DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ministro de Consumo participou nun debate promovido polo Post-Growth Innovation Lab

Alberto Garzón: “O decrecemento vaise producir si ou si, a cuestión é como”

Na súa intervención puxo o foco na necesidade de

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Reitor
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/09/2022

“Vivir dentro dos límites do planeta é algo inevitable, non é unha opción, e a realidade é que podes vivir dentro dos límites do planeta en sociedades moi diferentes”, salientou este luns o economista e ministro de Consumo, Alberto Garzón, quen participaba este luns nun debate promovido polo Post-Growth Innovation Lab no Museo de Pontevedra. Dirixido a afondar no papel que poden xogar as universidades no fomento do pensamento crítico respecto das consecuencias ambientais e sociais dun modelo económico baseado no crecemento, o grupo de investigación que dirixe Mario Pansera promoveu un encontro que puxo o foco na idea do decrecemento e en como este “vaise producir si ou si”, na opinión de Garzón. “O decrecemento é a única opción posible. A cuestión é como se vai producir, se vai ser acorde cos valores da democracia ou doutra forma”, concluíu o ministro. 

Aberta ao público e conducida polo investigador do Post-Growth Innovation Lab David Soto, esta mesa de debate contou coas intervencións do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, do director deste grupo de investigación, Mario Pansera, e da directora científica do centro de investigación interuniversitario Ecobas, María Loureiro, ademais do propio Garzón, quen previamente visitaba o Laboratorio de Biotoxinas emprazado do campus de Vigo. O punto de partida do coloquio que tivo lugar no Edificio Castelao era un artigo publicado recentemente por Garzón na revista Monthly Review, que puña o foco na necesidade de “reescalar” a actividade económica a un nivel compatible cos límites do planeta. Nese senso, Soto Oñate salientaba na presentación desta actividade como esa análise se aliñaba “co espírito das investigacións que levamos a cabo no grupo”, mais tamén o feito de que "é a primeira vez que un membro en activo do goberno dunha sociedade occidental cuestiona abertamente o crecemento”.  

Alén do capital e o traballo, están os recursos e a enerxía

“Estamos imbuídos do fetichismo do crecemento económico, é unha cosmovisión da que bebemos todos e todas. Os primeiros, os economistas, que asumimos unha forma de ver o mundo que persegue un obxectivo moi concreto, que é o crecemento do valor monetario da produción”, sostivo Garzón no inicio da súa intervención. O político e economista afondou en como diferentes escolas de pensamento analizaron nas últimas décadas as “condicións do crecemento económico”, xeralmente, apuntou, co obxectivo de “impedir que se interrompa”. Mais, os diferentes modelos dos que parten "e que tratamos de impugnar", aseverou, teñen como punto de partida a idea de que “a produción depende de dous factores, o capital e o traballo”. Non obstante, “os avances científicos permitíronnos coñecer que hai dous factores que faltan, os recursos naturais e a enerxía”, dous elementos, engadiu, que supoñen “fortes restricións á posibilidade dun crecemento ilimitado”. 

Neste punto, o que fora investigador da Universidad Pablo de Olavide antes de iniciar a súa traxectoria domo deputado definiu como unha "anomalía histórica" que o sistema produtivo parta do uso “de materia orgánica que se compactou durante millóns de anos e que nós estamos usando e queimando en 200”. Ao mesmo tempo, puxo o foco en como a ciencia permitiu coñecer “que existe un impacto ecolóxico da forma na que se usan os recursos naturais e a enerxía”, que se traducen “na perda de biodiversidade, no cambio climático, nos gases de efecto invernadoiro, nas secas ou na acidificación das augas”. De aí que puxese o foco na pregunta de “como podemos manter unha sociedade con recursos materiais escasos”. Neste punto, o coordinador federal de Izquierda Unida apuntou á posiblidade de “vivir nunha sociedade rexida polo autoritarismo, pola restrición de recursos a uns poucos e pola desigualdade”, que definiu como “ecofascismo”. Fronte a este, avogou por “construír outro tipo de sociedades”, que ao seu xuízo responderían á categoría do “ecosocialismo decrecentista”, partindo da idea de que ao igual que hai “un teito ecolóxico que non se pode traspasar”, existe tamén un “solo social”, que fará necesaria unha “reescalada democrática da actividade produtiva”, que oriente esta cara “a satisfacción das necesidades” da cidadanía. Neste punto, Garzón advertiu que na actualidade, nun contexto marcado pola crise enerxética derivada da guerra en Ucraína, pódense xa observar “procesos inflacionarios brutais que establecen barreiras sociais” no acceso a determinados recursos, como a enerxía. 

Universidades e pensamento crítico

Outro dos propósitos deste coloquio era pór o foco no papel que poden xogar as universidades como un espazo “onde poida desenvolverse un pensamento crítico”, como salientou Pansera. Nese senso, o director do Post-Growth Innovation Lab sostivo que nas últimas décadas e en ámbitos como o económico, as institucións de ensino superior pasaron a ser, “en moitos casos, centros de reprodución do pensamento dominante”. Neste caso, dun modelo “no que o que importa é crecer economicamente, no que todo se reduce a un cálculo custo-beneficio” e fronte ao que, subliñou, é necesaria unha “oferta académica plural”. 

Continuando este debate, o reitor lembrou a autonomía universitaria e a liberdade de cátedra como dereitos recollidos na Constitución e que levan a que “na universidade poden e deben explicarse distintas correntes de pensamento e hai lugar á discrepancia”. Reigosa aludiu tamén á propia incorporación de Pansera á UVigo como gañador dun axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), incidindo en que "se unha Universidade quere ser boa, ten que fichar os mellores", como Pansera, lembrando neste punto que "sabíamos que fichabamos a un heterodoxo", cunha visión crítica da "tendencia dominante no pensamento económico". Neste punto, Reigosa puxo o acento na importancia de que a universidade acolla "a aqueles que discrepan" para que “desde un punto de vista científico sexan capaces de pór enriba da mesa datos, modelos e evidencias” respecto das “ineficacias que teñen os modelos actuais e que nos poderían levar a novos modelos”, xa que “a universidade ten a obriga moral de levar estes debates á sociedade” e promover que a confrontación entre “diferentes ideas” poida contribuír a un “futuro máis xusto”. 

Nesta mesma liña, María Loureiro defendeu que, pese a que “envelleceu, ao igual que a sociedade”, a universidade española “é moito máis plural” que a doutros países e que con iniciativas como esta mesa mostrase como “o berce do pensamento crítico”, contribuíndo a un labor “fundamental”, o de que se xeren este tipo de debates “dentro da sociedade”.