DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos obtidos nun estudo realizado por docentes das universidades de Vigo e A Coruña

As adolescentes galegas considéranse máis activas fisicamente do que realmente son

Nunha enquisa a 400 estudantes, só o 1% víanse pouco activas, cando o 72% teñen hábitos sedentarios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/01/2019

“Unha cousa é o que percibimos e outra a realidade”. Esta é, como sinala a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marián Fernández Villarino, unha das conclusións que, no relativo aos índices da actividade física das escolares galegas, puido extraer do estudo que desde hai cinco anos vén desenvolvendo en diferentes centros de ensino galegos xunto cos investigadores da Universidade da Coruña Miguel Ángel González Valeiro e Belén Toja Reboredo. No marco dun cuestionario realizado a 430 alumnas de sexto de primaria e dos tres primeiros cursos da ESO, as e o investigador puideron comprobar como o 67% das alumnas entrevistadas considerábase fisicamente activas e o 32% moi activas, mentres que só un 1% se cualificaban a si mesmas como pouco activas. Mais, a comparación destes datos cos seus índices de actividade física amosaban unhas porcentaxes ben distintas. “Os resultados dinnos que o 28% das enquisadas son activas, fronte ao 72% que son sedentarias”, explica Fernández Villarino, que alerta nese senso da existencia dun “problema de percepción”, xa que “se consideras que os teus hábitos de vida son adecuados, por que os vas cambiar?”.

No relativo aos nenos e á mocidade de entre 5 e 17 anos, as recomendacións en materia de actividade física da Organización Mundial da Saúde (OMS) falan da practica de cando menos 60 minutos diarios de actividade moderada e intensa. Esta recomendación foi tomada como referencia polos investigadores e investigadoras para definir a porcentaxe de escolares e adolescentes activas nunha análise que parte dos cuestionarios realizados a 430 alumnas e 367 alumnos de 21 centros educativos galegos. A partires de aí e en base a unha serie de preguntas “que nos reflicten os niveis de actividade física destas persoas e que nos permiten clasificalos como sedentarias ou activas”, calculouse “o índice de actividade física tendo en conta a frecuencia de práctica de actividade física formal e informal, a participación no deporte escolar, o número de adestramentos de deporte escolar e o tempo de práctica de actividade física a piques de quedar cansa”, explica Fernández Villarino, directora do Departamento de Didácticas Especiais, quen pon o foco nas diferenzas entre os datos obtidos a través desta análise e os reflectidos na parte do cuestionario no que se preguntaba directamente ao estudantado pola súa percepción. 

Un problema de percepción que non só afecta á mocidade

Estes datos sobre actividade física extráense do estudo que González, Toja e Fernández Villarino desenvolven desde hai cinco anos cos centros de primaria e secundaria de Galicia que contan cun Proxecto Deportivo de Centro, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia para incentivar a actividade física entre a poboación escolar. Concretamente, neste estudo participaron 21 centros de toda Galicia, máis do 95% dos adheridos ao programa impulsado pola administración autonómica no momento da realización das enquisas, dos que o 53,5% son centros públicos, o 37,8% concertados e o 8,7% privados.

“Como formadores do profesado de Educación Física preguntabámonos cal pode ser o papel do centro educativo e do profesorado como axentes promotores dun estilo de vida activo e saudable”, relata Fernández Villarino do que foi o xerme dunha análise para o que empregaron un “cuestionario europeo moi amplo e xa validado que analiza o estilo de vida dos adolescentes”, unha poboación, “sensible ao establecemento de hábitos de vida”. Cuestionario que xa realizaron en varias ocasións nestes 21 centros, co propósito de “ver se efectivamente se se estaban a modificar hábitos”, e do que xurdiron á súa vez unha serie de estudos, como os recollidos en artigos científicos como Relación entre la actividad física de los adolescentes y la de madres/padres, publicado en 2017 na Revista de Psicología del Deporte, ou Valoración de la escuela y la educación física y su relación con la práctica de actividad física de los escolares, publicado na revista Retos. Mais quedaba por abordar, recoñece Fernández Villarino, o aspecto da percepción.

A percepción de nais e pais

Nese senso, ademais de reunir diferentes datos dos alumnos e alumnas, o estudo abrangueu tamén a realización de cuestionarios a 403 nais e 420 pais, que permitiron constatar esa diferenza entre a percepción dos niveis de exercicio e os índices de “actividade física vigorosa, que non é o mesmo que pasear”, como lembra Fernández Villarino. “O 19% das nais perciben as súas fillas como pouco activas, o 22% como moi activas e o 59% como activas e apenas existe diferenzas con respecto ao que perciben os pais”, sinala esta investigadora tras realizar unha análise centrada no caso concreto das alumnas, aínda que, matiza, “cos rapaces acontece exactamente o mesmo”.

E o que acontece é “unha problemática bastante significativa”, como amosa o feito de que “os índices de obesidade crezan cada vez máis entre a poboación adolescente e a poboación infantil”. Trátase, como engade esta investigadora, dunha problemática que engloba “un conxunto de factores”, entre eles, comprender que “moverse moito non implica ter un estilo de vida activo e saudable”. Nese senso, a raíz dos resultados das enquisas incide en que “é moi difícil modificar hábitos”, se tanto a propia poboación escolar como seus pais e nais consideran xa que posúen un estilo de vida activo. “Temos que cambiar esa percepción, porque se non, non imos conseguir nada”, conclúe esta docente.