DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula pode realizarse dende o vindeiro luns ata o 9 de xuño para Vigo e Ourense

Abre o prazo de inscrición para o Campus Camp 2023, que oferta 160 prazas

No caso de Pontevedra é preciso realizar unha reserva previa hoxe ou mañá venres

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/05/2023

Como cada ano, e co gallo de facilitar a conciliación, regresa o Campus Camp, o campamento estival para fillos e fillas de membros da comunidade universitaria da UVigo. En total ofértanse 160 prazas, da cales 35 son para o campus de Ourense e as restantes 125 para Vigo e Pontevedra. As actividades desenvolveranse nos meses de xuño, xullo e setembro co obxectivo de facilitar a conciliación da vida profesional e familiar do alumnado, do persoal de administración e servizos e do persoal docente e investigador en época de vacacións escolares ao tempo que se fomenta o coñecemento dos campus por parte dos máis pequenos.  

O prazo de inscrición abrirase entre o vindeiro luns 29 de maio e o día 9 de xuño para as prazas de Vigo e Ourense, mentres que no caso do campus de Pontevedra é preciso realizar unha reserva previa de prazas, trámite que cómpre formalizar entre hoxe 25 e mañá 26 de maio. Neste caso, de non reunir o número mínimo de solicitudes (10 nenos e nenas), que faga viable a posta en marcha da actividade, xa non se abrirá prazo para a formalización da inscrición.

A inscrición pode realizarse a través de Campus Activo para o que cómpre ser membro da comunidade universitaria e nais ou pais de nenos ou nenas ou pequenos acollidos legalmente, con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos. A idade límite aplicarase ao inicio da quenda na que se pretenda inscribir ao menor, independentemente da publicación desta convocatoria ou dos prazos establecidos para as inscricións.

Quendas e prezos

As actividades do Campus Camp desenvolveranse este ano entre o 22 de xuño e o inicio do curso escolar de educación primaria no mes de setembro, quedando excluído da actividade o mes de agosto, os sábados, domingos e festivos. O horario das actividades será en xuño e setembro de 07.45 h ata as 15.00 horas e en xullo de 08.45 a 14.15 horas de luns a venres.

O programa é eminentemente educativo, lúdicas e deportivos con diferentes eixos temáticos en cada edición e ten como obxectivo fomentar a colaboración e o traballo cooperativo e a adquisición de habilidades específicas. Para adaptarse ás necesidades das familias, establécense diferentes quendas con diferente custo: os meses de xuño-xullo-setembro, cun prezo de 160 euros; o mes se xuño ou o mes de setembro, 30 euros; o mes de xullo 120 euros; a primeira ou a segunda quincena de xullo cun custe de 60 euros e os días soltos, cun prezo de 8 euros. A estes prezos aplicaránselle deducións  no caso de segundo fillo ou filla matriculados (10%), terceiro (15%), cuarto (20%) ou quinto (25%). 

Unha vez realizada a inscrición na quenda elixida, esta será firme e non se devolverá o pagamento agás por motivos de saúde, cancelación de actividades, cambios de situación laboral do ou da proxenitora ou por admisión noutro campamento organizado pola comunidade autónoma, deputación ou concello.