DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na actividade participou alumnado deste concello e de Ribadavia

Allariz acolleu a segunda das xeiras de homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos

Con esta iniciativa a UVigo sumouse á conmemoración do centenario desta institución cultural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI Ourense 26/05/2023

Tras arrancar o pasado venres en Ribadavia, este venres tocoulle a Allariz acoller a segunda e última sesión das Xeiras con Historia, unha iniciativa coa que a Universidade de Vigo se uniu á celebración este ano do centenario da creación en 1923 do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución cultural creada por intelectuais galeguistas para estudar e divulgar o patrimonio cultural e lingüístico de Galicia. Na actividade participou alumnado do IES Allariz e do IES O Ribeiro (Ribadavia).

Balance moi positivo

As Xeiras con Historia estiveron coordinadas pola Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e nela participaron a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Losada Diéguez e a Facultade de Historia do campus de Ourense. Ademais contaron coa colaboración dos IES Allariz e o IES O Ribeiro e os concellos de Allariz e Ribadavia. No seu peche, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, quixo agradecer as entidades e persoas participantes nesta iniciativa a súa colaboración e darlle os parabéns “polo bo traballo realizado”. A responsable académica fixo un “balance totalmente positivo da experiencia” apuntando que “os obxectivos propostos cumpríronse con creces” xa que “realmente os rapaces e rapazas dos dous institutos participantes viviron a experiencia de dúas xeiras: dúas xeiras que consistiron na realización pola súa parte duns traballos etnográficos marabillosos, con perspectivas moi diferentes” e que se complementaron con actividades relacionadas coa arqueoloxía e a literatura.

Inspirándose no sistema de investigación do SEG

Nesta segunda xeira, o alumnado de Ribadavia foi acollido polo alumnado do IES Allariz e expuxo alí os seus traballos etnográficos. Na súa benvida foron recibidos ademais de por Susana Reboreda pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid. Ao remate visitaron o xacemento de Armea, onde o director do proxecto arqueolóxico deste enclave, o investigador do  Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo Adolfo Fernández, explicou o desenvolvemento das escavacións e os resultados acadados durante estes anos. Para rematar a actividade houbo unha visita guiada e breve charla sobre o papel de Vicente Risco na SEG por Antonio Blanco, vicepresidente da Fundación Vicente Risco, e un xantar en Allariz.

A iniciativa inspirouse no “novidoso e xenuíno” sistema de investigación que denominaron xeiras empregado a partir do ano 1926 polos membros do Seminario de Estudos Galegos. “O procedemento era o seguinte: as diferentes seccións do SEG acordaban unha comarca e todos os membros dispoñibles desprazábanse alí, arredor dunha semana, para traballar directamente sobre o terreo ao mesmo tempo. O obxectivo era aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos, romarías, realizaban análises xeolóxicas, etc”, detallan desde a organización da actividade.

Partindo desta metodoloxía, a proposta das xornadas, comentan desde a súa organización, foi “pór en marcha unha experiencia similar con alumnado de Educación Secundaria dos concellos de Allariz e Ribadavia, co obxectivo de transmitir e experimentar esta singular vía de investigación no ámbito da cultura galega, en concreto nas áreas da historia, arqueoloxía, literatura, etnografía e arte”. Con esta idea, as e os estudantes participantes estiveron a realizar un pequeno traballo de recollida de saber de persoas maiores da súa contorna que plasmaron en vídeos curtos e que se proxectaron nestas xeiras.