DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Isabel Noya continúa un ano máis á fronte da Anecafyde

Unha alumna do campus, reelixida presidenta da asemblea estatal de estudantes de CC da Actividade Física e do Deporte

O seu principal obxectivo será ter un papel activo na elaboración da futura lei de profesións do dep

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/12/2021

Representantes de 47 das universidades españolas forman parte da Anecafyde, a Asemblea Nacional de Estudantes de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que ten á fronte á estudante campus pontevedrés Isabel Noya, recentemente reelixida presidenta dunha asociación que centra a súa actividade na defensa dos dereitos e intereses do alumnado desta titulación. “É toda unha honra que, por segundo ano consecutivo, a xente coa que traballei confíase en min como a persoa de referencia dentro da Anecafyde”, salienta esta estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que recoñece iniciar cunhas “ganas impresionantes” o seu segundo período á fronte da asociación, no que o principal obxectivo será, explica, ter un papel activo no proceso de elaboración do anteproxecto futura lei de profesións do deporte.

Alumna do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e presidenta da Delegación de Estudantes da facultade, Noya iniciou en decembro de 2020 a súa etapa como presidenta da Anecafyde, despois de ter exercido previamente como vicepresidenta de Asuntos Internos. Rematado o seu primeiro mandato, esta estudante foi reelixida na asemblea xeral ordinaria que a Anecafyde celebrou a finais de novembro en Sevilla, na que participaron máis de 60 representantes de 47 universidades españolas. Xunto a Noya, os estudates Daniel Franco. Ana Isabel Martínez, Esther García, Cristina Vergara e José Castro conforman a nova xunta directiva da asociación.

A regulación profesional, principal obxectivo

Como explica Noya, o labor que a nova xunta directiva levará a cabo ao longo deste ano terá como eixo central “traballar na futura lei de regulación das profesións do deporte” e xogar un papel activo no proceso de elaboración e debate do anteproxecto desta normativa, respecto da que, en decembro 2020, a Anecafyde presentara xa o seu posicionamento. Con esa idea, de feito, as e os integrantes da directiva mantiveron recentenente un encontro, na sede do Consejo Superior de Deportes (CSD), co director general para o Deporte do Goberno central, Alber Soler. “Na reunión, dixéronnos que unhas das principais propostas que recibiron foi a nosa e que non nós ían deixar fóra do proceso”, salienta Noya, que incide na importancia de que a asociación forme parte das reunións que nos próximos meses poidan impulsarse co propósito de debater o documento previo á tramitación dunha lei clave, sinala, “sobre todo para asegurar a saúde e seguridade da cidadanía”. Neste punto, Noya pon de relevo que, alén do recoñecemento ás competencias dos titulados e tituladas, esta regulación profesional é necesaria, ao seu xuízo, para evitar que a cidadanía poida “acudir a profesionais non cualificados, por exemplo, para realizar adestramento persoal, xa que isto implica uns riscos”. 

Presenza activa dos representantes da UVigo

Creada no ano 2010, trátase da segunda vez que a Anecafyde está presidida por unha estudante da facultade pontevedresa, despois da etapa na que tivo á fronte a Lara Piñeiro, entre 2016 e 2018. Ademais, a UVigo tamén está representada na súa directiva polo egresado Matías Zelayarán, que foi reelixido membro do seu consello asesor na XXII asemblea xeral, celebrada en Sevilla a finais de novembro. Nesta xuntanza, a institución viguesa tamén estivo representada por Iván Vicente, que foi o coordinador das universidades da zona norte no último ano, pola estudante Tatiana Guerrero e polo xa egresado Sergio Domínguez, vicepresidente de Asuntos Universitarios no anterior mandato. 

No referido a esta asemblea, Noya pon de relevo como, tras a adhesión da Pontificia de Comillas nesta asemblea, na Anecafyde estean representadas “case todas as universidades nas que se imparte o grao”, o que considera “un logro moi importante”. Na actualidade, explica, son 47 as institucións académicas con representación neste organismo, que, por outra banda, contou na súa asemblea de Sevilla cunha elevada porcentaxe de novos asemblearios e asemblearias, o que fixo que esta “versase en gran parte sobre a formación dos representantes estudantís”.