DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alejandro Blanco, presidente do COE: "Cando falamos de deporte, falamos tamén de economía"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Cultura
D. Besadío DUVI 07/04/2021

A seis meses dos Xogos de Tokio, o presidente do Comité Olímpico Español Alejandro Blanco (Ourense 1950), compartiu co alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais as súas reflexións sobre a estreita relación que vincula o olimpismo, a economía e o deporte. A aspiración ao triunfo, a necesidade da constancia e o esforzo para conseguir obxectivos, de afrontar os imprevistos con serenidade... son lemas básicos para os deportistas, pero tamén para calquera outra persoa. “O deporte é unha filosofía de vida que vai moito máis aló do deporte de elite”, salientou Blanco, quen, por un día, se converteu nun docente de luxo para todos os estudantes que seguiron a súa intervención, ben de xeito físico no salón de actos da facultade ou a través de UVigoTV. 

“Cando falamos de deporte falamos de economía”, recalcou Blanco quen, entre outros moitos datos, salientou que un 3% do Produto Interior Bruto da Unión Europea corresponde ao deporte e que máis de 15 millóns de persoas da UE están traballando neste sector, o que supón case un 6% da poboación activa. “O máis fácil é falar do diñeiro que gañan os deportistas de superelite, sobre todo daqueles deportes nos que se move moitísimo diñeiro”, salientou. Desde o seu punto de vista, falar de deportistas como Roger Federer, Rafa Nadal,  Cristiano Ronaldo, Messi ou Jordan é falar de cantidades estratosféricas, pero “é que realmente eses deportistas xeran eses ingresos, porque ademais de deportistas son verdadeiras iconas con miles de seguidores”.

Toda unha vida dedicado ao mundo do deporte

De presentar a Alejandro Blanco e moderar o posterior debate encargáronse nesta ocasión o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, e o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado, que destacaron a importancia dun ciclo, coorganizado pola Fundación Mentor e ao que desde esta semana se suman tamén a Fundación Banco Sabadell e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, que permite traer á Universidade a figuras de primeiro nivel, tanto nacional como internacional. “Ás veces á Universidade repróchasenos que estamos lonxe da xente e iniciativas como esta permítennos facer posible unha conversa bidireccional e un intercambio aberto de ideas”, tal e como recalcou o vicerreitor.

Nado en Ourense e licenciado en Ciencias Físicas, Alejandro Blanco conta cun amplo historial como deportista e directivo da Federación de Judo, tal e como lembrou Alfonso Mandado. Presidente do COE desde 2005, Blanco ocupou ao longo da súa traxectoria profesional numerosos postos directivos como a presidencia da Candidatura Madrid 2020, recibindo ademais múltiples distincións, entre elas a medalla de Oro al Mérito Deportivo del Consejo Superior de Deportes.

Os Xogos Olímpicos, un canto á esperanza

Na súa intervención Blanco lembrou que os Xogos olímpicos son o maior acontecemento que se pode organizar e, despois da gran crise que se está a vivir sanitaria, social e económica poder ver a máis de 10.000 deportistas, os mellores do mundo, inaugurando uns xogos olímpicos será un canto á esperanza. Neste contexto, lembrou a súa experiencia como presidente da Candidatura Madrid 2020, na que el defendía que as cidades non se teñen que adaptar aos xogos, senón que son os xogos os que se teñen que adaptar ás cidades. “A decisión tomouse en Arxentina no 2013 e non só perdemos, senón que perdemos por goleada”, recoñeceu Blanco, quen admitiu que ese foi un intre moi duro para o deporte español. Posteriormente, en decembro de 2014 en Mónaco, cando se aprobou a Axenda 2020, a folla de ruta para o olimpismo, nela recollíase absolutamente todo o que se propuxera desde a candidatura madrileña. “Quen non nos deu os votos en 2013 deunos a razón en 2014”, ao que engadiu que, “dito isto, só temos que imaxinar que si naquel intre nos tiveran dado os votos, hoxe sería España a que estaría a sufrir todo o que está pasando Xapón, unha situación durísima, polo que, ás veces, as derrotas a longa non son tan malas”, recoñeceu Blanco.

Unha das ideas básicas que tamén subliñou no seu relatorio é que as achegas económicas son fundamentais para o deporte e, neste contexto, defendeu a importancia que tivo no seu momento a entrada dos patrocinios no deporte olímpico. Xunto a isto, recalcou o feito de a día de hoxe seguen a faltar estudos sobre o que significa o movemento deportivo en postos de traballo ou no Produto Interior Bruto dun país. 

O ciclo continúa o mércores coa participación de Gustavo Zerbino

Tras a participación de Alejandro Blanco, o ciclo Coloquios en tempos de pandemia continuará o vindeiro mércores día 14 coa intervención de Gustavo Zerbino, un dos 16 superviventes do accidente aéreo dos Andes de 1972, unha traxedia que conmocionou ao mundo enteiro e que obrigou a este grupo de persoas, a inmensa maioría estudantes que xogaban no equipo de rugby Old Christians, a sobrevivir durante 72 días a 4500 metros de altitude con temperaturas de ata 40 grados baixo cero, escaseza de alimentos, carencia de medios, enfermidades e aludes, refuxiándose nos restos dun avión que se estrelara días antes. El foi o último que abandonou a montaña e, desde entón, converteuse nun supervivente en todos os sentidos da palabra, experto en liderado, motivación e superación da adversidade.