DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Compañeiros de goberno, de Vicerreitoría, sindicalistas e investigadores lembran a Manuel Ramos

Adeus a un gran PDI e xestor, pero sobre todo a unha gran persoa 

O 12 de maio celebrarase un acto de homenaxe en memoria do vicerreitor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 06/05/2022

Cando Manuel Ramos Cabrer (Lugo, 1966), logo de cursar a carreira de Enxeñería de Telecomunicación pola Universidad Politécnica de Madrid, se incorporou no ano 1991 á Universidade de Vigo “sintonizamos, desde o primeiro momento, a nivel persoal, e aínda que os dous estábamos entón ocupados coas nosas teses, xa colaboramos no desenvolvemento dalgúns contratos coa industria”. Así lembra, Juan José Pazos, director do grupo de investigación Servizos para a Sociedade da Información (GSSI), o seu primeiro contacto con Ramos, “persoalmente, o mellor enxeñeiro que coñecín”, afirma, e  con quen, precisamente, en 1995, fundaría GSSI, o grupo no que o vicerreitor falecido o pasado martes desenvolveu a súa actividade investigadora. Só un ano antes, en 1994, Ramos comezara a colaborar en diferentes proxectos co actual director da Área de Estudos de Grao da UVigo, Alfonso Lago. “Coñecín a Manolo no berce da EET. Eran tempos onde aínda se estaba nas instalacións provisionais da Escola de Enxeñaría Industrial, e a partir dese intre traballamos conxuntamente, durante moito tempo, para poder levar a cabo proxectos de universidade”, recorda Lago, sobre Manuel Ramos, que ao longo da súa traxectoria como investigador foi autor de 54 artigos en revistas indexadas, 12 capítulos en libros e máis de 80 comunicacións en congresos de ámbito internacional, ademais de participar en 40 proxectos de investigación e preto de 50 contratos de transferencia.

Neses primeiros anos na UVigo, o perfil de Ramos complétase engadindo á súa actividade investigadora e docente, o seu labor no terreo sindical e no da política universitaria. “Coñecín a Manolo formando parte da PCUVI, a plataforma liderada no seu día polo reitor José Antonio Rodríguez Vázquez e posteriormente polo malogrado José Tojo. Desde o principio conectamos”, lembra o docente e investigador do departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo Pedro Pablo Gallego, que, actualmente desde a presidencia da Xunta de PDI, tamén recorda os anos de traballo compartido. “A pesar de militar en sindicatos diferentes, pelexamos e traballamos xuntos no terreo sindical, non só defendendo e loitando polo recoñecemento dos dereitos do PDI, senón que coincidíamos en esixir o cumprimento das obrigas docentes e investigadoras inherentes ao posto”, explica Gallego, para quen Ramos foi “o mellor representante dos equipos de goberno que houbo ata o de agora, polo menos, desde que son presidente da Xunta de PDI”, afirma. 

Coa dirección do Servizo de Telecomunicacións, Ramos incorporábase en 1995 á xestión universitaria, na que permaneceu durante máis de 25 anos ocupando a dirección do Departamento de Enxeñaría Telemática; coordinando programas de doutoramento e mestrado e como membro do Claustro e da súa Mesa; do Consello de Goberno e da COAP. No ano 2018 convertíase da man de Manuel Reigosa en vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, un posto desde o que, os compañeiros e compañeiras do equipo de goberno, encabezados polo reitor, recoñecen que “nos aprendeu moito e moldeou o traballo dos pasados catro anos de todos nós, e foi unha fonte de inspiración impresionante para o equipo e pensamos que tamén para a comunidade universitaria”, aseguran sobre Ramos, que non dubidan en sinalar como “o noso faro, a nosa guía”.

Formidable compañeiro, amigo entrañable, excelente persoa ( e madridista de pura cepa)

O repentino falecemento o pasado martes no seu domicilio familiar, deixaba sen palabras, nun primeiro momento, a quen coñecía e trataba habitualmente a Manuel Ramos e foi co paso das horas cando comezaron a sucederse na UVigo as manifestacións de dor, as condolencias e pésames a súa familia e as mostras de respecto e cariño cara ao, para algunhas persoas, amigo, para outras compañeiro de traballo, ou membro do equipo de goberno. 

Quen o coñecía desde hai décadas e trataba habitualmente, coinciden en “gabar o seu talante, o seu respecto a todo tipo de opinións, a súa capacidade de traballo e sensibilidade cara os menos favorecidos e cara á igualdade, no fondo e na forma”, enumera Pedro Pablo Gallego. O presidente da Xunta de PDI tamén destaca que “debido a súa timidez, nunca quixo figurar, o seu era traballar por e para os demais. Non só perdemos a un gran PDI, tamén, se sobre todo, a unha gran persoa”, lamenta Gallego, para quen, dos anos vividos xunto a Ramos, rescata o momento no que “quedamos orfos de liderado despois da defunción de José Tojo. Aquilo, como ocorre agora, foi un baño de realidade, ver de preto o abismo, a fraxilidade da vida. E iso non se esquece nunca”. Pola súa banda, desde as filas de UGT, sindicato no que militaba, aseguran despedir “a un compañeiro, a un amigo, a un vicerreitor de Profesorado sen parangón. Manolo era un piar, unha columna, un alicerce certo: fiábel, leal, moi traballador e de palabra insubornable”.

Os seus compañeiros durante décadas na Escola de Enxeñería de Telecomunicación e en tarefas de xestión, Juan José Pazos e Alfonso Lago, destacan o seu carácter conciliador, “sempre atopaba o tempo para axudar a todo o mundo que o precisaba e facíao con bo humor. Foi un formidable compañeiro e unha excelente persoa”, asegura o director do grupo de investigación Servizos para a Sociedade da Información. O director da Área de Estudos de Grao da UVigo, Alfonso Lago, sinala a bondade, a humildade, o talante e o optimismo como os trazos máis destacables da personalidade de Ramos, do que garda innumerable recordos. “Da nosa etapa como candidatos a vicerreitores, noites longas ata a madrugada escribindo o programa electoral, sempre cun sorriso, traballos incansables na elaboración de propostas de estatutos; pero sobre todo, quixera quedarme con algo que sempre facíamos, salvo imprevistos. Un cocidiño todos os anos, desde hai máis de 25, e os whats compartidos durante os partidos do Madrid (era madridista de cepa) e do Celta (esa parte tócame a min)”, rememora Lago.

Desde o equipo de goberno, refírense a Manuel Ramos como “un amigo entrañable, un compañeiro inmellorable, un camarada. Traballador infatigable e coñecedor da nosa casa, soñou un futuro mellor para a sociedade que debía comezar aquí, nas nosas aulas”, ao tempo que se amosan convencidos de que “a súa figura xigante acompañaranos durante o resto das nosas vidas e fará, de seguro, que moitas sementes rematen agromando e dando froitos que serán bos para as persoas e para o conxunto da sociedade”. 

Unánime recoñecemento da comunidade universitaria 

Onte declarouse día de loito na UVigo, razón pola que as bandeiras ondearon a media hasta e o vindeiro xoves, 12 de maio, ás 12.00 horas, celebrarase na praza Erasmo un acto de homenaxe en memoria do vicerreitor, que desde que se coñeceu o seu falecemento está a recibir innumerables mostras de recoñecemento e cariño por parte da comunidade universitaria.

Desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a súa directora, Rebeca Díaz, referiuse a Manuel Ramos como “unha persoa amable, voluntariosa e moi traballadora”, ao tempo que recoñeceu o seu labor, apuntando que “levou a cabo grandes cousas e estou certa de que tiña importantes proxectos para a nova etapa que estaba a piques de iniciar”. Desde o Servizo de Xestión de Estudos de Grao, María Cristina Rodríguez, destaca o traballo de colaboración continúa realizado coa vicerreitoría de Ramos, “unha persoa afable, simpática, moi traballadora e de bo talante, o que demostraba día a día e nas xuntanzas que tiñamos con el e os seus colaboradores”.

Pola súa banda, o Consello Social manifestou a súa “gratitude, admiración e respecto que deixa na nosa memoria, polo seu constante exercicio de dispoñibilidade, rigor e tolerancia, e por ter transitado pola vida na parte dos xenerosos”, mentres que a Unidade de  Igualdade recoñece publicamente “o seu forte e firme compromiso coa igualdade de xénero. Mentres, dende CCOO lamentan a perda de Ramos, “persoa comprometida e amable, traballador incansable e sempre disposto a escoitar e a buscar solución”, opinión compartida polos comités de PDI laboral de Pontevedra e Ourense e a CIG- PDI, que destacan “o grande labor que Manolo levou a cabo como vicerreitor de Profesorado, na que tivo que lidar con non poucos problemas e onde sempre demostrou unha gran disposición ao entendemento, actitude aberta, transparencia e traballo incansable”, ao tempo que lamentan que “as relacións sindicatos-universidade non volverán a ser as mesmas sen a persoa que logrou unha verdadeira mesa de diálogo e de acción social”.