DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na celebración este xoves e venres no campus de COuMUN 2026

150 estudantes póñense na pel dos estados membros da ONU

Escenificarán o traballo de diferentes consellos da Organización das Nacións Unidas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 07/05/2026

As delegacións de alumnado das facultades de Relacións Internacionais e de Dereito do campus de Ourense celebran este xoves e venres COuMUN 2026, unha simulación da ONU onde arredor de 150 estudantes das tres universidades galegas e algún de Madrid e Porto escenifican a representación dos estados membros nos diferentes consellos da Organización das Nacións Unidas. 

A iniciativa conta co apoio das facultades de Dereito e Relacións Internacionais, a Vicerreitoría do campus de Ourense e a Xunta de Galicia. Tras celebrarse en edicións anteriores no campus de Ferrol, co que a UVigo comparte o Grao de Relacións Internacionais, este ano COuMUN ten lugar en Ourense. Na súa organización participan as fundadoras da actividade, Sofía Castrillón e Teresa Hermida; as alumnas da Delegación de Estudantes de Relacións Internacionais Ainhoa García, Celia Ramos e Carme Tomé, e os alumnos da delegación estudantil de Dereito Iker Agulla e José Luis Núñez. 

A programación arrancou este xoves na delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense cunha benvida a cargo do delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; o vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez; a decana da Facultade de Dereito, Susana Álvarez, e a decana da Facultade de Relacións Internacionais da UVigo, Laura Carballo. Trala benvida, houbo unha conferencia inaugural a cargo de Carmen Bullón, oficial xurista do Servizo de Dereito para o Desenvolvemento da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura). Ao remate a actividade trasladouse ao edificio Xurídico-Empresarial do campus, onde esta tarde e ao longo de todo o venres se celebrarán as diferentes simulacións das sesións dos consellos da ONU, desde a Unesco a ONU Mulleres. 

Das armas nucleares á xestacións subrogada

Nestas sesións, explican desde a organización, o alumnado, maioritariamente do Grao de Relacións Internacionais pero tamén de Dereito, porase no papel das e dos representantes dos diferentes estados nos consellos das Nacións Unidas, tendo a oportunidade de “vivir desde dentro o traballo que realizan”. A actividade, comentan, “é moi positiva para o alumnado de Relacións Internacionais pero tamén para calquera estudante, porque traballas aspectos como a negociación e o debate pero tamén te metes de cheo en problemáticas actuais que é necesario abordar para construír entre todos un futuro mellor”. Trátase, apuntan, dunha actividade “que che enriquece máis alá das aulas”. 

Entre os temas controvertidos sobre os que debaterán este xoves e venres e nos que intentarán  chegar a acordo están as armas nucleares en Oriente Medio, a expropiación de bens culturais pola colonización e a guerra, o conflito de Myanmar, o narcotráfico, os criptoactivos e a xestacións subrogada. Neste senso destacan que a gran dificultade é que cada estudante representa un país diferente e nas súas intervencións arredor das temáticas elixidas “teñen que adaptarse ás idea dese país, ás súas características, cultura e tradicións, e representalo en consecuencia”. Isto, engade o alumnado organizador, “axúdache a entender outras realidades no mundo e tamén a como agora mesmo está funcionando todo a nivel internacional, nun contexto de incerteza e globalización pero que che afecta a ti mesmo”.