DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Isabel Fernández centrou a súa tese nun aspecto clave nos procesos de “desenganche escolar”

O 76% do alumnado dos institutos de Pontevedra síntese orgulloso de pertencer ao seu centro

Cunha metodoloxía participativa, xeráronse propostas de mellora no IES Martín Sarmiento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/12/2020

O sentimento de pertenza a unha determinada institución, como un centro educativo, constitúe un “factor relevante na redución dos índices de fracaso e abandono escolar”, explica a investigadora do grupo Cies Isabel Fernández, que buscou na súa tese de doutoramento coñecer as “barreiras e apoios” ao sentimento de pertenza e conexión cos centros do alumnado dos institutos públicos da cidade de Pontevedra. Un primeiro “estudo exploratorio”, no que participaron a través dun cuestionario 324 estudantes de sete centros, permitiu á investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte constatar que o alumnado dos institutos da cidade amosaba “un bo sentido de pertenza” aos seus centros. Concretamente, o 72,2% das e os participantes manifestaron “sentirse parte do seu centro” e un 76,2% aseguraron “sentirse orgullosos” de pertencer a este. Fernández Menor desenvolveu así mesmo un “estudo de caso” de carácter cualitativo no IES Frei Martín Sarmiento, no que, coa participación da comunidade escolar, traballou na identificación de barreiras e apoios e no deseño de estratexias e propostas de mellora. 

Dirixida pola catedrática Ángeles Parrila, a tese El sentido de pertenencia y participación del alumnado de educación secundaria obligatoria en los centros educativos: desarrollo de procesos para su mejora naceu no seo do proxecto de investigación RIIES (Redes de Innovación para a Inclusión Educativa e Social), seleccionado no Plan Nacional de Investigación 2016-2019. De feito, a tese que desenvolveu no marco do programa de doutoramento interuniversitario en Equidade e Innovación Educativa “nace tamén pola invitación para traballar neste tema” dos catedráticos Harry Daniels, da Universidade de Oxford, de onde procede o cuestionario realizado, e Jill Porter, da Universidade de Reading, que colaboraron no proxecto do grupo Cies. 

Un aspecto clave no “desenganche escolar”

O sentimento de pertenza escolar xoga, como sinala Fernández, “un papel clave nos procesos de desvinculación escolar, sobre todo, no estudantado de secundaria”. Esta desvinculación, engade a investigadora e pedagoga, implica a “falta de participación activa dos estudantes, a escasa involucración cognitiva na aprendizaxe ou, incluso, a exhibición de comportamentos inadecuados ou contraproducentes”, o que “non é sinónimo”, subliña, de abandono ou fracaso escolar, aínda que “contribúe a isto na meirande parte dos casos”. Nese senso, no estudo exploratorio realizado nos institutos da cidade “non apreciamos un baixo sentido de pertenza en ningún dos centros, máis ben todo o contrario”. Polo xeral, as e os participantes amosaban un “bo sentido de pertenza” e destacaban “a importancia das relacións persoais nos centros, a metodoloxía empregada, o coidado dos recursos e as instalacións, a negociación das normas...”, coa excepción de “casos particulares” que amosaban tamén “unha gran desconexión” co centro.

Man a man coa comunidade escolar

Un segundo estudo levou á investigadora a traballar con 39 estudantes de 2º da ESO do IES Frei Martín Sarmiento. A través dunha metodoloxía participativa, este estudo buscaba tanto “concretar as barreiras e apoios”, como definir unha serie de propostas para a mellora do centro. Con ese obxectivo, o estudo abrangueu a realización dun cuestionario e de entrevistas co alumnado, o uso da técnica do fotovoz, para que as e os estudantes presentasen “de forma gráfica” esas barreiras e apoios, e a creación de grupos de discusión coa participación de alumnado, familias e profesorado.

Esta metodoloxía permitiu identificar barreiras como “a falta dun patio exterior ao que saír nos descansos, o ruído das clases nos cambios de hora”, unha metodoloxía docente “con poucas prácticas e pouco traballo en grupo”, a falta de motivación cara certos contidos “ou a distancia que algúns docentes” lles transmitían, explica Fernández. No referido aos apoios, ás e os participantes sinalaron “sobre todo as relacións cos seus compañeiros e co persoal do centro”, así como “a gran cantidade de actividades” extraescolares nas que podían participar.

Desta análise derivaron unha serie de propostas, que ao remate da investigación comezaban xa a pórse en marcha, mais que nos meses seguintes víronse afectadas tamén pola situación xerada pola covid-19. Entre elas, atopábase “a creación dun patio exterior nun recuncho do centro que ata o momento non tiña uso”, a substitución de certos graffitis ofensivos por outros “feitos por profesionais”, o pintado do interior do centro de “cores máis alegres” ou incremento do traballo en grupos e por proxectos. Así mesmo, tamén se propuña a negociación das regras da aula, o establecemento de “titorías entre iguais”, o impulso dun proceso de avaliación das e os docentes, a implantación do programa de innovación educativa Observa_acción, “para ver que fan outros centros educativos a nivel metodolóxico”, ou o establecemento dun calendario escolar compartido entre o profesorado para evitar que se solapasen exames ou entregas de traballos.