DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sandra Cendón foi premiada por un vídeo sobre o abuso das pantallas móbiles

Unha alumna da UVigo, galardoa no concurso estatal sobre adiccións Tu Punto de Mira

O audiovisual foi realizado no marco dunha materia do Grao de Educación Social

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Ourense 16/06/2021

A alumna da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Sandra Cendón é unha das premiadas no 10º Concurso Adicciones: Tu Punto de Mira, financiado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. O seu vídeo, titulado El Tiempo e centrado na reflexión sobre o abuso das pantallas móbiles, foi un dos seis galardoados entre as 212 pezas audiovisuais presentadas a este certame convocado pola Asociación PDS (Promoción y Desarrollo Social) no marco do programa Tu Punto, de prevención de riscos derivados do consumo de drogas e outras condutas aditivas entre alumnado universitario.

A Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, é unha das universidades estatais adheridas a este programa “dirixido a estudantes universitarios que facilita información sobre os riscos derivados do consumo de alcohol, cannabis e outras drogas así como información sobre adiccións sen substancia; favorece procesos de reflexión crítica e suxire estratexias de autocontrol e limitación de riscos”. Entre outras accións, o programa foi incorporado á materia Intervención Socioeducativa nas Condutas Aditivas, impartida en cuarto curso do Grao en Educación Social do campus de Ourense polos profesores Manuel Isorna e José María Faílde. O seu alumnado, ademais de contar cunha charla da coordinadora de Tu Punto María José Santiago, na parte práctica puido escoller entre participar neste certame ou realizar un traballo de investigación.

Tempo que non se recupera

O vídeo realizado por Sandra Cendón, dun minuto de duración, acadou o Premio Especial (Crédito ETCS), dotado con 900 euros. Esta categoría estaba destinada a distinguir o mellor vídeo presentado desde as universidades que incluíron a formación do programa Tu Punto dentro do seu curriculum, como foi o caso da UVigo. “Eu animeime a participar porque sempre me gustou realizar vídeos e xa que tiña a oportunidade de presentarme a un concurso relacionado coa miña carreira decidín aproveitala”, comenta a alumna galardoada. O seu audiovisual, indica, céntrase na prevención do uso de pantallas, tendo en conta que “cada vez máis facemos un uso inadecuado delas e perdemos moitísimo tempo da nosa vida mirándoas. Miramos a pantalla e deixamos pasar o tempo e ese tempo nunca o vamos a recuperar”.

Na súa peza, engade, quixo subliñar a importancia de volver “a gozar das pequenas cousas, como tomar un café con amigos e de ter unha conversa real e non a través dunha pantalla ou sentir unha paisaxe véndoa en persoa, non a través do móbil... de vivir as cousas en primeira persoa”. Para facelo, no seu vídeo combinou un texto escrito por ela mesma unha noite na que “matinaba en como na pandemia pasámolo tan mal que agora dámonos de conta do importante que é darlle valor a todo o que acontece fóra da nosa casa” e imaxes libres de dereito obtidas de Internet. No texto expresa como “o tempo fuxe, escápase, non mira cara atrás. O tempo non o compras, non o vendes. O tempo ofrécelo á vida, a túa vida, esa que flúe, que non se detén. Tempo imaxinario, imperceptible pero, marcado nun reloxo, nun calendario. Tempo, invisible aos ollos da humanidade, pero tan importante. É tempo de menos pantallas e máis paisaxes. Tempo de xogos en familia, en versión fogar. Tempo para ti. Tempo de gozar, de compartir, de sentir en versión real. Acórdate: tempo que sume que non reste”.

Un aliciente para seguir

Sobre ter conseguido un dos galardóns, Sandra Cendón sinala que “foi unha sorpresa e unha alegría, non mo cría cando mo dixeron. É moi motivador, a verdade”. Alén de recoñecer o seu esforzo individual, a alumna destaca a importancia de que con este tipo de iniciativas tamén se recoñeza o traballo que se fai nos graos de Educación Social que, apunta, sempre foron “moi invisibilizados”. Pola súa banda, Manuel Isorna salienta sobre a participación nesta iniciativa como “a valoración que facemos é moi positiva”, apuntando os bos resultados acadados a pesar de ser a primeira vez que se sumaban a ela. A participación neste programa, subliña o profesor, “permítelle ao alumnado avanzar no desenvolvemento das súas competencias, complementando moi ben o que é a materia e tendo en conta os novos tempos da educación”. Así, apunta, ademais de traballar arredor do tema das adiccións, o alumnado tivo que traballar na busca, sintetización, elaboración e transmisión da información e da mensaxe elixida nun formato breve e creativo, ademais de competir a nivel estatal con outros estudantes. “Que Sandra gañase é un aliciente para todos, sobre todo para o alumnado que participe o vindeiro ano, que o fará con máis gañas pois verá que é posible gañar”, comenta Manuel Isorna, adiantando a intención de repetir a experiencia de participar no programa Tu Punto o vindeiro curso académico.