DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Belas Artes Manolo Dimas protagoniza unha exposición no museo municipal de Lalín

16 cadros nacidos dos fragmentos do ano da pandemia

A mostra ‘Disciplinas variadas’ reúne unha serie obras creadas neste 2020

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Institucional
DUVI Pontevedra 14/12/2020

“Traballei coa pintura como se fose un collage, pintando cousas que logo compoñen un cadro, que é un pouco como estamos facendo agora coa nosa vida, na que non podes facer plans e vas cadrando as cousas segundo van vindo”. Deste xeito explica o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Dimas o proceso de traballo que marcou Disciplinas variadas, a exposición que ao longo deste mes de decembro protagoniza no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa de Lalín. 16 cadros, creados todos eles ao longo do presente ano, integran unha exposición na que, como explica Dimas, a “homoxeneidade” naceu desa relación que se foi xerando entre múltiples elementos, entre os que figuran varios motivos referenciais da súa traxectoria pictórica, como a xeración dun “mundo un pouco fantástico” ou a presenza tanto da natureza e de animais como da figura humana.

Coa excepción de sete cadros, que en outubro formaron parte da exposición Na beira do río. Diálogos na pintura, no Pazo da Cultura de Pontevedra, Disciplinas variadas reúne un conxunto de obras non expostas previamente. Inaugurada na noite do pasado venres, nun acto que contou coa participación do alcalde de Lalín, José Crespo, e da concelleira de Cultura, Begoña Blanco, a mostra, seleccionada na convocatoria de axudas para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas da Universidade de Vigo, toma o seu nome da incerteza que caracterizou o propio ano de creación das obras. “Ao final houbo unha homoxeneidade, pero realmente non sabía como ía facelo nin que ía facer”, recoñece Dimas dun proceso de traballo, “no que había unha idea previa, pero que logo vai variando e levándote a outros lugares” e que se viu marcado tamén polo confinamento. 

Cadros con múltiples lecturas

“Sempre me gustaron os cadros que logo acaba quen os ve. Interésame que o cadro teña moitas lecturas, que achegue a cada persoa algo diferente”, salienta Dimas. Esa idea define os 16 cadros, todos eles das mesmas dimensións, que integran esta exposición, que buscan “que quen os mira poida ver cousas totalmente diferentes”. Neles mantéñense algúns dos elementos que caracterizan boa parte da súa produción pictórica, “o circo, os animais, a natureza...”, así como o uso da figura humana, coa que o artista e docente busca tamén promover esa interacción co espectador. “Sempre me gustou humanizar, digamos, os cadros”, recoñece Dimas, cuxas obras forman parte de coleccións como as do Museo Reina Sofía, o Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, a Colección La Caixa ou a Colección Miles Davis.