Trátase dun requisito previo para solicitar a admisión nesta titulación
170 estudantes enfróntanse ás probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte
Chegados de múltiples puntos de Galicia, un total de 168 mozos e mozas enfrontáronse este xoves as probas de aptitude do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, dirixidas a garantir que o futuro alumnado desta titulación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte presente unhas condicións físicas axeitadas e seguras para o aproveitamento destes estudos. Trátase, nese senso, dun requisito previo a solicitar a admisión no grao, que se leva a cabo segundo os procedementos establecidos pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) para o acceso a estudos oficiais de grao.
Coordinadas pola profesora Águeda Gutiérrez, as probas deron inicio nesta edición nas instalacións do Complexo Deportivo Municipal de Campolongo, onde, coa colaboración do Concello e da empresa concesionaria BeOne, desenvolveuse a proba de adaptación ao medio acuático. Xa nas instalacións da facultade, aqueles e aquelas que superaron esta primeira proba, de carácter obrigatorio, debían tamén alcanzar as marcas fixadas no regulamento en cinco dos seis exercicios restantes. Estes estaban orientados a avaliar a forza explosiva dos membros superiores e inferiores, a axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resitencia aeróbica. Destes 168 aspirantes, un total de 119, 38 mulleres e 81 homes, obtiveron nesta xornada a cualificación de aptos ou aptas.
En total, estas probas contaron con 198 persoas inscritas, 52 mulleres e 146 homes. Tanto as e os 30 aspirantes que non se presentaron nesta xornada, como os 40 que non lograron superar as probas, disporán dunha nova oportunidade para realizalas o 10 de xuño. Por outra banda, unha das novidades nesta edición é que a cualificación de apta ou apto manterase nas dúas convocatorias seguintes. Ademais, para a solicitude de admisión tamén serán válidas as superadas este ano noutra universidade española ou telas superado o curso pasado. Están exentas deste requisito as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou alto rendemento.
Encontro con persoal investigador de diferentes países
Alén destas probas, Ciencias da Educación e do Deporte acollía tamén nas últimas horas a VI International Research Conference, un encontro académico de carácter internacional organizado polos profesores José Luis García Soidán e Vicente Romo. Esta conferencia reuniu investigadores e especialistas de diferentes países, “co obxectivo de compartir avances científicos, intercambiar experiencias académicas e presentar as últimas liñas de investigación desenvolvidas nas universidades participantes”, sinalan os seus promotores.
Nesta edición, o encontro contou coa participación dos investigadores portugueses Jorge Mota, José Oliveira e Lucimere Bohn, o brasileiro Raildo Coqueiro, os romaneses Petruta Matinas e Tomazei Razvan e o turco Ali Selman. O encontro completouse coas presentacións dos traballos do estudantado do Máster e Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, que puideron “compartir as súas propostas científicas ante expertos internacionais, fortalecendo así a súa formación investigadora e a súa proxección académica”.
Ao longo da xornada abordáronse diferentes proxectos e estudos relacionados coa investigación en actividade física, o rendemento deportivo, a educación e a promoción da saúde, “favorecendo o intercambio de coñecemento entre investigadores consolidados e novos académicos”, sinalan os organizadores, pondo de relevo que este foro estase a consolidar “como un espazo de referencia para a cooperación internacional no ámbito da actividade física, o deporte e a saúde”.
