DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o defende a autora da tese Protecção jurídica do menor em risco: realidade ou utopía

Adriana Gomes Neves, avogada de dereito de familia: “É urxente cambiar a lexislación portuguesa a favor dos nosos nenos en situación de risco”

A investigación realizada na UVigo céntrase na realidade social e xurídica lusa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/06/2022

Recoñece a avogada portuguesa na área do dereito de familia, ademais de docente e coordinadora do Posgrao en mediación familiar do Instituto Superior de Serviço Social de Porto, Adriana Manuela Carvalho Gomes Neves, “que sempre puxen o interese superior do menor vítima de violencia como unha das miñas principais preocupacións”. Se a esta afirmación se lle engade a constatación na súa experiencia profesional como avogada de familia, “de que existe unha evidente falta de coordinación entre os mecanismos legais e as prácticas profesionais de intervención social”, parece lóxico que decidise centrar a súa tese de doutoramento, Protecção jurídica do menor em risco: realidade ou utopía, dirixida na UVigo por Isabel Espín Alba, na protección xurídica do menor en risco en Portugal.

Adriana Gomes Neves asegura que a constante observación nos procesos nos que actúa como avogada, fíxolle reflexionar sobre a necesidade de que a lei de protección de nenos e mozos en Portugal necesite crear unha ferramenta que salvagarde aos menores que están en risco. “Unha ferramenta que defenda o interese superior do menor na lei, pero tamén unha ferramenta que distinga o menor en perigo do menor en risco, porque legalmente son conceptos diferentes e teñen como consecuencia actuacións distintas por parte dos axentes sociais e legais”, explica a doutora, que lembra que aínda que son recoñecidos como suxeitos de dereito polo dereito internacional e a existencia do principio de interese superior, “as nenas e nenos en situación de refuxio seguen sendo deixados nun segundo plano, a pesares dos diversos documentos internacionais que tratan sobre refuxiados e nenos, dado que non existe un tratado que se dirixe especificamente a este grupo vulnerable como grupo social”.

Logo da investigación realizada, ademais de pola súa propia experiencia profesional, a avogada e docente é categórica á hora de asegurar, respondendo á dualidade que formula no título da súa tese, que a protección xurídica do menor en risco en Portugal “non é unha realidade, senón unha utopía, dada a falta dun concepto normativo, dada a inexistencia de factores que definen o risco, dada a falta de formación do equipo e a falta de comunicación dos mesmos”. Ante esta evidencia, Adriana Gomes Neves asegura que “é urxente cambiar a lexislación portuguesa a favor dos nosos nenos en situación de risco”.

Unha investigación coa finalidade de propor melloras lexislativas

Tras estudar o modelo español e as prácticas de intervención social e xurídica en Portugal, incluíndo tamén a percepción das persoas entrevistadas para a realización da súa tese, a doutora suxire que se entenda que menor en risco “son todas aquelas situacións caracterizadas pola existencia de danos ao menor, que non sexan o suficientemente graves como para xustificar a súa separación do fogar”. Segundo Adriana Gomes Neves debe considerase como risco calquera situación, que polas circunstancias persoais das e dos menores, familiares, por influencia da contorna ou do desenvolvemento dos pequenos ten como consecuencia a intervención da autoridade pública.

Tras cinco de anos “de moito estudo, moita investigación e algúns imprevistos como a covid-19”, Adriana Gomes Neves rematou a súa tese Protecção jurídica do menor em risco: realidade ou utopía, “centrada esencialmente na realidade social e xurídica portuguesa, na que o recurso ao dereito comparado ocupa un papel meramente instrumental e limitado a cuestións moi específicas, e cinguido á lexislación española, coa fin de propoñer melloras lexislativas”, detalla a doutora pola UVigo. Sobre a elección do modelo español, a autora da tese sinala que non se debe unicamente ao feito de que o traballo o desenvolvese nunha institución española, senón polo feito obxectivo de que se trata dun dos sistemas que máis evolucionou nos últimos anos en materia de protección de menores.

Conclusións da tese 

O traballo de investigación realizado pola avogada portuguesa sinala que no país luso e no resto do mundo, a visión da infancia e a mocidade evolucionou e os menores están suxeitos a dereitos. “Non obstante, na lexislación portuguesa, a construción de cidadanía para menores aínda está estreitamente vinculada ao dereito de familia e é urxente unha maior autonomía nesta área de coñecemento, para que a condición sexa efectiva de dereitos da infancia e a mocidade”, sinala a autora da investigación, que tamén incide na importancia de identificar o “adultocentrismo como parte dun sistema máis amplo de dominación na lexislación e a xurisprudencia do dereito de familia e menores, que impediu o desenvolvemento e a igualdade de acceso a oportunidades e afecta principalmente aos nenos”. 

Adriana Gomes Neves conclúe tamén na súa tese que cómpre unha definición normativa en relación co principio de interese superior dos máis pequenos e incluso defende unha normativa legal, aínda que non sexa tan detallada como a española, “pero que respecte todos o aspectos da Convención sobre os dereitos do neno e serva de guía para as intervencións administrativas, xudiciais e sociais”, sinala a investigadora, que tamén considera que a lexislación lusa debe manter o concepto actual de menor en perigo, agregando un artigo da lei que defina o concepto de menores en situación de risco. A regulación específica dos avogados de menores e a posibilidade de introducir a figura do coordinador parental no ordenamento xurídico portugués como apoio ao traballo legal en casos de relacións familiares altamente conflitivas, son outras cuestións que defende a autora da investigación, na que tamén concluíu das respostas das persoas ás que entrevistou, “que os profesionais precisan de marcos de referencia claros, que orienten as súas accións e garantan o rigor, claridade e a cautela, concretamente nas súas prácticas”, explica a autora da tese.