DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría de Extensión Universitaria abre ata o 28 de xullo o prazo para presentar traballos

8800 para distinguir a creatividade universitaria nas categorías de creación audiovisual, fotografía, pintura e música

Tres das catro modalidade compren este ano 20 edicións premiando a arte e a creación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Música
  • Premios
  • Cultura
M. Del Río DUVI 30/05/2023

Como cada ano, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria lanza unha nova convocatoria dos Premios de Creación Artística, que ademais, coincide coa celebración do vixésimo aniversario de tres das catro categorías que conforman este certame. Trátase dos galardóns de creación audiovisual, pintura e maquetas de música, que compren 20 anos e aos que se suma o certame de fotografía, na naceu un ano despois polo que acada aínda a súa décimo novena edición. En total, a Universidade de Vigo destina 8800 euros a esta convocatoria de premios para poñer en valor e distinguir a creatividade dos membros da comunidade universitaria.

Creación audiovisual: curtas, non ficción, vídeo experimental e animación

No caso da vixésima edición do Premio de Creación audiovisual convócanse catro modalidades: curta narrativa, non ficción, vídeo experimental e animación e cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades, non debendo exceder ningún dos traballos os 15 minutos de duración. Os traballos deberán ser amateur e orixinais e non galardoados en ningún outro concurso ou festival autonómico, nacional ou internacional. En cada modalidade, outorgarase un primeiro premios de 700 euros e un segundo cunha dotación de 400 euros. 

Fotografía: serie e fotografía única

O Certame de Fotografía é o único que non chega nesta edición á vintena. A súa XIX edición, como vén sendo habitual, é de temática é libre e convócase en dúas modalidades: serie –de tres, catro ou cinco fotografías- e fotografía única. Poden presentarse traballos en branco e negro ou a cor, cun tamaño mínimo de 3000 px e máximo de 5000 px no seu lado máis longo. Na categorías pode presentarse calquera membro da comunidade universitaria, salvo aquelas persoas que xa fosen galardoados nesta modalidade do certame da UVigo en anteriores ocasión. Repartiranse en total 1500 euros: un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300 na categoría de serie, e un primeiro de 400 euros e un segundo de 200 en fotografía única.

Pintura 

Esta categoría está aberta a toda a comunidade universitaria sempre e cando non se obtivese un galardón en anteriores edición. Cada participante pode presentar unha única obra orixinal e que non fose galardoada en ningún outro concurso. A técnica é libre e o tamaño das obras non debe exceder de 200 centímetros na maior das súas dimensións. A técnica utilizada debe garantir a estabilidade da obra, evitando no posible a utilización de materiais que se poidan degradar co paso do tempo. Por primeira vez, en lugar dun premio establécense dous, un de 1000€ para a obra que resulte mellor valorada e outro de 600 euros para a segunda clasificada. Se a xuízo do xurado, a cantidade e calidade das obras presentadas ao premio así o permitiran, organizaranse unha ou varias exposicións no ámbito da Universidade de Vigo co seu correspondente catálogo. Ademais, as pinturas premiadas formarán parte da colección artística da Universidade de Vigo.

Maquetas de música

Tamén cumpre vinte anos o Premio de Maquetas de música, ao que poden presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñente ao menos dous membros da devandita comunidade ou tres no caso de grupos de cinco ou máis compoñentes, quedando excluídos os que teñan editado algún traballos discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade. Por outra banda, os temas incluídos na maqueta non poden ter sido galardoados en ningún outro concurso. O primeiro premio ascende neste caso a 850 euros e o segundo a 450 euros e a UVigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas das persoas gañadoras ou promover actuacións destes artistas, quen, ao mesmo tempo, poderán tamén promocionar estas pezas pola súa conta, sempre e cando mencionen o premio.