DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus participa nunha nova edición da Olimpíada Solidaria de Estudo

Do 18 de xaneiro ao 18 de febreiro, as horas na biblioteca convértense en diñeiro para unha boa causa

A recadación destinarase a axudar a nenas e mulleres vítimas de violencia sexual no Congo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 18/01/2021

Desde o 18 de xaneiro e ata o 18 de febreiro, as horas na Biblioteca Rosalía de Castro transfórmanse en diñeiro para unha causa solidaria grazas á participación un ano máis do campus de Ourense na Olimpíada Solidaria de Estudo, iniciativa internacional organizada por ONGD Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC. A recadación conseguida destinarase a un proxecto de axuda a nenas e mulleres vítimas de violencia sexual na República Democrática do Congo.

Desde a Oficina de Voluntariado do campus de Ourense animan a toda a comunidade universitaria a colaborar nesta acción “de sensibilización e solidariedade” a través da cal xuventude e empresas poden participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. O obxectivo último da olimpíada é, alén de conseguir fondos para proxectos concretos, concienciar sobre o obstáculo que pode supor para o futuro desenvolvemento dunha persoa non ter acceso á educación básica e a falta de formación. Nesta edición, a Olimpíada Solidaria de Estudo alcanza a súa 18ª edición co lema Estou onde podo axudar.

Para participar nesta iniciativa e converterse nun “estudante solidario”, desde a Oficina de Voluntariado explican que as e os estudantes só teñen que seguir uns pequenos pasos: ir á biblioteca do campus e ao rematar escanear o código QR dos carteis da olimpíada que están na entrada da biblioteca e rexistrar as horas de estudo realizadas. Cada hora “doada” será transformada en diñeiro polas entidades patrocinadoras, diñeiro que a organización destinará a financiar un proxecto de cooperación ao desenvolvemento. Como novidade, indican desde a entidade, “para que ninguén se quede sen participar” e tendo en conta a situación sanitaria, as e os estudantes poderán “seguir sumando horas de estudo incluso desde a casa”.

Loitando contra a violencia de xénero

O diñeiro conseguido nesta olimpíada destinarase á formación de persoal médico para a atención psicolóxica e o psiquiátrica de mulleres e nenas vítimas da violencia sexual en Lwiro, Kivi Sur, na República Democrática do Congo (África). O proxecto, detallan desde a organización, “vai a reforzar a resilencia e benestar xeral de 215 nenas e mulleres vítimas da violencia sexual no marco dun conflito non resolto, mellorando a calidade e acceso aos bens e servizos de saúde primaria e mental baixo un enfoque de dereitos”. Concretamente, a recadación destinarase á construción dun centro médico de asistencia sanitaria primaria, a equipamento e á formación a persoal médico para brindar servizos de recoñecementos médicos e determinar as condicións físicas e psicolóxicas das beneficiarias.

Segundo destacan desde Coopera, que desenvolve desde fai sete anos en Kivi Sur un programa de apoio a nenas e mulleres vítimas de violencia sexual, neste enclave “a muller non é considerada como un ser humano, senón un obxecto de uso e abuso”. O conflito, detallan, “está alimentado pola posesión dos recursos naturais da rexión, entre eles as minas de coltán, mineral imprescindible para a fabricación de teléfonos e ordenadores”. A violencia, engaden, “ten sido considerada unha arma de guerra pero tamén, á marxe do conflito, como unha forma de presión ás familias e incluso como un ritual de maxia para conseguir a protección contra a sida”.