DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de apertura do curso académico 2026/2027 do Sistema Universitario de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Reitora
  • Institucional
DUVI 08/09/2026

O curso académico 2026/2027 do Sistema Universitario Galego botou a andar este martes na Universidade de Vigo cun acto institucional no que a reitora, Carmen García Mateo, puxo voz ás preocupacións das universidades do SUG, nomeadamente: o absentismo do alumnado, o desaxuste entre a oferta e a demanda de prazas nas titulacións, e o financiamento; ao tempo que apuntou as medidas a adoptar para enfrontalas. No acto conxunto das tres universidades celebrado no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a reitora da UVigo apostou pola revitalización dos campus e por unha comunidade, “na que se aprende a pensar, argumentar, escoitar e convivir”; así como pola necesidade de atender a demanda de prazas no sistema público para evitar a perda de talento e o éxodo ás institucións privadas; e por un Plan de Financiamento do SUG, “suficiente, estable e ambicioso”, para investir no talento e na capacidade de innovación das universidades, e no futuro do país. 

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou na súa intervención que o Plan de Financiamento volverá a medrar ata acadar o maior investimento público no Sistema Universitario Público de Galicia. “Debemos lograr que se invista do mellor xeito posible”, dixo Rueda, que expresou o seu convencemento en que se volverá a acadar un acordo entre as universidades e a Xunta. O titular do goberno galego, que apelou á colaboración, “que está na base dos éxitos acadados na descentralización do estudos de Medicina; unha PAU máis xusta, ou o plan de infraestruturas”, aseguro que o SUG avanza con paso firme e o futuro de Galicia “pasa polo futuro das universidades contando co apoio da Xunta”.

O acto, celebrado este martes e que reuniu na FCEE unha ampla representación dos ámbitos académico, político e social, iniciouse coa lección inaugural a cargo do catedrático da UVigo José Cidrás Pidre, na que percorreu os máis de 125 anos de historia da electricidade, desde a iluminación e a electrificación da sociedade ata a liberalización do sector eléctrico.

Absentismo, desaxuste entre oferta e demanda e financiamento

 

A presenza física nas aulas e a vida nos campus; o desaxuste entre oferta e demanda de prazas; e o financiamento foron os eixos sobre os que a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, construíu o discurso de apertura do curso académico 2026-2027, no que comezou sinalando “a vontade cooperar, de recoñecernos nun proxecto compartido e de defendermos o valor da universidade como institución ao servizo de Galicia”, das tres institución académicas do SUG.

En relación coa primeira das preocupacións comúns a UVigo, USC e UDC, sinalou García Mateo que o absentismo universitario, que cómpre ser analizado con rigor, “abre un debate necesario, que non pode acabar cun reproche, reducido a unha suposta falta de compromiso dunha xeración”. As condicións materiais de vida, o custo da vivenda, a transformación radical no acceso á información e a intelixencia artificial xenerativa foron algunhas das causas do absentismo que a reitora da UVigo apuntou, para a continuación asegurar que “non se poden limitar os recursos dixitais para obrigar a asistir. A resposta debe ser ofrecer algo que non se poida descargar, resumir nin substituír cunha pantalla: a conversa que modifica unha idea: a pregunta inesperada; a experimentación nun laboratorio; a discusión entre persoas que pensan de maneira diferente; a atención do profesorado…”. A reitora da UVigo, para quen o absentismo, “debe servinos como sinal para a mellora educativa e tamén para a autocrítica institucional”, asegurou que cómpre renovar a experiencia universitaria, revitalizando os campus, a través da creación de espazos de encontro, estudo e descanso; impulsar a cultura, o deporte ou o asociacionismo, a convivencia entre titulacións e xeracións ou a mellora dos servizos e a mobilidade. “Un campus vivo non é un complemento ornamental da docencia. É unha condición de aprendizaxe”, sinalou Carmen Garcia Mateo, que reivindicou a universidade como “unha comunidade na que se aprende a pensar, a argumentar, a escoitar e a convivir”.

En relación co desaxuste entre a oferta e a demanda de prazas, explicou a reitora da UVigo que na maioría das titulacións, a oferta das universidades públicas galegas non chega para atender a demanda do alumnado o que, dunha banda, obrígao a elixir unha titulación non preferente, de doutra, a satisfacer as súas preferencias na oferta privada, se as familias dispoñen de recursos. “Estes feitos: debilitan o sistema universitario galego, perde algúns dos mellores expedientes académicos; prexudica o nivel académico do sistema público porque obriga e eleccións non preferentes; e a universidade pública perde atributos, se a elección do alumnado pasa a depender da condición económica das familias”.

García Mateo enlazou estas dúas cuestións coa terceira das preocupacións compartidas polas tres universidades do SUG: o financiamento, preciso para a xeración de coñecemento e impacto social, a formación de profesionais, transferencia de coñecemento e acompañamento a empresas. “Se queremos competir, investigar e formar nas mellores condicións, non podemos traballar con infraestruturas en réxime de asimetría con respecto á calidade que ofrecemos. Tamén debemos captar e estabilizar talento, consolidar grupos de investigación competitivos, ampliar a nosa proxección internacional…”, detallou a reitora, que asegurou que o financiamento público debe ir acompañado de rendición de contas, obxectivos claros, transparencia e avaliación dos resultados. “A negociación no seguinte Plan galego de Financiamento non é, polo tanto, unha discusión técnica máis. É unha decisión transcendental sobre a universidade que Galicia quere para a próxima década. Debe permitirnos atender os custos reais da docencia, renovar infraestruturas, afrontar a transformación dixital, desenvolver políticas de persoal, impulsar a investigación e revitalizar os campus”, enumerou García Mateo.

Cunha interpelación directa ao alumnado, ao que invitou a participar na universidade e a facer seus os campus, “a universidade pública é vosa e constrúese coa vosa presenza e actividade”, dixo; e outra ao presidente da Xunta. Alfonso Rueda, a quen demandou un novo plan de financiamento “suficiente, estable e ambicioso. Déanos os recursos necesarios e as universidades galegas responderemos con traballo, responsabilidade, transparencia e resultados”, rematou o seu discurso a reitora da UVigo.

Rueda anuncia que o plan de financiamento do SUG medrará

 

Na súa intervención o presidente da Xunta, encargado en nome da Súa Maxestade El-Rei de declarar inaugurado o curso académico 2026/2027 no Sistema Universitario de Galicia, gabou o “discurso cheo de sentido común” e “moi pegado á realidade” feito pola reitora da UVigo e o seu ofrecemento/esixencia “de ter máis ferramentas, recursos públicos e máis cousas, e ao mesmo tempo ofrecer compromiso, traballo e tamén responsabilidade” por parte das universidades. O Sistema Universitario de Galicia, dixo, “avanza con paso firme, con moitísimos retos por diante, con moitísimas dificultades que superar pero tamén con moitísimas esperanzas de facelo conxuntamente” e reafirmou o apoio do goberno subliñando que “o futuro de Galicia pasa en gran parte polo futuro e o éxito das súas universidades”. 

O presidente da Xunta sinalou que estes días “as diferentes facultades das tres universidades galegas abren as portas a unha nova xeración de estudantes que confían, que veñen con moitas esperanzas, na formación que esperan recibir”. A todos eles, comentou, “hai que ofrecerlles unha universidade pública que estea ao alcance de todos e todas como punto de partida, como sistema para igualar as oportunidades” e lembrou que “isto é posible en Galicia por terceiro ano consecutivo: única comunidade autónoma na que todos aqueles que se esforzan poden estudar de balde ou polo menos non teñen que afrontar o pago das matrículas universitarias”. Alfonso Rueda apuntou que esta matrícula gratuíta beneficiou o pasado curso académico a 30.000 estudantes universitarios e amosou a súa confianza en que esta cifra se incremente neste 2026/2027. Igualmente indicou que as taxas universitarias non subiron en Galicia desde hai 16 anos. 

O titular do goberno galego explicou no seu discurso que comeza agora “un curso cheo de retos” e afirmou que “estou seguro de que se seguimos co sistema que vimos aplicando desde hai moitos anos de colaboración, de diálogo, de chegar a acordos, primeiro entre as propias universidades e logo coa Xunta de Galicia, isto seguirá dando os froitos que todos esperamos”. Entre estes retos citou o novo plan de financiamento do SUG. Así detallou que agora estase a comezar a negociar o que será o sétimo plan e sinalou que “estou seguro de que volveremos a chegar a un acordo”. Rueda adiantou que “nas primeiras fases da negociación podo anunciar en nome da Xunta de Galicia que desde logo o plan de financiamento volverá a medrar ata acadar o maior investimento público no Sistema Universitario Público de Galicia”. Ademais engadiu que “agora corresponde a todos os que con lealdade nos sentemos na mesa de negociación, conseguir que eses recursos se invistan do mellor xeito posible. Máis fondos, máis recursos, esixen e implican máis compromiso, máis alcance e máis desenvolvemento, resultados máis ambiciosos”. En relación a este tema tamén apuntou que “as ferramentas coas que acabamos de dotar aos consello sociais” das universidades “implican un apoio aos equipos directivos das universidades e aos equipos reitorais” e “suporán un reforzo na capacidade de xestión”. Outros retos do SUG citados polo presidente da Xunta foron o axuste do mapa de titulacións, a futura lei de ciencia e innovación, a remuda xeracional dos cadros docentes, a internacionalización, a captación e retención de talento, o plan de infraestruturas, a nova PAU e o proceso de descentralización dos estudos de Medicina. Neste último punto quixo “agradecer a compresión, a visión de futuro e o sentidiño dos equipos reitorais e dos reitores”, apuntando que aínda que é “algo que está nos seus comezos, estou seguro será un éxito”. 

125 anos de electricidade: da iluminación á descarbonización

 

“Calquera actividade humana, a excepción do durmir, ten unha forte relación coa enerxía eléctrica”. Esta afirmación resume o punto de partida da lección inaugural coa que o catedrático da Universidade de Vigo José Cidrás abriu este martes o curso do Sistema Universitario Galego. Baixo o título Enerxía eléctrica, sector eléctrico, mercado eléctrico e sociedade, Cidrás propuxo un percorrido polos máis de 125 anos de historia da electricidade e pola fonda transformación que esta enerxía provocou na sociedade.

Desde os primeiros experimentos de Volta, Ampère, Faraday e Maxwell ata a actual expansión das renovables, a lección repasou os principais fitos desta evolución: a iluminación das cidades, a electrificación da industria e dos fogares, a “guerra das correntes” entre Edison e Tesla, a creación das redes eléctricas e a posterior liberalización do sector.

Galicia tamén ten un papel nesta historia e, tal e como explicou o catedrático da UVigo, o primeiro experimento español de iluminación eléctrica realizouse en 1851 na Universidade de Santiago de Compostela, mentres Pontevedra foi, en 1888, a segunda cidade española en contar con iluminación pública eléctrica. A partir de 1900, a electricidade estendeuse progresivamente polas principais cidades galegas e, despois, polos fogares e a industria.

A mirada de Cidrás chegou tamén ao presente, marcado pola descarbonización, o crecemento da eólica e da fotovoltaica e os retos asociados ao funcionamento do sistema eléctrico, entre eles o apagamento do 28 de abril de 2025, no que “calquera actividade parecíanos bloqueada pola falta de electricidade: teléfonos, tarxetas, gasolineiras...”. O percorrido concluíu cunha mirada cara a 2050, cando o obxectivo debería ser, segundo o profesor, lograr “unha descarbonización completa da sociedade” mediante a electrificación dos consumos enerxéticos e o recurso ás fontes renovables.

Ampla representación de autoridades políticas, académicas e sociais

García Mateo e Rueda estiveron acompañados na mesa presidencial polos outros dous reitores: Rosa Crujeiras, de Santiago de Compostela e Ricardo Cao, da Coruña, así como polos presidentes do consellos sociais, Ernesto Pedrosa, da UVigo; Cecilia Sierra, de Compostela, e Antonio Abril, da Coruña.

A cita congregou a un importante número de autoridades e representantes da contorna política, económica, social e académica. Entre outras personalidades, contouse coa asistencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o alcalde vigués, Abel Caballero; a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG Socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o subdelegado do goberno en Pontevedra, Abel Losada; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; o presidente do Consello Consultivo, Andrés Lago, e o do Consello Económico e Social, Manuel Pérez.

A nivel académico coincidiron no evento vicerreitoras e vicerreitores das tres universidades, as persoas responsables das diferentes escolas e facultades, varios ex-reitores -Luis Espada, Domingo Docampo e Alberto Gago, no caso da UVigo-; así como numerosos docentes e membros da comunidade universitaria, entre eles, o profesor Jacobo Porteiro, candidato a reitor nas pasadas eleccións do mes de maio.