Promovida polo Post-Growth Innovation Lab, co financiamento da FECYT
‘This Is Also Science’ completa o seu primeiro ano cunha revista ilustrada con versións en braille e en formato sonoro
Presentarase o vindeiro venres 26 en Vigo, no edificio Redeiras
Impulsada polo Post-Growth Innovation Lab, T·I·A·S (This Is Also Science) é unha revista divulgativa que pon o seu foco en investigacións que teñen un impacto directo sobre a sociedade e que se presentan en forma de relatos protagonizados por unha serie de personaxes. Esta publicación é o resultado dun proxecto financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, que se completa coa edición dun número especial ilustrado en papel, que reúne unha escolma de relatos aparecidos nos tres volumes previos e outros contidos inéditos adicionais e que conta ademais cunha versión en braille e outra en formato de audiorevista. Este número especial, que conta tamén co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, presentarase no acto que este grupo de investigación levará cabo na tarde do venres 26 de xuño en Vigo, no edificio Redeiras da Universidade.
Este evento servirá tamén para pór peche ao proxecto desenvolvido co financiamento de FECYT, mais non dunha publicación, que busca “achegar a ciencia á cidadanía dunha forma amena e cunha linguaxe comprensible”, subliñan. “Imos facer modificacións na dinámica e no número de publicacións, pero a revista vai continuar”, subliña ao respecto Cristina Vázquez, coordinadora xunto con Brais Suárez, dun proxecto xurdido da necesidade de achegar á cidadanía os resultados da investigación que se realiza desde as ciencias sociais, indo máis aló dos achados científicos para pór o foco no seu impacto na sociedade. Coa idea de levar estes contidos a colectivos como a mocidade ou as persoas en risco de exclusión social, T·I·A·S presenta en cada un dos seus números unha serie de “relatos de ficción”, elaborados a partir dos resumos achegados por investigadores e investigadoras de artigos ou estudos da súa autoría. Deste xeito, esta iniciativa busca trasladar os conceptos recollidos neses traballos a través das historias protagonizadas por personaxes como os estudantes Marga e Juan, a profesora Paca ou Ramón e a súa neta Cíes.
Un número especial con tres versións
O proxecto botou a andar coa publicación, en formato dixital, de tres números nos que estes relatos se conectaban á súa vez coa idea “de que cada número tivese un fío condutor, que sempre son cuestións moi vinculadas coa sociedade, que se abordan desde diferentes disciplinas”, apunta Vázquez. Así, o primeiro volume tivo como eixe a xustiza, co obxectivo de pór de relevo que a ciencia “está ligada a decisións políticas, económicas e sociais, que lle afectan ás persoas e ao planeta”, mentres que o segundo centrouse nos incendios forestais e o terceiro incidiu no “poder da colectividade”.
Para o número especial que completa este primeiro ano de andaina da revista, seleccionáronse sete dos relatos incluídos nestes tres volumes, que se presentan desta volta acompañados polas ilustracións realizadas para este proxecto por Agustina Shuan, Diana Hernández, Eliana Gutiérrez, Frida C. Devecchi, Laura Martín, Lidia Cao, María Lapido, Marta Antelo e Rebeca Arredondo. Deste xeito, o cuarto volume da revista permitirá afondar, como sinala o seu comité editorial, na “innovación responsable despois de Gaza”, nos “coidados que sosteñen o corazón do Atlántico”, no papel “moitas invisible” das mulleres durante un incendio, na memoria rural, no “valor de xuntar saberes e compartir ferramentas”, na “potencia crítica da educación ambiental e na relación entre os cabalos “e os modos de habitar o territorio”.
Estas historias teñen como punto de partida unha serie de estudos realizado tanto por integrantes do Post-Growth Innovation Lab, como do Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo, así como por investigadores e investigadoras das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, da Autónoma de Barcelona e da Monash University (Australia). Con versión tanto dixital como impresa, este número especial contará ademais cunha versión en braille, que se distribuirá “a través de asociacións de persoas con diversidade funcional visual”. Ao mesmo tempo, os sete relatos seleccionados foron adaptados a un formato de “audio revista”, polo colectivo responsable de Radio Manoplas, que realizou tamén un “episodio cero”, no que interveñen tanto responsables do proxecto como algunhas das investigadoras e ilustradoras que colaboraron coa iniciativa, así como integrantes do grupo Vexx, autoras do tema musical desta audio-revista.
Xornada de presentación
Todos estes contidos “estarán dispoñibles en aberto para o público”, tras a presentación que o Post-Growth Innovation Lab promove o vindeiro venres 26, ás 17.15 horas, en Redeiras. Trátase dunha “xornada moi lúdica”, sinalan, na que os contidos deste volume serán presentados polas persoas que integran o equipo de traballo do proxecto, que completan Aitor Alonso, Alejandro Fortuny, Ana García, Carmen Rey, Cristina Vázquez, Susana Bastón e Víctor José Sánchez. O evento contará ademais coa actuación da banda Vexx, do programa Xeración Sónica de Estudo Bonobo, e cun pequeno “concurso” coas e cos asistentes. Aberto a toda a cidadanía, con inscrición previa, desde o equipo organizador sinalan que “aínda quedan algunhas prazas dispoñibles” ata completar a capacidade da sala.
Por outra banda, desde o comité editorial sinalan que permanece aberta a posibilidade de que investigadores e investigadoras presenten as súas “propostas de artigo, para que sexan utilizados nos relatos” de futuros números da revista, que continuarán tendo como protagonistas ás personaxes “da familia T·I·A·S", xa que nos diferentes números vanse “creando algúns novos personaxes e relacións entre eles”.
