DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto académico da festividade de San Tomé de Aquino

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 28/01/2022

Na que definiu como “unhas das últimas oportunidades de dirixirme á comunidade este mandato”, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, fixo este mediodía balance dos logros máis salientables acadados pola comunidade universitaria nos últimos anos, así como unha enumeración dos que considera os principais retos da institución para poder “gañar o futuro e converternos nunha universidade que sexa referente: pública, galega, internacionalizada e igualitaria”. O acto académico da festividade de San Tomé de Aquino, celebrado este venres no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, volveu reunir o alumnado máis excelente da UVigo: máis dun cento de estudantes de doutoramento e grao que hoxe recibiron as medallas e insignias da Universidade que acreditan os seus logros académicos. Do total de 104 galardoadas e  galardoados, 20 corresponden a Premios extraordinarios de doutoramento do curso 2019-2020; 30 a Premios extraordinarios de doutoramento do curso 2020-2021; 49 a Premios extraordinarios de grao do curso 2020-2021 e 6 a Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de grao e fin de mestrado do curso pasado. 

As vicerrreitoras de Investigación, Belén Rubio; de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, ademais do presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, acompañaron a Reigosa na mesa presidencial dun acto, no que ,o dúo formado por Iria Estévez e Xoan Curiel encargouse da interpretación dun repertorio musical, que ademais do Gaudeamus Igitur, incluíu cantigas dos trobadores Pero de Ver e Martin de Padrozelos.

Retos e realidades da UVigo

Durante case 40 minutos, nos que acompañou o seu discurso “de datos obxectivos, porque o papel todo o aguanta e o que eu diga pode esvaecerse”, o reitor fixo un percorrido polos retos e realidades da UVigo. Reigosa comezou gabando o Plan galego de financiamento universitario 2022-2026, negociado entre as tres universidades e a Xunta de Galicia, e que definiu como “o mellor que podíamos esperar”. Tras asegurar que subscribía aspectos recollidos no plan como o financiamento básico, internacionalización, docencia innovadora ou investigación avanzada, o reitor pasou a falar das positivas avaliacións acadadas polo profesorado da UVigo durante a pandemia, “unha situación moi difícil na que o PDI fixo todo que puido e ao alumnado o detectou”. Precisamente, en relación coa covid, Reigosa lembrou que desde o inicio da pandemia na institución non se detectou ningún gromo, “o que nos fai estar satisfeitos da extraordinaria responsabilidade da comunidade”, dixo. A creación de Campus Remoto, agora Campus Integra, foi outro dos feitos derivados da pandemia que hoxe destacou o reitor, que tamén aproveitou para lembrar os avances acadados na sede electrónica, que permitiu a emisión de numerosos certificados durante o confinamento. 

Reigosa tamén fixo referencia na súa intervención de hoxe ás grandes cifras acadadas pola UVigo nos últimos anos en cuestións como proxectos de investigación concedidos ou captación de fondos de I+D+i , ao tempo que lembrou o proceso de fortalecemento experimentada polos centros de investigación da institución, nomeadamente atlanTTic, CIM e Cinbio, que dispoñen do selo CIGUS, Centros de Investigacion do Sistema Universitario Galego, un recoñecemento que tamén está a espera de confirmarse no caso do Cintecx. “Os nosos investigadores pódense comparar cos de calquera país europeo. Somos tremendamente competitivos”, dixo Reigosa, que destacou que no primeiro ano da pandemia a UVigo acadou un récord no número de artigos publicados na Web of Science, unha marca que se volveu repetir este ano. “Estamos preto das 2000 publicacións por ano académico. A comunidade universitaria está a facelo moi ben e é para presumir. Non obstante, o primeiro ano da pandemia as investigadoras tiveron problemas pola carga de coidados. É inxusto e hai que corrixilo”, dixo o reitor que asegurou que fará falta adoptar medidas positivas, aínda que primeiro cómpre concienciarse. Precisamente os logros acadados en materia de igualdade foi outra das cuestións das que falou o reitor no seu discurso, no que tamén destacou o baleirado das bolsas de acreditados a catedrático e titular, ou “o acerto do plan de funcionarización”. No caso das accións desenvolvidas en materia de igualdade, Reigosa asegurou que “se dan as condicións para que a UVigo sexa un referente en Europa”, razón pola que noutras universidades se replican iniciativas postas en marcha en Vigo, como o distintivo de igualdade, as salas de lactación, a Cátedra de Feminismos 4.0 ou o informe sobre a fenda salarial. 

“Hai moitas cousas que se están a facer ben e o reto é seguir afondando e mellorar en cuestións como a internacionalización. A situación non é favorable e desde punto de vista burocrático é difícil captar alumando e profesorado, pero a UVigo ten que facelo”, dixo Reigosa, que asegurou, para rematar, que “todos os retos están aí para quen veña. Ánimo a todos e un aplauso para vós”, pediu aos asistentes. 

Experiencias en primeira persoa das e dos premiados

 

Tomás Farto e Blanca Otero recolleron cadanseu Premio extraordinario de doutoramento. A Tomás teríalle correspondido recollelo o curso pasado, pero a pandemia obrigou a suspender o acto, polo que, finalmente, non foi ata agora que o recibiu. “Este acto marca para min o final dunha etapa. É un recoñecemento a todo o traballo que fixen durante todos estes anos e o inicio dunha nova fase, agora xa como profesor axudante doutor na Área de Dereito Procesal”, explica o investigador, autor da tese O proceso de decomiso autónomo, un estudo iniciado a partir dunha reforma realizada no 2015 e que supuxo a introdución dun novo proceso de carácter penal no enxuizamento criminal,  unha cuestión de gran relevancia na loita contra a corrupción e a delincuencia organizada. “No momento en que empecei a facer a tese era un tema moi novidoso, do que apenas había nada escrito, pero que ten unha gran importancia para a loita contra a criminalidade”, explica o premiado.

No caso de Blanca Otero a súa tese constatou a necesidade de realizar un empuxe “normativo e institucional” da figura da mediación familiar. Transcorridos oito anos desde a entrada en vigor da Lei de mediación nacional, o estudo de Otero concluíu de xeito claro que a figura da mediación intraxudicial nos supostos de ruptura de parella non conseguiu desenvolver aínda a potencialidade que se lle auguraba, algo que, desde o seu punto de vista, se debe, á falta de cultura que hai en España sobre esta forma de resolución de conflitos, así como á ausencia dunha auténtica aposta por parte das distintas administracións por esta vía de solución de controversias. No seu caso compatibilizou a realización deste estudo co exercicio profesional como mediadora e como nai de dous nenos. “Foron para min anos de moitísimo traballo nos que considero que tiven que facer un triplo esforzo: profesional, académico e persoal”, salienta a investigadora, profesora asociada na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. 

Este acto foi especialmente emotivo para Tania Gándara, egresada do Grao en Educación Social, pois no seu caso recolleu dous premios: un Premio extraordinario de grao e un Premio Egeria á inclusión da perspectiva de xénero no TFG e TFM. “Véxoo como un galardón a todo o esforzo destes catro anos e tamén coma unha louvanza”, explicou ao inicio do acto. Na actualidade segue formándose realizando un mestrado de especialización en temas de xénero, labor que compaxina cun traballo como educadora nun centro de protección de menores en Santiago de Compostela. “Ás veces é difícil compaxinalo todo, pero o certo é que estou supercontenta”, salientou.

Xavier Simón recolleu un Premio Extraordinario de Grao. Graduado en Enxeñaría da Enerxía, recoñece que elixiu esta titulación porque lle apaixonan as ciencias “por como nos permiten entender como funcionan as cousas ao noso redor”. Desde o seu punto de vista,  “unha enxeñaría combina moitas ciencias. Ademais, participar na transición enerxética para un mundo máis sostible é un reto canto menos atractivo”, recoñece o estudante. O premio é para el un particular xeito, “bastante ledo”, de “lembrar as tardes de estudo e os sacrificios feitos durante o transcurso do grao, unha forma de recordar que mereceron a pena”. Este ano decidiu tomalo de descanso e aproveita para dedicarse “a aprender un novo idioma, adestrar nenos ou dar clases particulares, entre outras cousas”.