DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada centro recibe un kit con material para realizar cinco experimentos

40 institutos de toda Galicia únense ao proxecto da Caixa Sostible da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

O obxectivo é fomentar vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
M. Del Río DUVI 24/11/2022

Despois de varios meses de traballo previo, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía está a comezar esta semana o envío das Caixas Sostibles a arredor de 40 institutos de toda Galicia. Dentro de cada unha das caixas hai material didáctico e experiencial para levar a cabo cinco experimentos que xiran arredor da sostibilidade e o medio ambiente. Trátase de que as e os estudantes dos centros que se adheriron a esta proposta realicen estes experimentos, titorizados polos seus profesores, ao longo de cinco meses. 

Este é un proxecto impulsado por un grupo de 11 docentes e investigadores da escola e coordinado polo subdirector Santiago Pozo, que ten como obxectivo fomentar ou espertar vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario. Para isto, contan coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación e o cofinanciamento da EEME, do Consello Social da UVigo e do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, así como co apoio de Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia) e da plataforma Minería Sostible.

Como explica Santiago Pozo, o que buscan é “amosar a necesidade dun emprego sostible da enerxía e dos recursos mineiros dende unha perspectiva máis local” e para iso optaron por deseñar e crear unha caixa que contén o material preciso para a realización de cinco actividades guiadas, de tipo experimental. Así, as e os alumnos co apoio do seu profesorado, poderán realizar experimentos como o cálculo da pegada de carbono, a estimación das infiltracións nun edificio empregando curvas de decaemento de CO2, a análise espectral da iluminación artificial pública e privada, a determinación da calidade das augas ou a avaliación do potencial xeolóxico e mineiro de contorna.

Estas actividades, resume Pozo, “permitirán que alumnado, profesorado, familias e veciñanza coñezan o nivel de sustentabilidade que presentan os seus institutos e municipios, a calidade das súas augas, o tipo de emprego que se fai dos recursos minerais e rochas e a posibilidade de utilizar o seu patrimonio xeolóxico-arqueolóxico como recurso económico”. Deste xeito dotaranse de ferramentas que lles permitirán avaliar dunha maneira sinxela o grao de eficiencia que presentan as vivendas, industrias, luminarias, automóbiles, etc. e ao tempo tomarán conciencia da necesidade de adoptar medidas para reducir o consumo de enerxía sen desperdiciala. 

Metodoloxía de traballo

O proxecto artéllase arredor de dous soportes fundamentais: por unha banda, as caixas que se lle envían aos centros e a páxina web do proxecto.  Con respecto á caixa, comprende cinco compartimentos, un para cada proposta de actividade, nos que se inclúe o material e a información necesarios para a comprensión teórica dos conceptos relacionados e o desenvolvemento da parte experimental. Ademais, inclúe cadanseu código QR que redirecciona á sección correspondente da devandita actividade na web, onde poderán atopar información máis pormenorizada. 

A pesar de que a caixa pasa a ser propiedade do centro, o alumnado dispón de cinco meses para completar as actividades. Ao final, o centro enviará un póster resumo dos resultados máis salientables de cada actividade ao equipo investigador con fin de elaborar unha publicación e unha exposición itinerante que estará dispoñible para os centros.