Entre o 20 e o 31 de maio
15 días para probar de balde as instalacións e servizos deportivos dos tres campus
Para membros da comunidade universitaria
A partir do vindeiro luns día 20 e ata finais de mes, a Área de Benestar, Saúde e Deporte porá en marcha a súa quincena deportiva de balde, unha iniciativa coa que cada cuadrimestre buscan dar a coñecer tanto as instalacións como as actividades deportivas dos campus entre a comunidade universitaria.
A idea é que todos os colectivos que forman parte da UVigo, tanto alumnado, como PDI e PAS, poidan, durante estas dúas semanas, coñecer e probar de balde e sen compromiso os ximnasios e instalacións deportivas e participar nas actividades dirixidas que se desenvolven nos tres campus e que forman parte do Abono mUVer.
Deste xeito, as persoas que o desexen poderán, por exemplo, coñecer as salas cardio-fitness, as pistas de atletismo ou o programa de aluguer de bicicletas e tamén participar en múltiples actividades dirixidas de diferentes modalidades como HIIT, adestramento funcional, ioga, core ou pilates. A finalidade é que todos os membros da comunidade universitaria afronte esta última parte do curso e o período estival probando e elixindo as actividades deportivas que máis lle gusten e nas que poidan sentirse cómodas e cómodos nos vindeiros meses.
Para todas estas sesións é preciso reservar praza en Campus Activo e unicamente nas instalacións e actividades xestionadas directamente pola Área de Benestar, Saúde e Deporte.
E despois da quincena de proba, a facer deporte co Abono MuVer
Unha vez rematado este período de portas abertas, as persoas que decidan continuar apostando pola práctica deportiva poderán adquirir o Abono MuVer de verán, que inclúe o deseño e seguimento individualizado do programa de exercicio físico por parte do persoal técnico da sala de fitness; valoración antropométrica e acceso gratuíto ás instalacións deportivas da Universidade nos tres campus durante o todo o seu horario de apertura: salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Ademais, o abono tamén dá acceso ás actividades dirixidas de fitness incluídas no abono e a un 20 % de desconto para as persoas da comunidade universitaria nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural.
Este abono, a diferenza da quincena deportiva de balde, está dispoñible tanto para os membros da comunidade universitaria como para persoas alleas e pode adquirirse por un cuadrimestre, o curso completo ou, neste caso, para o período de verán. Os prezos varían segundo o colectivo ao que pertenza a persoa que o solicite, dende os 15,75€ para a os membros da comunidade universitaria, ata 23,63 para outras persoas e colectivos vencellados coa institución ou 31,50 para persoas externas.