DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora de BBAA Loreto Blanco protagoniza unha exposición na Fundación Eugenio Granell 

36 obras que miran á natureza para promover a introspección 

‘Te miro y te veo’ pode visitarse ata 22 de novembro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/10/2020

“Un amor moi grande á natureza” constitúe, como explica a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Loreto Blanco, o punto de partida de Te miro y me veo, a exposición que ata o 22 de novembro protagoniza na Fundación Eugenio Granell, en Santiago de Compostela. A través de 36 obras, nas que Blanco busca retratar a “consciencia e sabedoría” que xorde da natureza, esta exposición tenta, como sinala a artista, provocar no espectador unha “mirada introspectiva cara un maior coñecemento”. Seleccionada neste 2020 na convocatoria de axudas para a realización, comisariado e montaxe de exposicións da Universidade de Vigo, Te miro y me veo reúne unha serie de lenzos que parten á súa vez de fotografías tomadas nunha contorna natural, que a artista exhibe por primeira vez nesta mostra inaugurada o 1 de outubro.

“Para este trabalo parto dun amor moi grande á natureza, ela foi a que me inspirou e conectou coa intención desta exposición e a través dela realicei unha viaxe interior de introspección e coñecemento”, recoñece Blanco Salgueiro, que presenta as diferentes obras como “retratos de seres” xurdidos da natureza. “Cando falo de seres, falo de conciencias, de sabedorías presentes neses retratos que nos miran e que, ao mirarnos, poden facer de espello do noso propio ser, das nosas sombras, máscaras, medos e tamén luces”, salienta a artista respecto do motivo dunha exposición que, recoñece, nace dunha mirada “espiritual” e dunha concepción de arte como “un vehículo de crecemento persoal”.

Do natural ao fractal

As obras que integran estas exposición teñen todas elas como punto de partida unha fotografía tomada nunha contorna natural, á que posteriormente Blanco somete a un “traballo de edición, creando un espello, en ocasións múltiple e noutras dobre”, que lle permite vez afondar “na fractalidade da imaxe, en como a realidade está contida en múltiples realidades”. Este traballo de edición fotográfica, dirixido a multiplicar “os patróns” da natureza, serve posteriormente como punto de partida aos lenzos que se presentan por primeira vez nesta exposición.  

Esta serie de obras, insírense á súa vez na serie Los habitantes de Gaia, “un proxecto que levo anos realizando e que evolucionou moitísimo”, explica Blanco, desde que comezou con el en 2012. De feito, ata o de agora só se materializara, “de forma dixital”, dando un novo paso con esta serie de cadros, que á súa vez, forman parte  do libro que a artista vén de editar, tamén baixo o título de Te miro y me veo. Non obstante, matiza, non se trata “propiamente dun catálogo” da exposición, senón que busca, ao igual que a propia mostra, “ser un libro para meditar”, presentando as diferentes obras xunto coas “mensaxes” que xorden da “conexión coa propia enerxía do retratado que experimento”. Mensaxes que, como explica, “falan de conectarnos e de entender que todos estamos unidos e que, á súa vez, a vida natureza está dentro de nós”.