DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Deputación de Pontevedra e impartido polo Centro de Linguas da UVigo

20 persoas participan en Pontevedra nunha nova edición curso de español para inmigrantes 

Permítelles formarse para obter o diploma DELE A2, necesario para obter a nacionalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/09/2021

Vinte persoas participan desde este luns no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra na terceira edición no presente ano do curso de español para persoas inmigrantes que organiza a Deputación de Pontevedra e que imparten docentes do Centro de Linguas da Universidade de Vigo. Un dos propósitos centrais desta iniciativa, que busca facilitar a integración das persoas inmigrantes, é achegar a persoas de países non hispanofalantes a formación necesaria para que poidan obter o Diploma de Español Como Lingua Estranxeira (DELE A2), que constitúe un requisito indispensable de cara a obter a nacionalidade española. 

Impartido pola profesora do Centro de Linguas Lorena Rodríguez, que este luns acompañou á deputada provincial Olga M. García na apertura desta actividade, trátase dun curso de 40 horas, tras o que as e os participantes poderán presentarse ás probas para a obtención do DELE A2, que coordina tamén o propio Centro de Linguas, ao abeiro dun convenio co Instituto Cervantes. Dez persoas orixinarias do Brasil, cinco procedentes de Marrocos, catro do Senegal e unha de Alxeria forman parte da quinta edición dun curso, a terceira neste 2021, que a Deputación promove coa colaboración do Centro de Linguas e a Fundación Universidade de Vigo. Desde a súa posta en marcha en 2017, un total de 290 persoas participaron nuns cursos nos que tanto a formación como a matrícula para a realización das probas, que o pasado ano superaron o 80% dos participantes, son subvencionadas pola institución provincial.