DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase no museo Marco de Vigo os días 10 e 11 de xullo

O 8º Annual Meeting do CINBIO centrarase en visibilizar as novas ferramentas que marcarán a medicina do futuro

Cancro, nanomateriais ou inmunoloxía serán algunhas das temáticas dos relatorios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 15/05/2025

Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future. Baixo este lema o xa consolidado o CINBIO celebrará o vindeiro mes de xullo o seu oitavo Annual Meeting, renovando o seu firme propósito por visibilizar as novas ferramentas que marcarán a medicina do futuro. Un ano máis, Vigo converterase no punto de encontro no que científicas e científicos de todo o mundo compartirán a súa experiencia en diferentes áreas como química, física, bioloxía, medicina, a nanotecnoloxía e a saúde. Estas temáticas de discusión coinciden coas principais liñas de investigación do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade, que por oitavo ano consecutivo será o anfitrión desta iniciativa.

A cita será os días 10 e 11 de xullo no museo Marco de Vigo, converténdose o emprazamento nunha das principais novidades deste ano. “Queremos achegar o evento ao centro da cidade e conseguir que o Annual Meeting siga crecendo en participación”, explican desde o comité organizador, composto por once investigadoras e investigadores e unha técnica do CINBIO. Entre eles, está o Carlos Renero, que subliña que un dos puntos fortes do evento é a súa multidisciplinariedade, sendo “unha oportunidade única para que estudantes de doutoramento e persoal investigador de prestixio en ramas como a nanotecnoloxía e a biomedicina coincidan nun mesmo espazo, presenten o seu traballo e intercambien ideas que poden ser o xermolo de futuras colaboracións”.

Este ano o evento conta “cunha participación máis ampla tanto no comité organizador como no comité científico, que será o encargado de avaliar os relatorios e os pósters que serán presentados durante os dous días do congreso”, destacan Valeria Zoni e Noelia Flórez. Ambas engaden que tanto o equipo organizador como o persoal que forma parte do comité científico participa de forma voluntaria co fin de mellorar a calidade das conferencias en cada edición.

O prazo de inscrición para asistir ou participar cun relatorio estará aberto ata o 30 de maio. As persoas interesadas poden acceder ao formulario de inscrición a través da web do evento, onde tamén se publicará o programa definitivo.

Nanomateriais e biomedicina serán o foco das sesións

A selección de persoas relatoras e panelistas céntrase nas dúas grandes áreas de investigación do CINBIO: os nanomateriais e a biomedicina. Aínda que o programa non está pechado, xa está confirmada a participación de científicas e científicos de prestixio como Clemént Sánchez, director do Laboratorio de Química da materia condensada na Universidade Pierre y Marie Curie (Sorbonne Université-UPMC) ou Annemiek van Spriel, da Universidade Radboud en Países Baixos, que serán os encargados de abrir as sesións cada día.

O comité organizador desta oitava edición agarda unha participación de preto de 150 persoas, tendo en conta os datos acadados nas pasadas edicións, que contaron coa presenza de persoal investigador da Universidade de Vigo (especialmente do  CINBIO) e doutros centros de investigación de Vigo (IEO-CSIC, IISGS) e outras institucións de Galicia (USC, IDIS, UDC); así como de Portugal (INL, Universidade de Minho, Universidade de Porto).