DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é a única do SUG con información actualizada das e dos seus egresados

25.500 antigos estudantes rexistrados e 22 informes: as grandes cifras do Observatorio de Persoas Tituladas no seu 10º aniversario 

As e os titulados presentan un perfil de alta empregabilidade e satisfacción académica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/07/2026

A creación do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo, da que este ano se cumpre unha década, estivo precedida entre 2013 e 2015 pola publicación de tres estudos de inserción laboral de egresados e egresadas da institución académica viguesa, dirixidos polo ex reitor Luis Espada Recarey, coa colaboración do Consello Social. Precisamente, a necesidade de dotar á UVigo dunha entidade encargada do seguimento periódico da empregabilidade dos e das antigas estudantes, foi clave na materialización dun Observatorio, inicialmente denominado de Egresados, que veu a luz, primeiro, coa súa aprobación pola Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social o 3 de febreiro de 2016 e, a posterior ratificación polo Pleno, en sesión ordinaria, dous meses máis tarde.

“A Universidade non se limita a formar profesionais, senón que segue interesada pola ´súa experiencia laboral e usa esa información para seguir mellorando. Iso é, en esencia, o Observatorio: un faro que localiza os nosos egresados, analiza a súa empregabilidade, a satisfacción coa formación recibida e o grao de aliñamento entre o aprendido nas aulas e o que procura o mercado de traballo”, destaca Luis Espada sobre a creación do Observatorio, que coa asistencia técnica do analista de datos Víctor Manuel Martínez Cacharrón, dirixe desde a súa creación. Transcorrida unha década desde ese momento, o Observatorio de Persoal Tituladas da UVigo foi quen de recompilar na súa base de datos un directorio con 25.458 antigos alumnos e alumnas, “o máis completo deste tipo nunha universidade galega, con persoas graduadas de todas as promocións desde o nacemento da UVigo e con presenza en 78 países dos cinco continentes”, detalla Víctor Martínez Cacharrón.

A este directorio, sometido a unha actualización permanente, o Observatorio sumou ao longo da súa primeira década de existencia a elaboración de 22 informes de inserción laboral, entre os que figuran 14 estudos periódicos de seguimento da empregabilidade en estudos oficiais; e varios macroestudos de gran calado: o pioneiro das primeiras 25 promocións (1990-2015); tres sobre o impacto laboral da pandemia (2020-2022); un específico de doutoramento (1995-2020); e o máis recente e ambicioso sobre a inserción laboral das 35 promocións (1990-2024). “Sen dúbida, o macroestudo da inserción laboral das persoas tituladas entre 1900 e 2024 é o maior satisfacción nos reportou, porque analiza 35 promocións a partir dunha mostra representativa dos egresados dese período e no que a análise comparativa dos contextos galego, español e europeo resultou moi gratificante ao constatar que os e as nosas egresadas superan esas medias. Este informe supón a culminación natural de 10 anos de esforzo e actualiza o primeiro macroestudo publicado en 2018”, detalla Luis Espada.

O último traballo incorporado ao catálogo de publicacións do Observatorio é o Estudo de inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo no curso 2021/2022, realizado no ano 2024 co apoio do Consello Social e que inclúe os resultados dos tres informes correspondentes a graos, mestrados e programas de doutoramento.

Balance, retos de futuro e anécdotas

Creado coa misión de cubrir a carencia dun sistema de medición periódica da empregabilidade do seu antigo alumnado desde que abandonaba as aulas, unha década despois considera Espada que “o Observatorio cumpriu os seus obxectivos fundacionais. Non só recompilamos e analizamos datos fiables sobre inserción laboral das persoas egresadas, senón que mantemos vivo o vínculo que cada estudante debe ter coa súa alma mater e achegamos á Universidade unha ferramenta esencial para a toma de decisións estratéxicas. Pasada unha década, podemos gabarnos de ser un referente no ámbito universitario tanto dentro como fóra de Galicia”. 

Espada, que destaca a vantaxe estratéxica que para a UVigo e para a sociedade en xeral representa o traballo do Observatorio, sinala, non obstante, no “debe” do traballo desenvolvido durante esta década “ter ampliado aínda máis a taxa de resposta das enquisas; reforzar o contacto con determinados colectivos máis difíciles de localizar e ter máis recursos para afondar en análises cualitativas ou estudos sectoriais por titulación”. En canto a cara onde se orienta o futuro do Observatorio considera que deben seguir mellorando a calidade e periodicidade dos estudos de inserción laboral, potenciar a súa base de datos e a presenza en redes. “Ademais hai marxe para incorporar novas liñas de análise como o estudo competencias profesionais, o impacto da formación permanente, o empredemento… O obxectivo é continuar sendo unha ferramenta estratéxica para a excelencia da UVigo nun mundo en rápida transformación”, detalla Víctor Martínez Cacharrón.

A creación dun “corpo diplomático informal da UVigo” con 55 egresados, que durante a pandemia achegaron os seus testemuños de como viviron crise desde Xapón a Illa Reunión, é unha das anécdotas que o director do Observatorio destaca ao longo desta primeira década de existencia, “porque puxo de manifesto non só a dimensión internacional da nosa universidade, senón tamén a forza do sentimento de pertenza e solidariedade da comunidade alumni”, explica Luis Espada.

Perfil dos egresados: alta empregabilidade e satisfacción coa experiencia académica

Cumprida a súa primeira década de existencia e con máis de 25.000 antigos estudantes rexistrados e máis dunha vintena de estudos de inserción laboral realizados, os responsables do Observatorio son quen de achegar un perfil claro das persoas egresadas da UVigo: “os nosos titulados presentan un perfil  alta empregabilidade, boa adecuación entre formación e emprego e, sobre todo, un elevado grao de satisfacción co experiencia académica na Universidade de Vigo”, detallan.

Unha taxa de ocupación do 91,9%, superior á medias galegas, española e europea; salarios competitivos; e unha forte presenza en Galicia, aínda que con notable mobilidade internacional, son outras características que completan o perfil das e dos egresados da UVigo, “que son profesionais versátiles, que valoran a formación recibida, manteñen o vínculo coa Universidade e contribúen activamente á sociedade. Un colectivo que demostra que a UVigo forma talento de calidade que impulsa o progreso social e económico. Estudar na Universidade de Vigo recompensa, tanto a nivel profesional como persoal, e estes dez anos de datos aválano”, asegura Luis Espada.