Coa Facultade de Comunicación como a súa sede de competición
20 equipos representan á Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo na Liga Galega de Xadrez
O club iniciou a tempada como líder da máxima categoría
Un total de 20 equipos representan á Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo neste 2026 nas diferentes categorías da Liga Galega de Xadrez, que a pasada fin de semana daba inicio á competición cunha primeira xornada que o primeiro equipo do club universitario pechaba como líder da máxima categoría. Por segundo ano consecutivo, a Facultade de Comunicación será a sede de competición da EXP-UVigo na competición autonómica, na que está representada por un equipo na División de Honra, outro en Preferente, tres en Primeira División, outros seis na terceira e nove conxuntos máis na Cuarta División.
Cinco veces campión galego, o primeiro equipo da EXP-UVigo iniciou o torneo autonómico cunha vitoria por 6-0 fronte ao Algalia A de Santiago de Compostela, o que converteuno en líder en solitario da División de Honra. O encontro do Xadrez: Estratexia pola Paz iniciouse cun minuto de silencio en lembranza do ex-xogador do club Víctor Miguel de Frutos, recentemente falecido. Tras este chegaron os primeiros triunfos, da man de Daniel Rivera, Rubén Fernández e Alberto Portela, aos que se sumarían logo os de Gustavo Ribeiro e David Fernández. Finalmente, pasadas as tres horas de xogo, o capitán Pablo García lograba tamén resolver o seu taboleiro, completando o 6-0 para o equipo universitario, que este sábado enfróntase á Escola Luguesa de Xadrez.
Alén do primeiro equipo, a primeira rolda de competición deixou outras cinco vitorias e cinco derrotas dos representantes do EXP-UVigo. En Preferente, o Ramón Escudeiro Tilve arrincou a campaña cunha derrota fronte ao Vila de Bouzas, mentres que en Primeira División comezaron a competición con vitoria o EXP-Concello de Pontevedra e o EXP-UVigo, caendo derrotado o EXP-Non á violencia de xénero. No caso da terceira, os seis equipos do club comparten grupo, de tal xeito que enfrontáronse entre eles, mentres que os nove conxuntos da Cuarta División iniciarán a competición no mes de maio.
Ademais de acoller as partidas como locais do club pontevedrés, a Facultade de Comunicación tamén foi sede, o pasado 27 de decembro, do XIV Torneo Campus Universitario de Pontevedra – Memorial Ramón Escudeiro Tilve, inserido na colaboración entre o EXP e a Vicerreitoría. Esta permitirá así mesmo que o próximo verán, a UVigo volva ser sede do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, “unha dasa mellores probas organizadas no país, segundo a clasificación da Federación Española de Xadrez”, destacan desde o club.
