamente na cidade de Vigo, a empresa Wellgood empregará este programa para conseguir ‘aliados’ que lles axuden a desenvolver a implementación de códigos que permitan a integración dun sistema de vending  de compra/reserva de produtos co sistema de abono en aparcamentos específicos da cidade olívica.

Desde Davmac propoñen darlle forma a unha nova idea de negocio que dea solución automatizadas e robotizadas, e desde Fidelia, firma ourensá especializada na administración de comunidades de propietarios e tramitación de subvencións, propoñen a creación dun sistema de arquivo intelixente que permita automatizar as descargas en carpetas de documentación adxunta ao correo electrónico. Tamén para o ámbito tecnolóxico a incubadora automovilística HTA busca que o estudante que se decida a emprender o seu reto trate de desenvolver novos xeitos de aplicar as diferentes tecnoloxías da mobilidade ao sector da automoción e das súas empresas auxiliares.

Dos retos máis globais a outros moito máis concretos como é o caso de Kauman, que tratará de que algún alumno se implique na creación dun sistema de limpeza dos moldes metálicos de vulcanización que se utilizan comunmente para a fabricación de produtos de goma, ou da empresa de montaxes Fiver SL, que busca estudantes dispostos a meterse de cheo na proposta dunha nova liña de produción baseada no deseño, fabricación e venda de produtos estandarizados realizados en metal. Por parte de ZZinKLa, gustaríalles conseguir solucións innovadoras na mellora do coidado do fogar con capacidade de irromper no mercado de gran consumo non food e aliñadas co negocio de Zelnova, principalmente dentro das liñas estratéxicas de ambientación, hixienización, desinfección, insecticidas e coidado persoal.

Candidaturas ata o 18 de febreiro

O alumnado ten de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 18 de febreiro e a publicación do alumnado seleccionado realizarase o 4 de marzo.