Acto de entrega das Medallas de Investigación da RAGC
Os catedráticos da Universidade de Vigo Laura Carballo e Juan Pou atesouran dende este mércores cadansúa Medalla de Investigación de Galicia, distincións que concede a Real Academia Galega de Ciencias e que os acredita como investigadores referentes no seu campo. Ambos recolleron este recoñecemento no transcurso do acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia que tivo lugar este mércores no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela e no que se homenaxeou o químico Fernando Calvet i Prats como Científico Galego 2025.
Laura Carballo, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, especialista en Dereito laboral marítimo internacional, comprometida coa mellora das condicións dos traballadores do mar, recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais. Juan María Pou, catedrático de Física Aplicada da UVigo, centrado na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade, foi o galardoado en Ciencias Técnicas.
Ao evento, presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asistiu tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, xunto co reitor da Universidade de Coruña, Ricardo Cao, así como o presidente da RAGC, Juan Lema; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora de Gain, Carmen Cotelo; o director da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; entre outras autoridades e académicas e académicos da RAGC.
No transcurso do acto, o presidente da RAGC puxo de manifesto que estas medallas “son os premios máis prestixiosos da ciencia en Galicia. O seu valor vén dado pola excelencia, a humanidade e o compromiso das persoas premiadas, que co seu traballo engrandecen a ciencia galega e proxéctana no mundo”.
Laura Carballo, medalla Domingo García-Sabell Rivas
A catedrática Laura Carballo recibiu a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Socias polo seu traballo de investigación que ten como liña principal o Dereito laboral marítimo internacional, “da que é un referente”, como recoñece a Real Academia Galega de Ciencias.
A docente do campus de Ourense recoñecía sentirse “moi honrada” e reconfortada porque “nestes intres de grande ameaza para a orde internacional e os dereitos das persoas sen importar a súa orixe, a RAGC apoie o papel fundamental do Dereito para acadar a paz, a seguridade e o benestar de nacións, a dignidade dos pobos, en definitiva, como diría García-Sabell”.
Carballo é catedrática de Dereito e Política Laboral Marítima na World Maritime University, creada pola Organización Marítima Internacional (OMI), con sede en Malmö, onde foi directora do seu departamento de Dereito e Política Marítima. Entre os seus méritos, realizou un proxecto sobre seguridade social e emprego marítimo para a Federación Europea de Traballadores do Transporte e dirixiu un programa destinado a promover o traballo decente a bordo de buques da mariña mercante. Actualmente é decana da Facultade de Relacións Internacionais da UVigo e a súa experiencia fixo que a OMI contase cos seus coñecementos para prestar formación en transporte marítimo en Ghana e Chile. Tamén é asesora do Comité de Expertos na Aplicación dos Convenios e Recomendacións da Organización Internacional do Traballo e será a primeira galega en impartir un curso na Academia de Dereito Internacional da Haia.
Juan Pou, medalla Isidro Parga Pondal
O outro investigador da UVigo que recibiu este mércores a distinción da RAGC é Juan Pou, catedrático de Física Aplicada da UVigo, ao que se lle outorgou a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas. Para a RAGC, Pou é un “referente internacional no eido das aplicacións láser”, con liñas de traballos centradas na industria, a saúde e a sostibilidade e preto de oito millóns de euros acadados en proxectos e contratos e 34 patentes.
Para o docente da EE Industrial, este galardón é “un recoñecemento a todas as persoas que desde a década de 1980 se dedicaron e seguen a dedicarse a investigar sobre as aplicacións do láser en Galicia e, en particular, ao grupo Aplicacións Industriais dos Láseres da UVigo”. Pou tamén agradeceu aos seus compañeiros do Cintecx “por crear un magnífico ambiente de traballo para desenvolver a nosa investigación”.
Entre as diferentes liñas de investigación que Pou vén desenvolvemento dende hai décadas, destacan os seus traballos de valorización dos produtos e residuos xerados nas cadeas de produción vencelladas ao mar, como o aproveitamento de espiñas e ósos de peixe para obter fosfatos de calcio. Tamén ten traballado na mellora da eficiencia dos sistemas mecánicos empregados nas artes de pesca e de produtos e servizos nos sectores da automoción, construción naval, aeronáutico, téxtil e da pedra natural para obter unha industria intelixente e sostible, así como no desenvolvemento de novos produtos para as industrias farmacéutica e biotecnolóxica ou a obtención de próteses e implantes con propiedades mecánicas melloradas. Así mesmo, a RAGC destaca tamén a participación de Pou nun proxecto europeo centrado no uso da tecnoloxía láser para reciclar o vidro que non se recicla, como o empregado en produtos farmacéuticos ou en dispositivos electrónicos como teléfonos móbiles e pantallas de ordenador.
Outras tres Medallas de Investigación de Galicia
Xunto con Carballo e Pou este mércores tamén recolleron as Medallas de Investigación de Galicia 2025 as investigadoras da UDC Nieves Rodríguez, catedrática de Ciencias da Computación, que recibiu a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación e Mª Carmen Veiga, catedrática de Enxeñaría Química, premiada coa medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía. Pola súa banda, o catedrático de Reumatoloxía da Universidade da Coruña e xefe da Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional no CHUAC, Francisco J. Blanco recibiu a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC.
